Domingo 15º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Sementando onda o mar
Domingo XV T. O.–12 xullo 2026
Deus Pai revelóusenos en Xesús a toda a humanidade, á
creación enteira. Asúa mensaxeestá así en estreita relación coa terra que dá
vida ou tamén, coma hoxe se nos di, á beira do mar, proclamando unha mensaxe de
fraternidade universal.A fermosa parábola do sementador é un discurso de Xesús
que senta cátedra, tal como nolo conta Mateo, “á beira do mar”: “Xesús saíu da
casa e foi sentar á beira do mar”. Aínda que o xentío era tan numeroso e tan
pendente estaba da persoa e das palabras de Xesús que tivo que subirse a unha pequena
lancha.
Xesús non precisaba de libros (nin papeis) para se dirixir
ás xentes que o seguían. Nada nos deixouescrito da súa man. Serían outros os
que nos falarían del, dicindo ademais pola súa parte que non habería libros
suficientes no mundo para neles deixar constancia de todo canto el dixo ou
fixo. Porque en realidade Xesús, máis que alguén que emitía palabras, era el
mesmo, todo el, a Palabra, a Palabra de Deus Pai dirixida a nós. A Palabra que,
como se nos di no evanxeo de Xoán, “fíxose carne e habitou entre nós”.Xentes
mariñeiras e labregas, é dicir, aquelas que vivían a rentes do mar, sementeiro de vida, ou preto dos sucos da
terra-nai que dá trigo, mazás ou viño, estas xentes (e os galegos teremos que
darlle grazas a Deus por termos nacido nun país así), estas xentes –digo-
podían, poden, podemos entender quizais algo mellor ca outros a mensaxe de
Xesús como sementador de vida.
Deus non fai, pois, senón sementar a súa palabra, por medio
de Xesús (que é a súa Palabra) e por medio tamén de tantas outras persoas,
acontecementos, alegrías ou sufrimentos que nos acompañarán dunha ou outra
maneira ó longo da vida.Mais ben sabemos que quen sementa non recolle sempre
froitos iguais nos diversos terreos nos que realiza a súa sementeira.É sen
dúbida un misterio, humano e divino, o porqué nunhas persoas o froito da
palabra que vén de Deus se converte en fermoso e vizoso mentres que noutras non
pasa de ser regular ou cativo.
En calquera caso, temos que decatarnos de que é sempre Deus
quen nisto leva a iniciativa. El é o sementador, o que desde si mesmo nos dá a
posibilidade de producir froitos de vida e de fraternidade. El é aquel de quen
procede a semente, sementándoa no interior dos nosos corazóns ou tamén, como
nos di Isaías, o que actúa desde arriba cara a baixo, ó xeito da chuvia ou da
neve que descenden do ceo. Se estes fallan, vén a seca e a nosa terra deixa de
producir.
Non nos é doado analizar ata o fondo a semente de Deus. Mais
non deberiamos esquecer que o que vén de Deus é loxicamente cousa divina e non
ten por que axeitarse ós nosos modos, cativos e limitados, de ver as cousas. Ás
veces poderiamos pensar que o noso mundo, o de hoxe, é un deserto, un páramo no
que o divino, é dicir, os froitos da palabra de Deus, non se ven como pensamos
que debería ser.
Mais Deus, o Sementador, polos seus camiños segue a
traballar no traballo da sementeira.Isaías anúncianos que a sementeira de Deus
non ten marcha atrás. Deus comprometeuse en Xesús co mundo e coa humanidade
toda, obra súa. Deus Pai salva e salvará en Xesús o mundo e levará a cabo o que
El quere. Isaías preséntanos a Deus falando da eficacia e do froito da súa
palabra, comparándoa coa chuvia que sempre descende cara abaixo e que non volve
subir caraarriba coas mans baleiras. Así, pois, como a chuvia, enchoupa a terra
e fai que produza froitos, “así tamén será –dinos o Deus de Isaías- a miña
palabra que sae da miña boca: non volverá a min en van, senón que fará o que eu
queira”.Se non fose así, Deus tería fracasado nos seus plans sobre o mundo e
sobre a humanidade, proxectos que por seren divinos non poden senón estar cheos
de infinita sabedoría e de poder e bondade incomparábeis.
Sabemos, si, e tamén pola palabra que Deus sementa en nós,
que a vida non nos aforrará padecementos e contrariedades. Mais iso é só o
pequeno prezo que temos que pagar para que chegue a alumar plenamente en nós a
luz que nolo aclarará todo. Tamén a semente, como calquera labrego sabe,
podrece e desaparece aparentemente no intre mesmo de se transformar en novo
froito. Esa nova e transformada vida fará que o proceso anterior non veña xa
contar case nada. Dito coas palabras da segunda Lectura (a carta de Paulo ós
Romanos): “non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria
vindeira, que se vai revelar en nós”. É algo así, en palabras tamén de Paulo,
coma o proceso dun parto laborioso, que ó final queda superado pola alegría do
nacemento dunha nova vida: “toda a creación –dinos Paulo- vén xemendo ata hoxe
e retórcese coma con dores de parto”.
Pidámoslle
a Deus que esta esperanza de vida nos converta en sementes portadoras de vida e
eternidade.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos
(2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:
FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios
Publicar un comentario