FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XIX DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Un Deus tranquilo e bondadoso
(13 agosto 23)
O texto do evanxeo continúa o
relato do domingo pasado, que versaba sobre o relato da multiplicación dos
bolos de pan e dos peixes. Terra e mar están aquí presentes: pan e peixes; lanchas
e tractores de mariñeiros e labregos.
Xesús dá primeiro de comer á xente. Aténdeos
persoalmente con xenerosidade e despídeos con agarimo. Entrementres ós
discípulos ordénalles iren para a outra banda do mar. Só despois irá ó monte a
falar con seu Pai a soas, ó anoitecer, por máis que el estaba xa sempre na
presenza do Pai, practicando, como guía e modelo para os futuros monxes, aquilo
de “ora et labora”, “reza e traballa”.
Toda a súa vida é o resultado
do seu íntimo, amoroso e confiado trato con quen era o seu Pai. Mais seu Pai
érao para el dun xeito especial, único. El amosouse a nós como o verdadeiro
Fillo de Deus. De maneira distinta a como somos tamén nós, grazas a el, fillos
de Deus. El era o seu Fillo único, divino, da mesma natureza có seu Pai Deus,
portador dos mesmos atributos divinos có seu Pai. Por iso se expresaba distinguindo:
“O meu Pai e o voso Pai”. Deus Pai era e é pai de Xesús e noso tamén. De
maneira distinta, aínda que verdadeira en ámbolos dous casos.
Os apóstolos van aprendendo
pouco a pouco a velo así, por máis que el estaba interesado de maneira especial
en Pedro, a quen vai poñer ó temón da incipiente igrexa. El ten que aprender a
ter plena confianza no seu Mestre, posuidor de todo poder. Un poder igual ó do
Pai. Un poder que lle pode a calquera ameaza. O mar foi sempre símbolo e
paradigma dos medos, dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos
monstros, das tebras que non deixan entrar nelas luz ou claridade.
A vida non é sempre un pasear
nun xardín de rosas. Dende que un bo día empezamos a respirar os airiños deste
mundo ata que deixemos de facelo, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou
grandes fracasos, proxectos que non chegan ó fin desexado etc. Mais velaí que
Xesús, nome que por algo quere dicir xustamente “Salvador”, vén na nosa axuda,
para nos dar confianza en canto facemos. El está sempre aí pra nos botar unha
man, tal e como fixo con Pedro.
Como cristiáns temos que
aprender a confiar no noso Mestre, pos el é todo poder e amor. E practica iso,
por máis que exerza o seu poder e o seu amor de modos inesperados e
insospeitados. El non é unha pantasma. As pantasmas só producen medo ou
espanto. Mais nin Deus nin o seu Fillo están aí para nos asustar, angustiar ou aterrar.
Todo o contrario. O seu Mestre non lle presenta razóns a Pedro para que deixe
de ter medo a andar sobre as augas. Simplemente fai referencia a si mesmo,
presentándose como quen verdadeiramente é. Aquel que ten todo o poder e todo o
amor para os poñer á nosa disposición. Conténtase con lles dicir ós discípulos
e a un temeroso Pedro: “Tranquilos, que son eu”. Un “son eu” que nos fai
lembrar o “Eu son Iavé”, o “Eu son o que son” do nome co que xa se manifestara
o Deus do Antigo Testamento. Estamos, pois, ante un Deus que é poderoso,
bondadoso e pacífico.
É significativo que neste
domingo, no que Xesús se presenta como poderoso e pacífico contra ameazas de
calquera signo, se nos fale na primeira Lectura do Antigo Testamento do marabilloso
encontro de Elías no monte con Deus. Tamén aquí Elías aprende a ver a Deus
relacionado non co “rexo furacán”, co “tremor da terra” ou co “gran lume”. Uns
fenómenos que se poden comparar coas ondas que proviñan do forte vento do mar e
que sacudían a pequena barca dos discípulos de Xesús.
Sobre tales fenómenos dísenos
no libro dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran
lume, ”non estaba o Señor”. Si estaba, en troques, o Señor no case
imperceptíbel “murmurio dunha airexa”, semellante a esa suave brisa no
anoitecer que ás veces nos vén de cara ó mar despois dun solpor de verán.
Deus é, pois, pacífico. E
dicir, facedor e promotor de paz e non quere que nos angustiemos cos
acontecementos que ocorren nas nosas vidas. Porque Deus é meirande en poder e
en amor que calquera ameaza ou desgraza. Teño sempre presente na lembranza un
dito que lle oín hai moitos anos a un excelente director espiritual: “Todo o
que angustia –dicía el- vén do demo”. Sempre me fixeron moito ben estas palabras.
Con isto o que aquel mestre espiritual quería indicar é, tal como acabo de
comentar, que Deus non está aí para nos angustiar ou meter medo. Polo contrario,
el está aí sempre para nos dar confianza e ánimo: “Tranquilos, que son eu”.
O mundo, tamén e de maneira
especial o noso mundo actual, precisa de xentes que dean bo ánimo e
“tranquilidade” a persoas con medos, con dúbidas ou con pouca esperanza. Estamos
chamados a lles dicir coas nosas palabras e co noso comportamento: Tranquilos,
que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de paz, de tranquilidade, de
alegría, tal e como nos vén repetindo unha e outra vez -tamén nestes días- o papa
Francisco.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario