Solemnidade da Asunción de Santa María Virxe



PRIMEIRA Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 10ab

Unha muller vestida do sol e coa lúa baixo os seus pés

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE


Abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario.

12 1E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. 2Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.

3Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. 4Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar á luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.

5Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a tódalas nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ó seu trono. 6E a muller fuxiu para o deserto

10E oín un gran berro no ceo, que dicía:

''Arestora chegou a victoria, o poder,

e o reino do noso Deus,

así como a soberanía do seu Mesías.


 

SAL. RESP. Sal 44, 10bc. 11. 12ab. 16

R/ (10b) Á túa dereita está a raíña, con ouro de Ofir


10Fillas de reis tes por amigas,

e á túa dereita, a raíña, con ouro de Ofir.

11Escoita, filla; olla e atende:

esquece o teu pobo e a casa de teu pai.

120 rei está prendado da túa fermosura:

réndete a el, pois el é o teu señor.

16condúcente con xúbilo algareiro,

introdúcente no pazo do rei.




SEGUNDA 1 Cor 15, 20-27

Primeiro, Cristo; despois, os que son de Cristo

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS


Irmáns e irmás:

Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que dormen. 21Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. 22Igual que todos morren por Adam, así tamén por Cristo todos revivirán. 23Pero cada un no seu intre: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa Vinda, os que sexan de Cristo; 24despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación. 25Porque é necesario que El reine ata que poña a tódolos seus inimigos por debaixo dos seus pés. 26A morte será o derradeiro inimigo destruído, 27pois ''todo o puxo por debaixo dos seus pés''.




ALELUIA

María é subida ó ceo;

alégrase o coro dos anxos


 


EVANXEO Lc 1, 39-56

O Poderoso fixo marabillas en min: exaltou ós humildes

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


María saíu con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. 40Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. 41E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, 42exclamou Isabel, a grandes voces:

-Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. 43¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? 44Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. 45¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

46Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor,

47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

48porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí: desde agora

tódalas xeracións me van felicitar.

49¡Marabillas o Poderoso fixo en min!

O seu nome é Santo;

50a súa misericordia chega xeración tras xeración

a tódolos que o temen.

51Manifesta o poder do seu brazo,

desbaratando os plans dos soberbios.

52Derruba do seu trono ós poderosos,

e fai subir ós humildes;

53ós famentos éncheos de bens,

e ós ricos despídeos baleiros.

54Ampara a Israel, o seu Servidor,

lembrándose da súa misericordia,

55conforme prometera a nosos pais,

en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

56María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa. 


https://xanostesaqui.blogspot.com/search/label/Asunci%C3%B3n

 

 







Comentarios

Publicacións populares