FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XV DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
“Sementar sementarei...”
(16 xullo 2023)
Deus Pai revelóusenos en Xesús a toda a humanidade, á enteira
creación. El exprésanos a mensaxe do Pai en estreita relación coa terra que dá
vida ou tamén, como se nos di hoxe, “á beira do mar”, proclamando unha mensaxe
de fraternidade universal, a de sermos fillos dun mesmo Pai que nos quere, que
nos dá a vida e nola promete ademais para toda unha eternidade.
A tradicional e fermosa parábola do sementador é un
discurso de quen senta cátedra, tal como nolo conta Mateo, “á beira do mar”:
“Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar”. Por máis que o xentío era
tan numeroso e estaba tan pendente del e do que dicía que tivo que se subir a
unha lanchiña.
Quen alí estaba non precisaba de libros (nin de papeis)
para se dirixir ás xentes que o seguían. El non nos deixou, ademais, nada
escrito da súa propia man. Serían outros quen nos falarían del, engadindo eles
ademais pola súa parte que non habería libros suficientes no mundo para neles deixar
perfecta constancia de todo canto dixo e, sobre todo, fixo. Porque en realidade,
máis que alguén que emitía palabras, era el mesmo, todo el, a Palabra, a
Palabra de Deus Pai para nós. A Palabra que, como di Xoán, se fixo carne e
habitou entre nós.
Xentes mariñeiras e labregas, é dicir, aquelas que vivían
a rentes do mar, sementeiro de vida, ou
preto dos sucos da terra-nai que dá millo, trigo, mazás ou viño, estas xentes
(e os galegos temos que darlle grazas a Deus por termos nacido nun país así),
estas xentes –digo- podían, poden, podemos entender quizais un chisco mellor ca
outros esta mensaxe sobre o Xesús sementador de vida.
Deus non fai senón sementar a súa palabra, por medio de
Xesús que é a Palabra e por medio de tantas persoas, acontecementos, alegrías
ou sufrimentos que nos acompañan e acompañarán dunha ou outra maneira ó longo
da nosa vida.
Sabemos ben, de todos modos, que quen sementa non recolle
sempre froitos iguais nos diversos terreos nos que realiza a súa sementeira.
Iso é o que o texto de hoxe nos vén dicir. É sen dúbida un misterio, humano e
divino, o porqué o froito da palabra que vén de Deus devén nunhas persoas fermoso
e vizoso mentres que noutras non pasa de ser regular ou cativo.
En calquera caso, cómpre decatarnos de que é sempre Deus
quen nisto leva a iniciativa. El é o sementador, o que desde si mesmo nos dá a
posibilidade de producir froitos de vida e de fraternidade. El é aquel de quen
procede a semente, sementándoa no interior dos nosos corazóns ou tamén, como
nos di Isaías (na primeira Lectura) o que actúa desde arriba cara a baixo, ó
xeito da chuvia ou da neve que descenden do ceo. Se estes fallan, vén a seca e
a terra deixa de producir.
Non nos é doado analizar ata o fondo esta semente de
Deus. Mais non deberiamos esquecer que o que vén de Deus é loxicamente cousa
divina e non ten por que axeitarse ós nosos modos, cativos e limitados, de ver
as cousas. Ás veces podemos pensar que o noso mundo, o de hoxe, é un deserto,
un páramo no que o divino, os froitos da palabra de Deus, non se ven case por ningures.
Mais aquí temos tamén que aprender o que a palabra de Deus nos di. Polos seus
camiños -que non teñen por que coincidir sempre cos nosos- o Sementador, é
dicir, Deus, segue a traballar no traballo da sementeira. Non podemos saber de
antemán que froitos concretos quere Deus acadar por medio de nós, na nosa
época, ou a través dos que veñan despois de nós, nunha historia que endexamais
deixa de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.
En calquera caso, Isaías anúncianos que a sementeira de
Deus non ten marcha atrás. Deus comprometeuse en Xesús co mundo e coa
humanidade toda, que son obra súa. Por iso Deus Pai salva e salvará en Xesús o
mundo e levará a cabo o que el quere. Isaías preséntanos a Deus falando da
eficacia e do froito da súa palabra dada ó mundo comparándoa coa chuvia que
sempre descende cara abaixo e que non volve subir, coas mans baleiras, cara
arriba. Así, pois, talmente como a chuvia enchoupa a terra e fai que produza
froitos, “así tamén será –dinos o Deus de Isaías- a miña palabra que sae da
miña boca: non volverá a min en van, senón que fará o que eu queira”.
Se así non fose, Deus tería fracasado nos seus plans
sobre o mundo e sobre a humanidade, proxectos que por seren divinos non poden
senón estar cheos de infinita sabedoría e de poder e bondade incomparábeis.
Sabemos, si, e tamén pola palabra que o noso Deus sementa
en nós, que a vida non nos aforrará padecementos e contrariedades. Pero iso non
é máis có pequeno prezo que temos que pagar para que chegue a alumar plenamente
en nós a luz que nolo aclarará todo. Tamén a semente, como calquera labrego ben
sabe, podrece e desaparece aparentemente no intre mesmo de se transformar en
novo froito. Esa nova e transformada vida fará que o proceso anterior non veña
xa contar practicamente nada. Dito coas palabras da segunda Lectura (da carta
de Paulo ós Romanos): “non hai comparanza entre os padecementos da vida
presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós”. É algo así, en
palabras tamén de Paulo, coma o proceso dun parto laborioso, que ó final queda
superado pola alegría do nacemento dunha nova vida: “toda a creación –dinos
Paulo- vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores de parto”.
Que esta esperanza de vida nos converta a todos e a cada
un de nós en sementes portadoras de vida e de eternidade.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario