ASUNCIÓN DA VIRXE MARÍA
Alixeirando peso pra mellor subir
Asunción
de María-15 agosto 2026
Adoito comentar que todos queremos vivir sempre e plenamente.
Isto lévanos a querermos ser os meirandes, os máis intelixentes, os máis ricos,
os máis poderosos, os máis xenerosos etc. Recoñezámolo ou non, algo diso
agáchase sempre no noso interior. En principio tampouco ten que ser considerado
iso como algo “malo”.Pois en realidade, con esa tendencia cara ó máis alto non
facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de
quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas perfeccións que podemos
maxinar. En grao infinito ademais.Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser
o que é. Se non tivésemos desexos de vivirmos sempre e, polo tanto, deixásemos
de querer progresar e mellorar as cousas, deixariamos tamén en definitiva de
sermos humanos. Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas
melloras na realidade humana, fai falla
termos moi en conta os demais: as persoas que conviven connosco e que precisan
da nosa axuda, como tamén nós precisamos acotío a axuda deles. Porque eles
queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran tamén a
vivir sempre etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa
común tendencia ou, se nos enfrontamos os uns contra os outros, iremos
conxuntamente á ruína. É evidente que este tipo de consideracións teñen, por
moi abstractas que parezan, gran relevancia política e social.
Pois ben, a festividade da Asunción de María, que celebramos
sempre no verán, pode axudarnos en relación co que acabo de comentar. Só un par
de reflexións.Normalmente tendemos a imaxinar Xesús e maila súa nai, María,
como realidades “celestiais”, pouco relacionadas coa nosa vida corrente e
natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo case celestial,
resultándonos estraño que se comporte ou queira comportarse como unha persoa
sinxela e normal. De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e
celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos leve a pasar por
alto que María, na súa vida real, debeu de ser moi distinta daquela muller
“celestial” creada ou imaxinada por pintores , escultores e outros artistas.
María sería, xa que logo, unha muller máis do pobo. Polo tanto pobre,
traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da
común cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños,
entregada e servizal con todos cantos solicitasen calquera tipo de axuda. Por
iso podería ela dicir tamén sobre si mesma o que o seu fillo dicía de si: “Non
vin ser servido, senón servir”. Sabemos ben que María se consideraba a si mesma
como “escrava” de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus. Dos
demais. Dicía ela que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal
“escraviña”, alá se iría, por exemplo, a toda présa (como nolo refire Lucas),
acompañar a súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo
Xoán o Bautista.
María espallaba así a graza de Deus, é dicir, a presenza
bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que estivese. Dísenos no
texto de Lucas que Isabel quedou “chea de Espírito Santo” grazas a María, que
pola súa parte se sentía tamén fondamente alegre nesa visita familiar:
“alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Unha
ledicia contaxiosa, porque lles vai afectar tanto a Isabel coma ó seu fillo,
próximo a nacer. Isabel sentíaseigualmente “alegre” ó se sentir chea tamén do
“Espírito Santo”. Igual có neno, que pola
súa parte -tal como se nos di- “brinca de alegría nas súas entrañas”. Amor, pois,
espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais todo isto de maneira moi
concreta e achegada á terra. A “humildade” de María hai que vela así no seu
sentido etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”.É xustamente por María
estar moi achegada á terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que
celebramos neste día a súa “Asunción” ó máis alto dos ceos. Ela segue polo
camiño que antes andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós
ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a
Asunción de María, estreitamente unidos. Podemos, pois, dicir que se un non se apoia ben na terra non
poderá tampouco ascender ó ceo. Dito coas palabras de Xesús: “Todo o que se
humilla será enxalzado e todo o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).A
nai de Xesús meditara moito na grandeza de Deus e sentíase por iso moi achegada
á terra. Coméntao benno comezo daquel seu fermoso himno, o “Magnificat”, no que
enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor”. Mais hai tamén neste
himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”,
que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto cós demais. Para
ela, en cambio, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande.
Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países
estas palabras de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder
do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus
tronos e elevou os humildes; os famentos encheunos de bens e os ricos
despediunos baleiros”.
Está claro que o Deus de Xesús e de
María non está cos que se consideran “poderosos”, senón cos que se abaixan a si
mesmos e se dispoñen a servir os demais. Só estes quere Deus enxalzar e encher
dos seus bens e da súa ledicia. E así o fixo, programaticamente, con María.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)


Comentarios
Publicar un comentario