DOMINGO XXVII ORDINARIO - CICLO A

Primeira Lectura     Is 5, 1-7

LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS

A viña do Señor poderoso é a casa de Israel


            Voulle cantar no nome do meu amigo unha canción de amor á súa viña.

            Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.

Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;

construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;

esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.

            E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,

facede, por favor, de xuíces,

entre min e a miña viña.

            Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?

Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?

            Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:

quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,

romperlle a cerca e que se volva un torreiro.

            Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;

o cardo e mais a silveira medrarán nela;

aos mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.

            Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;

e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.

            Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaquí: sangue vertido.

            Esperaba deles xustiza, e velaquí: berros de auxilio.


 

       Palabra do Señor                           R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20

R/.  (Is 5, 7a):  A viña do Señor é a casa de Israel.


Arrincaches de Exipto unha vide,

expulsaches nacións para a plantar;

estendeu as súas ramas ata o mar

os seus gromos ata o río.


Por que lle derrubaches os valados,

para que a vendimen cantos pasan?

Os xabarís estragan nela

e devórana as bestas do campo.


Vólvete, Deus dos exércitos,

olla desde o ceo e fíxate,

ven visitar a  túa viña,

a videira que plantaches coa túa man,

o bacelo que ti fortaleciches.


Non nos afastaremos máis de ti;

dános vida de novo,

e invocaremos o teu nome.

Restáuranos, Señor Deus dos exércitos;

que brille o teu rostro e seremos salvos.

 



Segunda Lectura     Flp 4, 6-9

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES

Facede isto e o Deus da paz será convosco


            Irmáns:

            Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.

            E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.

            Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimable, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loable que haxa, iso é o que debedes apreciar.

            O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica.    E o Deus da paz estará convosco.



            Palabra do Señor                  R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA     Cf. Xn 15, 16

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Eu escollinvos do medio do mundo, para que vaiades e frutifiquedes,

e o voso froito dure, di o Señor.

Aleluia.


 


Evanxeo     Mt 21, 33-43

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Arrendou a viña a outros labradores


            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:

            ‑ Escoitade outra parábola:

            Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.

            Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos viñateiros, para cobrar a s rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.

            Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros,  ao veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.

            ‑ Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?

            Respondéronlle:

            ‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.

            Díxolles entón Xesús:

            ‑ Seica non lestes nunca na Escritura:

            A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?

            Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 


     Palabra do Señor                        R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares