Domingo 18º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XVIII T.O.
Pan compartido-Domingo XVIII-2 agosto
2026
O relato da
multiplicación dos pans e dos peixes é un deses relatos evanxélicos que se
prestan a ser considerados, polo súa aparencia fantástica e marabillosa, como
algo case folclórico e pouco merecedor de atención e reflexión. A min paréceme,
en cambio, que hai nel moita carga de mensaxe fondamente cristiá, máis alá do
seu aspecto anecdótico e sorprendente.
En primeiro lugar, cómpre situar o relato, tal como fai o
evanxelista Mateo, en relación co acontecemento da morte, mellor, co asasinato
de Xoán Bautista, o profeta anunciador de Xesús como o Mesías esperado. É unha
relación de auténtico contraste. A degolación do Bautista
foi un verdadeiro escándalo. O Bautista e vilmente asasinado no cárcere por
orde dun alegre o bebido Herodes, que está a celebrar con viño de marca e unha
boa enchente o seu aniversario. Rodeado de magnates e xente de poder e incitado
a desfacerse do Bautista por unha alegre bailarina tras ser esta aconsellada
por unha vingativa nai. O profeta non fixera outra cousa senón dicirlle a
Herodes que non lle era lícito vivir coa muller do seu irmán, a nai da
bailarina. Poder, honor e o medo a verse desprovisto deles son os que levan ó
tetrarca Herodes a cometer esa vileza.
Como vedes, no relato deste acontecemento, que Mateo pon
inmediatamente antes da multiplicación dos pans e dos peixes, Herodes e os
convidados e asistentes ó banquete do seu aniversario están instalados na
fachenda, na inxustiza, na inmoralidade, na busca do seu propio interese, no
espírito da violencia e no desenfreo das propias paixóns. Alí non pode ter
cabida ningún xusto, a non ser que entre decapitado, como lle ocorre ó Bautista
no intre de serlle entregada á bailarina a súa cabeza nunha bandexa. É este un
xantar de aniversario entre inxustos e violentos, onde prima todo o contrario
do que debería ser un encontro igualitario e fraternal de alegre comensalía.
Mateo cóntanos que Xesús, que tanto admiraba ó seu curmán
Xoán, ó saber da morte do Bautista, “se retirou nunha barca a un lugar deserto
e arredado”. Xesús estaría seguramente moi conmocionado co asasinato do
Bautista. Mais non renuncia por iso a seguir anunciando e practicando a “boa
nova” que o Pai lle confiou a el para o ben do mundo. Unha boa ou alegre nova,
que non consiste no desenfreo, na esmorga, na ostentación ou no exercicio do
poder, do que facían gala Herodes e mailos seus adictos. A boa nova de Xesús,
polo contrario, está directamente relacionada coa igualdade e a fraternidade,
coa renuncia á violencia e ó poder, co exercicio da misericordia con todos e de
maneira especial cos máis necesitados. É o que nos recorda tantas veces o papa
Francisco de que o cristianismo ten que anunciar e practicar a misericordia.
A xente busca e espera misericordia. Por iso busca a Xesús e
fuxe dos poderosos, pois estes non se privan de exercer a violencia cando lles
convén. Dinos Mateo que Xesús, lonxe de poder ter ocasión de acougar un pouco,
pensar e orar tralo asasinato de Xoán Bautista, “se atopou cun gran xentío”,
que se “conmoveu” e que “curou a tódolos enfermos”. A xente sabe que Xesús non
fai pausas no exercicio da misericordia. Para iso ten tempo sempre, aínda que
sexa no día sagrado do xudaísmo, o sábado, no que segundo as minuciosas normas
desta relixión non se podía case facer nada.
Coido que non se entendería ben a multiplicación dos pans e
dos peixes á marxe ou fóra deste contexto “misericordioso” de Xesús. Non hai
aí, por parte de Xesús, ningún intento de ostentación de poder (iso é cousa de
Herodes e dos seus). Hai só preocupación polos problemas da xente. A xente
necesita e quere ser atendida, axudada, sandada, amada, alimentada con manxares
físicos e anímicos.
É moi cómodo, e sobre todo inxusto, dicirlle á xente que se
busquen eles mesmos esas cousas, cando sabemos que non están en condicións de
conseguilas. Era esa tamén a proposta dos discípulos de Xesús coa multitude que
seguía amoreada arredor del, ben avanzada xa a tarde. Non. Xesús sabe que as
comodidades e os egoísmos, por pequenos que sexan, impiden a fraternidade e a
igualdade universal. Todos podemos, por pouco que teñamos, axudar a outros,
compartindo os nosos bens, aínda que non sexan “máis ca cinco bolos de pan e
mais dous peixes”.
O milagre da multiplicación dos pans e dos peixes non é máis
que o milagre que produce o compartir
cos demais o pouco ou moito que teñamos. Porque se compartimos dese modo, Deus
non deixará de compartir tamén e colaborar connosco, producindo o milagre dunha
comensalía e alegría compartida entre todos. Entre tódolos pobos e nacións da
terra.
O milagre da multiplicación dos pans e dos peixes contén
unha mensaxe moi actual. Porque ben sabemos da crítica situación en que se
atopan hoxe en día moitas persoas e familias, tanto entre nós coma no mundo
enteiro. E tamén sabemos da corrupción, herodiana (poderiamos denominala), de
non poucos representantes políticos. Temos, pois, que optar entre pertencermos
ó grupo de Herodes, o dos adictos a un poder que conduce á violencia e á morte,
ou ó grupo de Xesús que comparte todo con todos nunha atmosfera de igualdade e
irmandade, en canto fillos que somos todos dun mesmo Pai.
Se é verdade, tal como cremos, a mensaxe de Xesús, entón
sabemos tamén que o mundo e a humanidade só se poderá construír autenticamente
desde o espírito e o exercicio do “compartir”. Compartir con todos cantos os
precisen os nosos bens materiais e espirituais. Tarefa, desde logo, moi
sublime, pero tamén ben práctica e doada de entender. Por iso, cando lemos ou
escoitamos que o papa Francisco está intentando recompoñer ou reformar a Banca
do Vaticano para poñela ó servizo dos pobres, e non dos poderosos ou
especuladores, seguramente está camiñando por vieiros máis próximos ó evanxeo.
As nosas eucaristías rematan coa comuñón eucarística, que
vén sendo unha actualización sacramental da multiplicación dos pans e dos
peixes. Que ese espírito misericordioso e dadivoso de Xesús se meta dentro de
nós co pan eucarístico.
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/18-tempo-ordinario-a-mateu-1413-21-3/
https://remoldapalabra.blogspot.com/2026/07/18-domingo-to-2026.html



Comentarios
Publicar un comentario