Domingo 14º do Tpo. Ordinario - ciclo A

                                          Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

Son bo e sinxelo

XIV domingo T.O.-5 xullo 2026

         Atopámonos na lectura do texto do evanxeo cunhas palabras que Mateo pon en boca de Xesús e que son dunha conmovedora confianza con nós, en canto representados polos apóstolos, discípulos e toda clase de xente sinxela e pobre que o arrodeaba. As primeiras son estas: “Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela”. Probabelmente foron poucos (ou quizais ningún) dos “sabios e entendidos” os que escoitaron estas ou semellantes palabras directamente da boca de Xesús e habería seguramentealí moitos (ou ben deles) dos que Xesús denomina aquí “pequenos” ou “xente sinxela”, é dicir, humildes, pobres e xente de bo corazón que escoitaban Xesús con devoción e íntimo consenso.

         Poder viraquí a conto aquí o que lin hai xa ben de anos que lle ocorrera a un relevante especialista en estudos bíblicos que estudaba por entón na chamada “Escola Bíblica de Xerusalén”: “Un mestre de exexese bíblica iniciábanos na difícil arte de desentrañar o evanxeo de Mateo. Todo semellaba pouco para captar o sentido último do texto [...] Un día, chegamos a eses versículos nos que Xesús exclama: ‘Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela’. O profesor fixo un longo silencio. Despois, díxonos moi amodo: ‘Non esquezan nunca estas palabras. Todo o demais pódeno esquecer’. Foi probabelmente a mellor lección de exexese que recibín na miña vida. Despois, ó longo dos anos, puiden ver que é así. Sempre que tiven a impresión de estar xunto a unha persoa achegada a Deus, foi alguén de corazón sinxelo. Ás veces, unha persoa sen grandes coñecementos, outras alguén de notábel cultura, mais sempre un home ou unha muller de alma humilde e limpa”.

         Xesús está, pois, orando, conversando co seu Pai e noso Pai Deus, diante mesmo dos seus oíntes. E reza dando grazas (“Douche grazas, Pai”). Algo semellante ó que intentamos facer nas nosas “eucaristías”, pois elas queren ser, antes ca nada, acción de grazas polos bens cos que Deus nos agasalla. Xesús dá, pois, grazas porque ámbolos dous (o Pai e mais el) coinciden nas súas querenzas e simpatías. Ámbolos dous lles teñen moi boa lei ós pobres, ós cativos, ós sinxelos, ós nenos, ás mulleres. É dicir, a todos aqueles ós que os poderosos deste mundo non lles dan importancia nin valía.As simpatías de Deus Pai e mais de Xesús con este tipo de persoas non é máis ca a continuación mesma do amor do Pai a un seu Fillo que é así tamén: cativo, pobre e sinxelo. Entre os fermosos textos de Mateo hai esta conmovedora confesión que fai Xesús sobre si mesmo perante as persoas que o escoitan: “Eu son bo e humilde de corazón”.

         Que as persoas que seguían Xesús dun sitio para outro e que o escoitaban dixesen sobre el algo semellante ó que o propio Xesús dicía sobre si mesmo, é doado de entender. Que Xesús se tivese detido, porén,en afirmar iso sobre si mesmo é algo moi importante. Sabe el ben que a nós moito nos cómpre que o saibamos e que tal manifestación sobre si mesmo teña saído da súa boca e do seu corazón. Só así pode medrar a nosa confianza nel, na súa bondade, na súa sinxeleza e humildade. Os cristiáns atopámonos así non diante dunha xigantesca rocha ou parede repleta de preceptos e normas para cumprir (coma nos tempos do Antigo Testamento), senón diante dun corazón esencialmente bo e humilde que está á miña beira, a título de amigo e irmán.

         O grande e inmenso para nós é que non é só Xesús quen é así, senón que tamén o é o mesmo Deus omnipotente, creador do ceo e maila terra e que en Xesús quixo  amosársenos tal e como é. Pois entre Pai e Fillo non hai nada secreto ou descoñecido. “Ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin coñece o Pai ninguén agás o Fillo”.Ofrécese así Xesús a aliviarnos as nosas canseiras, fastíos, abatementos e desazos. “Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei”. A súa mensaxe é, pois, levadeira. É, en definitiva, unha “alegre nova”, tal e como o papa Francisco o formulouno seu imporante escrito que leva o título “A alegría do evanxeo”. Lembrade algúns anacos deste escrito: “Os que se deixan salvar por Xesús son liberados do pecado, da tristura, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría [...] O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple e abafadora oferta de consumo, é unha tristura individualista que xorde do corazón cómodo e avaro, da busca morbosa de praceres superficiais, da conciencia illada [...] Os crentes corren tamén este risco [...] Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida [...] Non fuxamos da resurrección de Xesús, nunca nos declaremos mortos, pase o que pase [...] Todos teñen o dereito de recibir o evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír ninguén, non coma quen impón unha nova obriga, senón coma quen comparte unha alegría, sinala un belo horizonte, ofrece un banquete desexábel. A Igrexa non medra por proselitismo senón por atracción” [...] “Non nos deixemos roubar a alegría evanxelizadora! [...]Xa non se pode dicir que a relixión debe recluírse no ámbito privado e que está só para preparar as almas para o ceo. Sabemos que Deus quere a felicidade dos seus fillos tamén nesta terra, aínda que estean chamados á plenitude eterna, porque el creou tódalas cousas ‘para que gocemos delas’, para que todos poidan gozar delas”.

 

Manuel Cabada Castro

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

 

VER TAMÉN:




FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios

Publicacións populares