FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: TRANSFIGURACIÓN DO SEÑOR
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Novidade que supera o vello
(6 agosto 2023)
Este ano a Transfiguración do Señor,
que sempre se celebra o 6 de agosto, cae en domingo e debido a isto acada unha
solemnidade especial.
O texto que figura este ano na liturxia
é o de Mateo. Marcos e Lucas fálannos tamén da mesma escena. Coas informacións
dos tres podemos facernos unha idea do
ocorrido alí. Á parte de que Pedro, un dos protagonistas da escena, fai
lembranza tamén na súa carta de hoxe da fonda experiencia recibida por el alí. Pois
Pedro preséntase a si mesmo nesa carta como “testemuña ocular” da “grandeza” de
Xesús na súa transfiguración cando oíron a voz que dicía: “Este é o meu fillo,
o meu predilecto, o fillo do meu contento”.
A relevancia da escena da Transfiguración
como mensaxe dirixida a nós dedúcese do feito de que nela participan os seus
tres apóstolos máis representativos: Pedro, Santiago e Xoán. Polo texto de
Lucas sabemos ademais que a transfiguración ocorre nun contexto de grande intimidade
de Xesús co seu Pai Deus. Lucas cóntanos efectivamente que Xesús subiu cos tres
ó alto dunha montaña para orar, é dicir, para se poñer en contacto de maneira
formal e explícita co seu Pai, co seu Paiciño querido.
Xa na escena do bautismo de Xesús aparecía
a voz de Deus Pai amosando a súa compracencia co seu Fillo benquerido. É unha
amizade fonda, única, moi íntima, infinitamente maior cá que poden ter pais ou
nais cos seus fillos pequenos. Xesús pasábao moi ben falando de noite ou de día
con seu Pai. Este queríao infinitamente a el, e Xesús quería tamén
infinitamente a seu Pai. Para el orar non era, como quizais nos poida pasar a
nós, unha especie de pequeno traballo ou de soterrada obriga, senón un pracer infinito
que o enchía de felicidade.
Pois ben, foi precisamente estando
Xesús en oración cando el se transfigura. Dísenos de diversos modos que o seu
rostro cambiou de aspecto e que os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes
coma a luz. Unha descrición típica da literatura apocalíptica e que nos fai ver
dalgunha maneira a incríbel transformación que ocorría no fillo Xesús cando
contactaba en oración co seu Pai Deus. Algo así coma se se tratase –valla o
símil- dunha fermosa lámpada que se ilumina de súpeto marabillosamente ó se
conectar cunha rede eléctrica moi potente.
Se Xesús puido dicir sobre si mesmo que
el era a “luz do mundo”, iso era só posíbel pola súa inimaxinábel unión con esa
fonte infinita de luz que é Deus mesmo. Él aparece así feliz e resplandecente,
transfigurado. Como o poden estar, aínda que en moito menor grao, unha nai que
se sente feliz co seu fillo ou coa súa filla, unha noiva co seu noivo ou
calquera persoa que se encontre con outra moi querida. Todo se ilumina: as persoas
e as cousas, o ceo e maila terra, o pasado e o futuro. Pois o amor transforma e
transfigura todo.
Mais a transfiguración non é só algo
así coma unha instantánea que, para dicilo dalgunha maneira, inmortaliza uns momentos
sublimes da íntima relación de Xesús co seu Pai Deus. É sobre todo unha
importante mensaxe ós crentes e á humanidade toda. En calquera caso, nada ten
que ver con calquera outra cousa que se nos poida vir á cabeza, coma podería
ser un suposto intento de el se presentar ante os seus desconcertados
discípulos coma un personaxe extraterrestre ou nunca visto...
Dito isto, tanto Mateo coma Marcos ou
Lucas preséntannos Xesús na escena da Transfiguración conversando con Moisés e con
Elías, é dicir, cos representantes da lei e mais dos profetas do Antigo
Testamento. Móstrasenos el así como aquel que dá cumprimento final a todo o
anunciado antes na lei e nos profetas, aínda que superando ámbolos dous de maneira
definitiva. Dende agora Moisés e mais Elías e canto eles representan pertencen xa
ó antigo, ó xa pasado.
Por iso, o único que queda ó final é el
só cos seus apóstolos e maila voz do Pai que clama e proclama definitivamente:
“Este é o meu Fillo, o meu querido, o meu predilecto. Escoitádeo”. Desaparecen,
así pois, leis, preceptos, normas ou ritos pasados, é dicir, todo canto era
específico do Antigo Testamento, representado na escena ata este momento por Moisés
e por Elías. Os apóstolos vense agora confrontados, fronte ó “antigo”
desaparecido, coa gran novidade de Xesús. El é agora o importante, o decisivo,
o imprescindíbel. É dicir, Deus converteuse no seu Fillo en compañeiro e amigo
noso. Dende agora en adiante só temos que “escoitalo” a el, non Moisés ou
Elías. Escoitar a “boa nova” que el nos anuncia de que o seu Pai é tamén o noso
pai e de que polo tanto todos somos irmáns.
Esta é, pois, a importante mensaxe da
Transfiguración do Señor. Unha mensaxe que supón un cambio radical na visión que
os apóstolos tiñan de Deus e que quizais aínda seguimos a ter algúns de nós
(despois de tantos séculos de vixencia do Novo Testamento). Deus está, pois, en
Xesús sempre connosco. Por iso é “Emmanuel”, é dicir, “Deus connosco”.
Dos tres relatos da escena da
Transfiguración, o de Mateo é o único que fala de que os apóstolos, ó escoitaren
a voz, “quedaron debruzados, cheos de temor”. Non era para menos, pois dende
agora Xesús, o amigo e compañeiro, quedaba revestido da “autoridade” do Pai.
Mais, pese a todo, continuaba a ser compañeiro e amigo, como o demostra o que
se nos di seguidamente no mesmo texto de Mateo: “Xesús, achegándose, tocounos e
díxolles: Erguédevos, non teñades medo!”.
Que fermoso todo! O protagonista da Transfiguración
é quen lles dá agarimosas palmadiñas no lombo ós seus apóstolos máis
representativos para que se tranquilicen.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario