Domingo 20º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
A fe e o amor dos sinxelos
Domingo XX Ordinario-16 agosto 2026
En canto boa nova ou alegre noticia é o evanxeo unha
verdadeira escola de formación humana. O grande, o marabilloso da mensaxe de
Xesús é que, tratándose de algo de hai xa tantos séculos, poida seguir sendo
actual, fecundo e innovador en tempos tan distantes coma os que estamos a vivir,
ben entrados xa como estamos no século XXI.A razón desta súa actualidade
consiste en que nel se nos narran fondas experiencias que podemos chamar
humano-divinas. Quero dicir con isto que por medio do evanxeo temos constancia,
de maneira moi sinxela, do que ocorreu entre nós con alguén que se nos mostrou
ó tempo como “fillo do home” e como “fillo de Deus”. De modo que, sendo isto
así, podemos entender dalgún xeito que o evanxeo sexa sempre “novo” ou que non
envelleza nunca. Pois o Deus que se nos manifesta en Xesús é o mesmo Deus
sempre igual a si mesmo, que non vive no tempo senón nunha eternidade sen
comezo nin fin. Unha eternidade, pois, sempre “moza”. Por iso o Xesús que nos
manifesta a Deus Pai está presente a tódalas épocas da historia.
Contoume unha vez un amigo, falando do mar, que un mariñeiro
lle dixera que lle hai que ter sempre respecto ao mar porque o mar é sempre “mozo”.
As súas forzas non diminúen co paso dos anos. Ondas e vagas do mar manteñen
sempre, pasen anos ou séculos, a súa forza. Xa o noso poeta medieval Martín
Códax respectaba e admiraba moito as que el chamaba “ondas do mar de Vigo”.
Unha das súas estrofas, de hai xa máis de sete séculos, empezaba así: “Mia irmá
fremosa, treides comigo / a la igreja de Vigo, u é o mar salido / E miraremos
las ondas!”. O mar non deixa de ser, como vedes, unha desas criaturas nas que
se reflicte tamén dalgunha maneira a forza e a constante mocidade do seu Creador.Quero
dicir conisto que, se o mar é sempre mozo, moito máis o é e será sempre a
palabra de Deus(a súa “boa nova”) a través dos tempos. Ela é, pois, sempre
“nova”, sempre “moza”. Falamos hoxe con frecuencia de que nos tocou vivir nunha
época na que xentes de moi diversas culturas, relixións, linguas e razas andan
mesturadas entre si. As reaccións ante estes feitos son moi diversas. Uns
compórtanse como racistas ou excluíntes dos que non son ou non se comportan
coma eles. Outros desenténdense simplemente daqueles que lles resultan alleos.
Posibelmente non sexan moitos os que sonquen de consideralos como irmáns e de acollelos
tal e como son.
Unha escena deste tipo é a que nos presenta este domingo no
evanxeo. Unha muller cananea diríxese con berros a Xesús, pregándolle que sande
a súa filla. Os cananeos non pertencían ó grupo dos xudeus. Adoraban outros
deuses. Poderiamos dicirque tiñan outra cultura ou outros modos de proceder.
Mais ela vai romper con clixés e tópicos. Na súa ruptura con estas tradicionais
separacións culturais e sociais entende por enriba de todo que tanto ela coma a
súa filla, o mestre Xesús ou os seus discípulos son iguais en canto persoas.
Pois todos temos iguais ou semellantes necesidades, todos queremos vivir, todos
queremos recuperar a saúde deteriorada, todos queremos amar e sentírmonos
amados. E isto é, en definitiva, o máis importante e decisivo.Tal e como se nos
refire no texto do evanxeo, a muller acabou triunfando sobre un Xesús que nos
primeiros momentos semellaba querer aterse aínda ás tradicionais diferenzas e
separacións entre xudeus e cananeos. Mais ela discute e razoa con Xesús, con
teima e sutileza, tal e como o podería facer hoxe en día en semellante
situación calquera nai á que o que máis lle importa son os seus fillos e fillas.
E Xesús acabará rendéndose ante a fe da muller cananea, esa persoa allea á
relixión e ós costumes xudeus, mais que no seu corazón posuía unha fe moi fonda.
“Muller, a túa fe é ben grande”, exclamará Xesús ó final.
Aínda que a muller cananea non pertencía oficialmente á
relixión xudía, a que practicaban Xesús e os seus discípulos, posuía ela unha
fe e un amor moi grandes. Era isto o que lle axudaba a crer que Deus o pode
todo e que pode así manifestarse nos seus enviados e profetas. E se a fe é capaz de mover montañas, poderiamos
dicir que ela se amosa aínda case máis poderosa en canto que é capaz de mover o
mesmo Deus que se nos manifesta en Xesús.Agora ben, esa fe da muller
cananea é, en último termo, grande e poderosa porque está baseada nun amor moi
grande: o amor que lle ten á súa filla. Cando fe e amor se conxuntan así, non
hai cousa que eles non sexan quen de acadar.
Escoitaba euhai xa moitos anos, xunto con outros, unha
persoa da que se dicía que era un grande entendido no tema da oración, é dicir,
de como dirixirnos a Deus. Lembro ben a anguria e preocupación que el expresaba
cando nos dicía: “Temos que resolver –dicíanos el- o problema da oración!!!”.
Pois ben, nin entón nin moito menos despois, fun capaz de entender por que iso
de falar con Deus, do que confesamos que é o noso Pai (o noso “paiciño”),podería
converterse nun “problema” tan grande e complicado...En fin, polo menos, non
semella que á cananea lle resultase ser a oración un problema.O “templo de
Deus” (sobre o que na Lectura nos di Isaías que se chamará “casa da oración
para tódolos pobos”) convértese así no lugar, natural, íntimo e tranquilo, onde
o noso pai Deus está connosco e nós con el.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/20-tempo-ordinario-a-mateu-1521-28-3/
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario