Domingo 16º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XVI T.O.
Ritmos
fondos e mainos-19 xullo 2026
As parábolas relacionadas coa vida agrícola, especialmente
coa semente e co sementador, fánsenos habituais dende o domingo anterior.Xesús
aparece así entre nós como a palabra de Deus Pai ó mundo, a Palabra coa que
Deus se dirixe á humanidade e á creación toda. O sinal de que Deus nos quere é
o feito mesmo de dirixirnos a palabra, unha Palabra que ademais se identifica
con el mesmo. Non é só o que el nos di. Así o fan os que nos saúdan
dirixíndonos a súa palabra e amosando dese xeito que nos aprecian, que se
preocupan por nós e que nos queren. En caso contrario, pasarían á nosa beira
sen dirixirnos a palabra, tal como fan os que non se queren.
Deus Pai, polo contrario, diríxenos a súa palabra,
sementándoa así no mundo e entre nós. Xesús é así a Palabra, o formento, que
Deus coloca agarimosamente no mundo, para irnos facendo cada vez máis divinos.
É así como Deus Pai fai nacer o seu Fillo Xesús no mundo coma un máis entre
nós, converténdose deste xeito en compañeiro e irmán. Nace pobre e humilde,
como calquera planta ou árbore que nos seus comezos son sempre pequerrechas. Faise
así irmán, convive con todos, padece con todos e coma todos, traballa, loita,
sofre inxustizas e morre inxustamente sentenciado. Non ergue a súa man -o seu
poder infinito- contra ninguén. Dá simplemente testemuño co seu modo de
proceder do amor que Deus Pai e mais El lle teñen ó mundo, á creación enteira,
a tódalas razas, culturas e relixións.Así é Deus e así é o seu ritmo vital na
súa manifestación en Xesús. Deus non ten présa. Tampouco é vingativo ou está á
espreita paracastigarnos á traizón. E ese é tamén o ritmo que lle deu a todo
canto el fixo.
Os apóstolos preguntábanlle de cando en vez a Xesús por que
lles falaba en parábolas, por que non lles dicía as cousas máis abertamente e
sen rodeos. Mais cando el acode ás semellanzas do sementador, das plantas que
se forman desde unha sementepequechaou á pouca cantidade de formento que é
capaz de transformar unha cantidade moito maior de masa de fariña de trigo ou
cando fai uso doutras parábolas semellantes, en realidade este seu modo de
falar é o único apropiado para nos transmitir a fonda mensaxe que el nos trae
do Pai. Mateo dinos claramente que Xesús “nada lle falaba á xente que non fose
por medio de parábolas”. Por que?
Pois porque o estilo de Deus en canto el fixo ou botou a
andar non podía ser doutra maneira. Plantas, animais, seres humanos etc. non
poden non levar en si o estilo do seu facedor. Algo así como cada arquitecto,
pintor ou novelista ten o seu propio estilo, o seu propio xeito de construír,
de pintar ou de escribir. Se queremos, xa que logo, entendérmonos a nós mesmos
teremos que aprender a ollar tamén canto existe arredor de nós.Por iso é tan
importante a conservación da natureza, o respecto a todo canto existe. Se
destruímos a natureza ou abusamos dela, iremos perdendo capacidade de
entendermos a Deus e tamén de comprendérmonos a nós mesmos.
As parábolas de hoxe, a do xoio que medra co bo trigo, a do
gran de mostaza que se converte nunha planta grande ou a do formento que se
transforma coa masa en pan, coinciden as tres nunha mesma mensaxe fundamental:
a vida humana e cristiá é un proceso.
Ímonos cambiando e transformando, todas e todos, ó longo das nosas vidas. E
-non o esquezamos- tamén a nosa morte, o noso pasamento, non é senón un momento
máis desa transformación.Transformarémonos entón en algo novo, aínda que continuemos
a ser o mesmo que eramos sendo vivos neste mundo.
Por iso as plantas e toda a natureza apréndennos tanto.
Apréndennos a decatármonos de que, se por exemplo o pequerrecho gran da mostaza
podrece e desaparece como tal, non morre para sempre, senón que se converte nun
arbusto no que ata os paxaros poden facer nel o seu niño. E poderiamos entón
preguntarnos: seriamos quen de comprender algo do que significa a resurrección
-a vida despois da nosa morte- se non tivésemos diante para velo, observalo e
admiralo, o que ocorre con calquera semente dunha planta ou dunha árbore que
enterramos na terra?
Ese é -volvo repetir- o estilo de Deus en todo canto el fixo
e continúa a facer. Sorprendente e estraño, si, mais grandioso e esperanzador. Deus
é sempre meirande ca canto podemos pensar del.Que é pouco ou pequeno o noso
formento cristián en comparanza coa gran masa dunha humanidade que non semella
ocuparse de Deus? Así parece. Con todo, non é tamén moi cativa a cantidade de
formento en relación coa masa de millo ou de trigo que o formento se encargará
el de transformar para que dela saia un bo pan?
Lémbrome ben de cando de pequeno ía eu buscar á casa dunha
veciña unha cunca de barro con formento para que a miña nai o mesturase logo na
artesa coa masa de millo e así esta puidese levedar. Tras mesturala, facía un
gran sinal da cruz sobre a masa que se ía cocer, e todo quedaba así preparado
para que despois, coa calor do forno, se transformase en saboroso pan quente.
Se, como nos di Xesús, somos formento dunha masa a transformar, revistámonos tamén de fe, espera e esperanza, de amor e de paciencia, para así asemellármonos tamén no noso ritmo persoal ao ritmo tranquilo e misterioso, mais eficaz, que Deus mesmo puxo en tódalas cousas da natureza. Pois é El mesmo quen pon diante nosa este ritmo como parábola e exemplo de como El se comporta e de como tamén nósnos deberiamos comportar.-
Manuel
Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario