Domingo 29º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Dálle ó teu irmán o que é de Deus
Domingo
XXIX Ordinario-18 outubro 2026
Se metedes a man no peto, igual atopades algunhas moedas.
Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra atopar algunhas moedas
máis xeitosas. Poden ter a figura dunha
gran raíña ou dun rei, tanto nacional coma estranxeiro. Dende hai séculos os países gravan nas
súas moedas as imaxes dos personaxes de máis sona e sobre todo as dos seus
actuais gobernantes, democráticos ou non.Pois ben,cando os emisarios dos
fariseos foron onda Xesús para lle poñer -tal e como acostumaban- a consabida
trapela, Xesús non debía de levar ningunha moeda no peto ou fixo polo menoscomo
se non a levase. É lóxico que, dos poucos cartos dos que disporían
conxuntamente el e mailo grupo dos apóstolos, alguén se encargase deles en nome
dos demais. Sabemos concretamente que Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu
mellor ou peor con esa función.
En calquera caso, Xesús, que axiña se deu conta da trapela
que lle querían montar, soubo tamén a maneira de se comportar pola súa parte
como cumpría. Poderiamos dicir que se comportou dunha maneira -segundo polo
menos se adoita pensar- moi galega, é dicir, intelixente. Xesús iniciou a súa
resposta desenleándose da trapela que lle acababan de tender con estaspalabras:
“Mostrádeme a moeda do tributo”.No tempo de Xesús, a moeda que circulaba no
país de Xudea era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se
hoxe en día algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de
Filipe VI, o actual rei de España, o denario que lle presentaron a Xesús tiña
gravada por un lado a face deTiberio, o emperador romano, acompañada destas
palabras: “fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.
Como vedes, a teor desas palabras da moeda, o emperador
romano aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (e a
estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como alguén
sobrehumano, divino, aureolado con poder civil emais co relixioso.O dilema no
que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se dicía que estaba ben pagarlle o
tributo ó César, entón quedaba moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre
todo, coa súa propia relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar
e render tributo.
De feito, no espazo interior do templo de Xerusalén
circulaba outra moeda propia (non a moeda romana) para simbolizar polo menos
dese xeito que a estrutura relixiosa do xudaísmo no podía estar sometida ao poder
romano. Os encargados do cambioera xustamente aqueles que Xesús noutra ocasión botara
fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían esa función. Viñan
sendo algo así como modestas entidades bancarias no templo de Xerusalén coa
función de cambiar ese diñeiro relixioso polos denarios romanos.
Dito isto, se no referido dilema Xesús se inclinaba pola
outra alternativa, a de dicir que non era lícito pagar tributo ó emperador
romano, entón Xesús convertíase de súpeto nun revolucionario ou nun activista
político contra as forzas ocupadoras de Xudea, as dos romanos.
Non se trata aquí propiamente de que Xesús non quixese
enfrontarse coas forzas de ocupación (os romanos), mais a súa misión -tantas
veces posta de manifesto por el- non era estritamente política, senón incomparabelmente
máis fonda, eficaz e universal. A resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos
manterase en tódolos tempos como algo que servirá de eficaz orientación e faro
de luz para cantos a escoiten ou lean sen prevencións: “Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus”.
Deste xeito separa el netamente, contra calquera tipo de
posíbel confusión, Deus de toda autoridade ou instancia política. O mando ou
poder de Deus non é para asoballarnos ou converternos en escravos, senón para
construír fraternidade e igualdade entre todos. Un reino –tal como adoita
proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de paz. Por iso tamén toda a nosa
xusta dependencia do poder político ou relixioso non ha ter outro motivo nin
outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos. “Dar a Deus o que é de
Deus” redúcese así en último termo a esta outra fórmula: “dar ao próximo, ós
demais, o que eles esperan de nós”. Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa
todo. En cambio, os demais si que poden precisar e precisan a nosa atención. El
quere que amemos os demais como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de
verdade a Deus o que é de Deus.
Finalmente, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da
Evanxelización dos Pobos”, é isto unha boa
ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso persoal de tantas
persoas, elas e eles, que se dan ou entregan de por vida a anunciar a boa nova
de Xesús por todo o mundo.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aosevanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025).SEPT (editorialsept@gmail.com;editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4



Comentarios
Publicar un comentario