DOMINGO XXIX ORDINARIO - CICLO A

Primeira Lectura     Is 45, 1. 4-6

LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS

Collín a man dereita de Ciro para someter ante si os pobos


            Así fala o Señor acerca do seu unxido,

Ciro, a quen el colleu da man dereita:

el someterá ante si os pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis.

El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.

            Por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.

Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.

            Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.

Ameite, aínda que non me coñecías,

para que se saiba desde o nacente  ao solpor que non hai cousa sen min.

            Eu son o Señor e non hai outro.


       Palabra do Señor                           R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c

R/.  (7b):  Tributade  ao Señor honor e forza.


Cantádelle  ao Señor un cántico novo,

cantádelle  ao Señor, a terra enteira;

Anunciade entre as xentes a súa gloria;

ante todos os pobos, as súas marabillas.


Grande é o Señor e digno de loanza,

máis temible ca todos os deuses.

Os deuses todos das nacións son aparencia,

pero o Señor fixo os ceos.


Tributade  ao Señor, pobos todos,

tributade  ao Señor honor e forza,

tributade  ao Señor a gloria do seu nome.

Collede ofrendas e entrade nos seus adros.


Adorade o Señor no adral sagrado,

trema na súa presenza a terra enteira.

Dicide entre as xentes:

"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".


 


Segunda Lectura     1 Tes 1, 1-5b

LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES

Facemos memoria da vosa fe e da caridade e da esperanza


            Paulo, Silvano e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.

            Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións.      Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.

            Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo.


             Palabra do Señor                                R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA     Filp 2, 15d. 16a

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

Reluciredes coma fachos no universo,

presentando a palabra de vida.

Aleluia.


 


Evanxeo     Mt 22, 15-21

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

Dádelle  ao Cesar o que é do Cesar, e a Deus o que é de Deus


            Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:

            ‑ Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinas o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo  ao Cesar ou non?

            Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:

            ‑ Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.

            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:

            ‑ De quen é esta imaxe e mais a inscrición?

            Contestáronlle:

            ‑ Do César.

            Entón replicoulles:

            ‑ Pois logo dádelle  ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.


     Palabra do Señor                   R/. Loámoste, Cristo


Comentarios

Publicacións populares