XX DOMINGO DE ORDINARIO - CICLO A

 

PRIMEIRA Is 56, 1. 6-7

Ós fillos de estranxeiro traereinos ó meu monte santo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


56 1Así fala o Señor:

cumpride o dereito e practicade a xustiza,

que a miña salvación está próxima a chegar

e a miña xustiza (está próxima) a mostrarse.

6E ós fillos de estranxeiro que se apegan ó Señor,

servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos,

a todo o que garde o sábado sen profanalo

e ós que se manteñan firmes na miña Alianza,

7traereinos ó meu monte santo

e alegrareinos na miña casa de oración.

Os seus holocaustos e os seus sacrificios

servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar.


 


SALMO RESPONSORIAL Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8

R/ (4): Lóuvente, Deus, os pobos,

lóuvente os pobos todos.


2Deus se apiade de nós e nos bendiga,

móstreno-la luz da súa presencia.

3Que se coñezan na terra os seus camiños

e en tódolos pobos a súa salvación.


5Alégrense e canten as nacións,

porque ti gobérna-los pobos rectamente

e guías na terra as nacións.


6Lóuvente, Deus, os pobos,

lóuvente os pobos todos.

8Que Deus nos bendiga e que o teman

os confíns todos do mundo.




SEGUNDA Rm 11, 13-15. 29-32

Os dons e a chamada de Deus son irrevocables

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO 

APÓSTOLO ÓS ROMANOS


Irmáns e irmás:


13Isto dígovolo a vós, os xentís. E, coma apóstolo que son dos xentís, fago gala deste

ministerio, 14por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles.

15Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, ¿que será a súa acollida, senón unha

auténtica vida, que xorde de entre os mortos?


29Pois os dons e a chamada de Deus son irrevocables. 30Porque vós fostes noutrora

desobedientes a Deus, pero agora conseguíste-la misericordia por desobediencia deles.

31Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia

usada convosco, tamén eles logren misericordia. 32Por-que Deus encerrou a tódolos homes

na desobediencia, para se compadecer de todos.




ALELUIA Cf Mt 4, 23:

Xesús predicaba o Evanxeo do Reino

e sandaba toda enfermidade no pobo


 


EVANXEO Mt 15, 21-28

Ouh muller, qué grande é a túa fe!

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO


 21Saíndo de alí foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. 22E apareceu unha muller

cananea daqueles contornos, que berraba:

-Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.


23Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:

-Despídea, que vén berrando detrás de nós.


24El contestoulles:

-Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.


25Pero ela alcanzounos e, postrándose, suplicoulle:

-Señor, váleme!


26El respondeulle:

-Non é ben quitárlle-lo pan ós fillos para llelo botar ós cadelos.


27Pero ela contestou:

-Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus

amos.


28Entón respondeulle Xesús:

-¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!

E a súa filla ficou sa naquela hora. 

Comentarios

Publicacións populares