Domingo 21º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XXI Ordinario-23 agosto 2026
Non nos é posíbel maxinar Xesús centrado, por dicilo así, en
si mesmo, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos particulares.
Á maneira de como procedemos tantas veces nós ao longo da vida, intentando
resolver os pequenos ou grandes problemas relacionados coas nosas doenzas
corporais, co noso éxito profesional e calculando con coidadiño as vantaxes ou
inconvenientes que esta ou aquela decisión nos poidan aportar. En realidade, Xesús
non se dedicou propiamente á súa vida privada e particular. En tal sentido
podemos dicir que el era unha persoa pública, que estaba aí para os demais. Fórao
xa nalgún momento cando era cativo. Abonda con lembrar o episodio de cando
ficou no templo sendo aínda rapaz e sen que os seus pais o soubesen. Serao
naturalmente sobre todo na súa idade adulta por ben mozo que aínda fose por
entón. E falo eu aquí de persoa pública non no sentido que se lle dá hoxe, por
exemplo, aos que se dedican á política, á administración pública ou cousas
semellantes.Non. Xesús era un home público simplemente porque non vivía illado
dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos
particulares ou co seu particular porvir. Preocupábase sobre todo por estar
atento aos problemas e dificultades dos demais.Buscaba facer felices a
todos,dándolles perspectivas e esperanzas de vida e comunicándolles a boa nova
de sermos todos irmás e irmáns en cantos fillos dun mesmo Pai Deus, destinados
ademais a unha resurrección no alén das nosas particulares vidas terreais.
Os que precisaban deste tipo de noticias eran o común das
persoas. Cantos tiñan que loitar e traballar por se manteren a si mesmos e as
súas familias.Certamente, non tiñan por que estaren atentos aos modos de ser e
ás palabras de Xesús cantos se atopaban satisfeitos nos seus pazos reais ou
dispuñan de bens suficientes para non teren que preocuparse demasiado polo seu
presente ou polo seu porvir. É isto o que explica por que Xesús tiña como
oíntes, acompañantes ou discípulos xentes sobre todo das clases “baixas” ou
humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres etc.Para todos
eles era El un incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente o seu
discurso, a súa chamada era para todos -non excluía ninguén-, mais había xentes,
os que podemos chamar “poderosos” e autosuficientes, que se excluían a si
mesmos, considerándose exentos de lle conceder a el importancia algunha. A non
ser como curiosidade informativa, tal como lle pasaba ao rei Herodes, que tiña
curiosidade por velo, por telo diante del ou saudalo coma personaxe famoso
sobre o que a xente tanto falaba. No imaxinario de Herodes, Xesús estaría,
pois, máis ou menos na liña do que hoxe en día sería unha cantante, un futbolista
ou algún famoso político.
Agora ben, Xesús era unha persoa pública polo que era, polo
que dicía, porque tiña algo importante que lles dicir a persoas e colectivos
con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que as cousas que dicía
ou facía procedían dunha fonda e íntima experiencia persoal. Notábasenel que
procedía cunha estraña e desacostumada autoridade, diferenciándose así dos
meros repetidores de normas ou textos
sagrados, como adoitaban facer escribas e fariseos.Por iso aos seus
discípulos non lles tivo que estrañar a pregunta que el lles dirixiu un bo día:
“Quen di a xente que é o Fillo do Home?”.
O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante de vós, que é coma
vós, un ser humano coma vós, incardinado plenamente na historia humana e polo
tanto na vida concreta dos seus coñecidos, compañeiros e compañeiras da
Palestina do seu tempo. El non é un personaxe público ao estilo do noso tempo,
onde por exemplo os políticos saben analizar con finura as enquisas que se
publican sobre a estima ou desestima que hai sobre eles. En realidade, o que
lle interesaba a Xesús era realizar unha transmisión auténtica e verdadeira da
mensaxe recibida do Pai para o mundo. Por iso pasa el axiña da pregunta aos
seus discípulos polo que a xente di sobre el á directa pregunta a eles mesmos,
colaboradores seus e elixidos directamente por el: “E vós, quen dicides que son eu?”
A resposta de Pedro (“Ti
es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é tan incríbel que Xesús lle ten que
confesar a el que unha resposta así non pode ter outra orixe ca terlle sido
suxerida polo mesmo Deus Pai do que Xesús se sabía fillo “benquerido”. Incríbel
digo, porque cando el fala de si mesmo como o “Fillo do Home”,responderallePedro que el xunto cos demais condiscípulos cren
firmemente que Xesús (que se denomina a si mesmo humildemente “Fillo do Home”) é
nada máis e nada menos que “o Fillo de Deus vivo”. Algo que semella mesmo
contrastar coa expresión “Fillo do Home”, utilizada polo seu propio Mestre.En
realidade, este é o grande e definitivo misterio de Xesús, pois el mesmo
coidarase de lles advertir ós seus discípulos que non o anden dicindopor aí
adiante, para evitar malentendidos ou interpretacións en clave simplemente
política. Dillo así ben claro a Pedro: “Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás,
porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos
ceos”.
Son este tipo de “boas” noticias -fundamentais, grandes e
alegres- as que, coa palabra e cos feitos, estamos todos chamados a agradecer
comunitariamente a Deus e a comunicalas a todos no noso tempo, no noso aquí e
no noso agora.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños
aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/21-tempo-ordinario-a-mateu-1613-20-3/
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario