FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XXI DE ORDINARIO A

  FICHAS ANTERIORES:

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


LECTIO:

A vida plena dun de tantos 

(27 agosto 23)

         Non é posíbel maxinar Xesús ensimesmado, por dicilo así, retirado e ocupado nos seus pequenos ou grandes asuntos particulares. Á maneira como procedemos tantas veces nós na nosa vida, intentando resolver os pequenos ou grandes problemas relacionados coas nosas doenzas corporais, co noso éxito profesional, calculando con coidadiño as vantaxes ou inconvenientes que neste sentido esta ou outra decisión nos poidan aportar.

         El non se dedicou propiamente á súa vida privada e particular. En tal sentido podemos dicir que era unha persoa pública, que estaba aí para os demais. Foino xa nalgún momento cando era aínda moi novo. Basta con lembrar o episodio aquel de se quedar no templo, sendo aínda un rapaz e sen que os seus pais o soubesen. Serao naturalmente sobre todo na súa idade adulta, por ben mozo que aínda fose. Falo de persoa pública non no sentido que se lle dá hoxe en día, por exemplo, ós que se dedican á política, á administración pública ou cousas semellantes.

         Xesús era un home público simplemente porque non vivía illado dos demais, porque non estaba enredado ou obsesionado cos seus asuntos particulares ou co seu éxito persoal. Preocupábase máis ben por estar atento ós problemas dos demais. Buscaba facer feliz a xente, dándolle esperanzas de vida e comunicándolle a boa nova de todos sermos irmáns, fillos dun mesmo Pai Deus, destinados a resucitarmos no alén desta vida.

         O que precisaben este tipo de noticias eran o común das persoas, cantos tiñan que loitar e traballar por mantérense a si mesmos e as súas familias... Certamente, non tiñan por que estaren atentos ás palabras de Xesús cantos se atopaban satisfeitos nos seus pazos reais ou dispuñan de cartos abondo para non teren que preocuparse polo seu presente ou polo seu porvir... Isto explica por que tivo como oíntes, acompañantes ou discípulos xente sobre todo das clases que chamamos “baixas” ou humildes: pescadores, traballadores, enfermos, pecadores, mulleres etc.

         Para todos eles era el un incríbel e inesperado acontecemento. Naturalmente, o seu discurso, a súa chamada era para todos –non excluía ninguén-, mais había xente, os que podemos chamar “poderosos”, que se excluían a si mesmos, que se consideraban exentos de lle conceder importancia. A non ser como mera curiosidade, tal como lle pasaba por exemplo ó rei Herodes, que desexaría telo diante ou saudalo coma personaxe famoso do que a xente tanto falaba. N imaxinario de Herodes estaría, pois, máis ou menos na liña do que hoxe en día sería un cantante, un futbolista ou algún político famoso.

         Agora ben, Xesús era unha persoa pública polo que era, polo que dicía, porque tiña cousas importantes que lles dicir a persoas e colectivos con problemas e necesidades, porque se lle notaba ben que canto dicía ou facía procedía dunha fonda e íntima experiencia persoal. Notábase nel ademais que procedía cunha estraña e desacostumada autoridade, a diferenza dos meros repetidores de normas ou textos  sagrados, tal como adoitaban facer escribas e fariseos.

         Por iso ós seus discípulos non lles tivo que estrañar a pregunta que lles dirixiu un bo día: “Quen di a xente que é o Fillo do Home?”. O Fillo do Home, é dicir, esa persoa que aquí tedes diante de vós, que é coma vós, un ser humano incardinado plenamente na historia humana e polo tanto na vida concreta dos seus veciños e veciñas da Palestina do seu tempo.

         Non. El non foi un personaxe público ó estilo do noso tempo, onde por exemplo os políticos saben analizar con coidadiño as enquisas que se publican sobre a estima ou desestima existente sobre eles. O que el en realidade quería era realizar unha transmisión auténtica e verdadeira da mensaxe recibida do seu Pai Deus para o mundo. Por iso pasa axiña da pregunta ós seus discípulos polo que a xente di sobre el á directa pregunta a eles mesmos: “E vós, ¿quen dicides que son eu?”

         A resposta de Pedro (“Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo”) é tan incríbel que Xesús ten que lle confesar a Pedro que unha tal resposta non pode ter outra orixe ca terlle sido suxerida polo mesmo Deus Pai. Incríbel digo, porque cando Xesús fala de si mesmo como “Fillo do Home”, Pedro responde que el (xunto cos demais condiscípulos) cre firmemente que el é nada máis e nada menos que “o Fillo de Deus vivo”. Algo que semella mesmo contrastar coa expresión “Fillo do Home”, utilizada por Xesús.

         En realidade, este é o grande e definitivo misterio de Xesús. El mesmo coidarase por iso de lles advertir ós seus discípulos que non o anden dicindo por aí, para evitar así malentendidos ou interpretacións en clave simplemente política. Refírome ó gran misterio de que Xesús é ó tempo “Fillo do Home” e “Fillo de Deus”. Desde logo, para Pedro poder crer e para nós mesmos poder crer nesta gran marabilla realizada por Deus Pai no seu incríbel achegamento á humanidade fai falla unha fe que non pode proceder sen máis do noso pequeno mundo. Tal como el lle di a Pedro: “Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos”.

         Ben nos fala Paulo na súa carta ós Romanos sobre a incríbel grandeza da mente e dos plans de Deus: “¡Que fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! ¡Que inescrutábeis son os seus xuízos e inexplorábeis os seus camiños”.

         Este tipo de “boas” novas -fundamentais, grandes e alegres- son as que estamos chamados a agradecer íntima e comunitariamente a Deus e a comunicar á humanidade do noso tempo.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:






Comentarios

Publicacións populares