FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXVII DE ORDINARIO A

                                                            FICHAS ANTERIORES:

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


LECTIO:

Humildes servidores 

(8 outubro 23)

 

            As lecturas da liturxia casan ben coas tarefas que se están a realizar nestes días ou hai pouco remataron xa na nosa terra. É o tempo fermoso de vendima. Un traballo e unha recolleita, que precisa esforzo e dedicación, mais que se fai con ilusión case festiva, porque os acios recolleitos e o viño que sairá deles servirán para alegrar o corazón e crear comensalía e fraternidade.

            Non é nada estraño que Xesús botase man moitas veces da comparanza do seu Reino co cultivo da viña ou co traballo da recolleita da uva. Á fin e ó cabo a eucaristía está construída tamén arredor do viño que pola celebración sacramental se converte en quen dá a súa vida por nós. É así verdadeiramente un banquete no que comemos e bebemos o corpo e o sangue de Cristo para dese xeito írmonos convertendo paseniñamente no que o mesmo Cristo é. Trátase dunha divinización que o mesmo Deus vai realizando en nós ó nos pór en contacto con el por medio sobre todo da Eucaristía.

            No centro do texto do evanxeo non están os traballadores en paro que o dono da viña convida a traballaren nela. Os protagonistas son agora dunha categoría algo superior. Non son traballadores ocasionais ou sen papeis, senón estábeis. Son os que o propietario contratou coma rendeiros para coidaren día tras día a súa viña ata que el volva da longa viaxe. Levaban por isto tanto tempo no seu cargo, facendo sempre o mesmo e sen que ninguén lles pedise contas, que chegarían a pensar que a viña e canto alí ocorría non era máis ca cousa deles e para eles.

            Unha vez máis, nesta parábola dirixida tamén como a do anterior domingo ós sacerdotes e ós anciáns do pobo, vólvese insistir en que ninguén neste mundo, por moi relixioso e bo que se considere a si mesmo, ten a propiedade ou a exclusiva da relixiosidade. Isto vale tanto en relación coa relixión oficial do tempo de Xesús como en relación con calquera outra relixión. Tamén en relación coa nosa relixión cristiá.

            O propietario da viña da parábola, das vides ou da terra que hai nela, é só Deus e o seu fillo, mandado polo Pai-Deus para estar connosco e para nos aprender o verdadeiro xeito de comportármonos na vida. Sacerdotes, relixiosos, párrocos, bispos e mesmo o bispo de Roma e Sumo Pontífice non somos máis ca traballadores na viña de Deus para o mundo, encargados polo tanto, a distintos niveis de responsabilidade, de coidar o mellor que poidamos dunha viña que non é nosa, senón do Deus que nola ofrece para o ben do mundo.

            Por iso tamén, se no texto do evanxeo do anterior domingo se lles dicía ós xefes relixiosos xudeus que os por eles tan desprezados “recadadores de impostos e prostitutas”  entrarían antes ca eles no Reino de Deus, algo semellante ocorre hoxe cos contratados polo dono da viña para coidaren dela. Na medida en que se comporten ou nos comportemos como donos da viña sen selo en realidade, considerándose ou considerándonos con dereito exclusivo para decidir quen pode ou non entrar nela, caen, caemos, baixo a condena da parábola de hoxe: “A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros”.

            Cantos teñen cargos ou responsabilidade nas nosas comunidades cristiás deben xa que logo comportarse como “bos administradores dos bens de Deus” e non como propietarios dunha viña que non é senón gratuíto don de Deus á humanidade. E os que non teñen esa responsabilidade directa, si teñen tamén a responsabilidade e o dereito de esixir ós “administradores” destes bens que o seu comportamento sexa conforme á anunciada boa nova do evanxeo.

            Ben sabedes que na Igrexa, na comunidade dos crentes en Xesús, nos atopamos hoxe en día, como tamén noutros tempos aínda que doutras maneiras, con importantes dificultades e problemas de moi diversa orixe e de moi distinto xénero. Mais en calquera caso, esta viña do Señor debería abrir cada vez máis as súas portas e os seus valados para que toda persoa de boa vontade poida degustar o saboroso e reconfortante dos acios e do viño que Deus regala á humanidade. A Igrexa non se pode considerar a si mesma como unha finca particular ou un coto privado nos que só poden entrar os que pensan, os que pensamos, pertencer xa a ela. Neste sentido o papa Francisco dicía no seu fermoso e ben evanxélico escrito “A alegría do evanxeo” o seguinte: “A miúdo nos comportamos como controladores da graza e non coma facilitadores. Mais a Igrexa non é unha aduana, é a casa paterna onde hai lugar para cada un coa súa vida a costas”.

            Así, pois, do mesmo xeito que Xesús foi, como se nos di no texto do evanxeo de hoxe, “a pedra que desbotaron os canteiros, mais que agora se converteu en esquinal”, así tamén os desprezados, os pobres, os aparentemente pouco relixiosos ou indignos deberían converterse en “esquinal”, é dicir, en pedra básica e decisiva na construción desa igrexa, dese “reino de Deus” que queremos construír e que Deus quere construír e está xa a construír connosco.

            Desta apertura da igrexa a todos parece falarnos na segunda Lectura o propio Paulo cando lles escribía na súa carta ós Filipenses: “Meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimábel, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loábel que haxa, iso é o que debedes apreciar”.

            Non podemos dubidar de que hai moitas persoas, ben coñecidas seguramente por vós onde queira que vivades ou vos movades, que son, tal como di Paulo, xustas, honestas, posuidoras de virtudes e outros dons de Deus. Todos eles pertencen de feito á viña do Señor, aínda que quizais non o saiban eles ou nós mesmos. E temos que aprender tamén a escoitalos, aprecialos  e amalos.

            Que a Eucaristía de hoxe sirva, pois, para agradecermos a Deus a viña e o viño que nos regala a todos, viño e pan no que el mesmo se nos dá.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/27-tempo-ordinario-a-mateu-2133-43-2/




Comentarios

Publicacións populares