FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XX DE ORDINARIO A

 FICHAS ANTERIORES:

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3

LECTIO:

Aprendendo dunha infiel a rezar 

(20 agosto 23)

         En canto boa nova, o evanxeo é unha verdadeira escola de formación humana. O grande e marabilloso da súa mensaxe é que, aínda tratándose de algo de hai tantos séculos, poida seguir sendo fecundo nos nosos tempos.

         A razón desta actualidade consiste en que nel se nos narran fondas experiencias que podemos chamar humano-divinas. Quero dicir que por medio del temos constancia, de maneira moi sinxela, do que ocorreu entre nós con alguén que se nos amosou ó tempo como “fillo do home” e como “fillo de Deus”. De modo que, sendo isto así, podemos entender dalgún xeito que o evanxeo sexa sempre “novo” ou que non envelleza endexamais. Pois o Deus que se nel se nos manifesta é o mesmo, sempre igual a si mesmo, que non vive no tempo senón nunha eternidade sen comezo nin termo final. Unha eternidade, xa que logo, sempre “moza”. Por iso o Xesús que nos manifesta a Deus está presente a tódalas épocas da historia.        Falando do mar, contoume un amigo que un mariñeiro lle dixera que ó mar hai que lle ter sempre respecto por el ser sempre mozo, pois as súas forzas non minguan co paso dos anos. Ondas e vagas do mar manteñen sempre, pasen anos ou séculos, o seu mesmo poder. O noso gran poeta medieval Martín Códax respectaba e admiraba moito as que el chamaba “ondas do mar de Vigo”. Unha das súas estrofas, de hai máis de sete séculos, empezaba así: “Mia irmá fremosa, treides comigo / a la igreja de Vigo, u é o mar salido / E miraremos las ondas!”.

         O mar é, á fin e ó cabo, unha das criaturas de Deus nas que se reflicte tamén dalgunha maneira a forza e a constante mocidade do seu Creador.

         Quero dicir con todo isto que, se o mar é sempre mozo, moito máis moza é e será sempre a palabra de Deus, a súa “boa nova”, a través dos tempos. Ela é, pois, sempre “nova”, sempre “moza”. Dicimos hoxe que nos tocou vivir nunha época na que xentes de moi diversas culturas, relixións, linguas e razas andan mesturadas unhas con outras. As reaccións ante isto son moi diversas. Uns compórtanse como racistas ou excluíntes dos que non son ou non se comportan coma eles. Outros desenténdense simplemente daqueles que lles resultan alleos. Posibelmente non sexan moitos os que os consideren verdadeiros irmáns, tratándoos con afecto e acolléndoos tal e como son.

         Unha escena deste tipo é a que nos presenta o texto litúrxico de hoxe. Unha muller cananea diríxese berrando a Xesús, pregándolle que sande a súa filla. Os cananeos non pertencían ó grupo dos xudeus. Tiñan outros deuses, é dicir, tiñan outra cultura ou outros modos de proceder. Mais ela vai romper con tópicos e clixés. Na súa ruptura con estas tradicionais separacións culturais e sociais, entende por enriba de todo que tanto ela coma a súa filla xunto con Xesús ou os seus discípulos eran iguais entre si como persoas. Pois todos temos iguais ou parecidas necesidades, todos queremos vivir, todos queremos recuperar a saúde deteriorada, todos queremos amar e sentírmonos amados.

         Tal e como se nos di, a muller acabou triunfando sobre un Xesús que nos primeiros momentos semellaba querer aterse ás tradicionais diferenzas e separacións entre xudeus e cananeos. Ela discute e razoa con el, con teima e sutileza, como o podería facer hoxe en día e en semellante situación calquera nai amante dos seus fillos. Xesús acaba rendéndose ante a fe desta muller, esa persoa allea á relixión e ós costumes xudeus, mais que no seu corazón posuía unha fe moi fonda. “Muller -diralle el- a túa fe é ben grande”.

         A cananea non pertencía á relixión xudía. Mais posuía en cambio unha fe e un amor moi grandes, que lle axudaban a crer que Deus o pode todo e que é quen de se manifestar a si mesmo nos seus enviados. Mais a fe da cananea é, en último termo, grande e poderosa porque está baseada nun amor moi grande: o amor que ela lle ten á súa filla. Cando a fe e o amor así se conxuntan así, non hai cousa que non sexan capaces de acadar.

         Nos tempos actuais temos que aprender a ser coma esta muller. É dicir, aprender a ter unha fe e un amor moi grandes en tódalas circunstancias da nosa vida. Mais para iso debemos practicar tamén o que esta muller crente e amante practicaba. Ela oraba, falaba con Deus, discutía con Xesús... E facíao dunha maneira moi espontánea e natural, sen actitudes ríxidas, preparadas, aprendidas ou programadas. Tal e como o fan as fillas ou fillos pequenos con seus pais, sen precisaren de ninguén que llelo aprendan.

         Escoitaba eu xunto con outras persoas hai agora xa moitos anos unha persoa da que se comentaba que era un gran entendido no tema da oración, é dicir, de como habería que dirixirse a Deus na oración. Lembro ben a angustia e preocupación que manifestaba ante nós, cando nos insistía unha e outra vez: “Temos que resolver o problema da oración!!!”. A verdade é que eu nin daquela nin moito menos despois fun quen de comprender por que iso de falar con Deus, do que confesamos que é o noso Pai, o noso “paiciño”, podería converterse nun “problema” tan grande e angustioso, tal e como eu desa persoa estaba a ouvir...

         En calquera caso, á cananea non parece que lle resultase a súa oración, o seu falar con Xesús, problema ningún. Orar, é dicir, falar con quen lle pode axudar, dialogar e discutir con el, era o máis lóxico e natural que podía facer ó ela estar chea dunha gran fe no poder e na bondade de Deus e dun grande amor ós seus próximos, no seu caso a súa filla enferma.

         Como vedes, o “templo de Deus” -do que na Lectura nos di Isaías que se chamará “casa da oración para tódolos pobos”- convértese así no lugar, natural e íntimo, onde Deus está tranquilamente connosco e nós con el. Unidos pola fe no noso Pai Deus e polo amor ás persoas do mundo enteiro.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/20-tempo-ordinario-a-mateu-1521-28-2/





Comentarios

Publicacións populares