Domingo 17º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XVII T.O.
Merco perlas finas-26
xullo 2026
Non parece que haxa dúbida hoxe en día de que os nosos
comezos como seres humanos están en continuidade coa historia física e
biolóxica ocorrida en tempos anteriores. Refírome ó que adoitamos chamar a
evolución, a evolución xeral cara ós seres vivos e o xurdimento dos primeiros
seres que poderían xa ser denominados humanos ou próximos a nós. Disto falan a
paleontoloxía, a antropoloxía e outras ciencias.Mais a pesar desa relación co
mundo animal e co universo todo, podemos tamén falar de queas persoas humanas
nos distinguimos suficientemente dos nosos predecesores. A mesma antropoloxía
xeral, a socioloxía, a psicoloxía ou a filosofía apréndennos a vernos a nós
mesmos como uns animais moi especiais. Especiais precisamente porque, tal e como
se di, non somos animais “especializados”. Unha gaivota ou unha anduriña fan o
seu niño ano tras ano máis ou menos da mesma maneira, por moitas dificultades
que lles poñamos para a súa construción. Un león ten comportamentos que practicamente
son e serán sempre os mesmos. E así outros animais. Están “especializados” para
a súa vida concreta, a deles e a da súa especie.
En troques, nós, os humanoscase non dispoñemos de instintos
ou comportamentos específicos edeterminados.Temos que aprender practicamente
todo:andar, falar,relacionarnos coas outras cousas e persoas etc. Estamos así
abertos a moitas posibilidades. Nada nos enche plenamente ou satisfai. Por iso
cando temos algo, estamos xa a pensar como acadaremos algo mellor. E cando nos ocorre
algo desagradábel, axiña comezamos a ollar como saírmos de tal situación.Con
este comportamento específico estamos a dar testemuño da especial relación que
temos tamén con Deus. El fíxonos a través de toda a evolución cósmicapensando
en facernos ademais partícipes da súa propia vida, da súa natureza divina. Como
Deus quixo e quere comunicarse connosco, estar connosco, xantar á mesa connosco
e tantas outras cousas como poderíamos aquí engadir para poñer isto aínda máis
de relevo, por iso precisamente, é dicir, para que iso fose posíbel, tivo que
facernos semellantes a el e facerse tamén a si mesmo semellante a nós no seu
fillo encarnado Xesús.
En que consiste a nosa semellanza con Deus? Pois en que
queremos ser absolutamente felices e vivir sempre, en que todos queremos telo
todo, coñecelo todo etc. En definitiva, en que todos queremos ser coma o mesmo
Deus que nos fixo. Deste tipo de consideracións provén aquel dito tantas veces
repetido de Santo Agostiño nas súas Confesións:
“Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata que acougue en
Ti”. Porque, para Agostiño, Deus é a expresión máxima da felicidade, da verdade
ou do amor ós que un pode aspirar.Con isto que comento, aínda que sexa dunha
maneira moi esquemática, podemos achegarnos dalgún xeitoao que nos dan a
entender as parábolas do evanxeo de hoxe. Xesús compara o fondo da súa mensaxe
cun tesouro co que se topa unha persoa nun terreo alleo, mais que ela, “chea de
alegría”, quere facer seu, aínda que sexa a costa de ter que vender canto ten.
Pode ser un secreto e rico tesouro ou unha perla “de gran valor”.
Como vedes, semella claro que a mensaxe cristiá está
dirixida de maneira especial para os que teñan grandes desexos, é dicir, para cantos
sexan ou queiran ser plenamente felices e humanos.Desde logo o cristianismo non
está feito para os que queiran alimentarse de rutinas, de servilismos ou de
pequenos ritos ou obrigas que un se impón ou que outros lles queren
impoñer.Tampouco é ese o camiño para atopar a verdadeira felicidade. Un
cristián terá, si, que renunciar a determinados egoísmos que se pechen ás
necesidades dos demais. Mais este tipo de renuncia a egoísmos insolidarios non
significa que a felicidade vaia fuxir de nós. Ben sabemos, por experiencia
propia e allea, que a felicidade só se atopa cando un é fiel á súa conciencia e
teima en todo momento por ser bo con todos. Trátase dunha felicidade que fai a
un feliz e fai tamén felices aqueles cos que un convive. O sufrimento mesmo, en
principio, non ten tampouco por que lle roubar a un a felicidade. Pois cando se
sabe que o propio sufrimento pode ter un sentido ou que con el podemos facer un
ben ós demais, entón somos quen tamén de aturalo e transformalo en bendición
para os demais e para nós.
Ser feliz é ter azos para facer ben as cousas e saber así
ser de proveito para os demais, aínda que sexa a costa de renunciar, como o
sabio rei Salomón, a unha vida longa ou a riquezas innecesarias. Xa antes de
que Xesús nos falase do “tesouro agachado” ou da “perla fina”, fora xa Salomón
loado por Deus no Antigo Testamento por non lle ter pedido para si “vida longa”
ou “riquezas”, senón acerto para gobernar os seus súbditos. Nais e pais, no
particular goberno da familia, deberían aprender desta mensaxe de Salomón e de
Xesús a saberen que a súa felicidade e a das súas fillas e fillos depende moito
de os fornecer dunha boa educación, por máis que tal labor non sexa cousa
doada. É así como irán aprendendo, tal como axeitadamente se di, a “ser” antes
que a “ter”.
Para
rematar. Os que se dedican ó difícil e meritorio labor da política recoñecen ás
veces, por exemplo ante un fracaso electoral, que non foron quen –tal como din-
de comunicar correctamente a súa mensaxe. Pois ben, os cristiáns e de maneira
especial cantos intentamos con temor e tremor facer presente hoxe en día a
mensaxe de Xesús deberiamos ser quen de poder comunicar ós demais correctamente
e con insistencia que a mensaxe de Xesús é verdadeiramente un “gran tesouro”,
unha “finísima perla” que paga ben a pena intentar adquirir.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/17-tempo-ordinario-a-mateu-1344-52-3/
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4 / FICHA 5



Comentarios
Publicar un comentario