FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO XIV DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
A grandeza da pequenez
(9 xullo 2023)
Atopámonos na lectura do texto do evanxeo cunhas
palabras que Mateo pon en boca de Xesús e que están cheas dunha conmovedora
confianza del connosco, presentes nós dalgún modo nos seus apóstolos,
discípulos e mais na xente sinxela e pobre que o arrodeaba. As primeiras son as
seguintes: “Douche grazas, Pai, Señor do
ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e entendidos
e llelas revelaches á xente sinxela”. Probabelmente poucos (ou quizais ningún)
dos “sabios e entendidos” escoitarían estas ou semellantes palabras
directamente da boca de Xesús e seguramente, en cambio, habería alí moitos (ou
ben deles) dos que Xesús denomina “pequenos” ou “xente sinxela”, é dicir,
humildes, pobres e xente de bo corazón que escoitaban Xesús con devoción e
íntimo consenso.
Vén
seguramente moi a conto aquí o que hai xa ben de anos lin sobre o que lle
ocorrera a un relevante especialista en estudos bíblicos que estudaba por entón
estas materias na chamada “Escola Bíblica de Xerusalén”. Cóntao el así: “Un
mestre de exexese bíblica iniciábanos na difícil arte de desentrañar o evanxeo
de Mateo. Todo semellaba pouco para captar o sentido último do texto: crítica
textual, análise literaria, estrutura da pasaxe. Un día, chegamos a eses
versículos nos que Xesús exclama: ‘Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da
terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas
revelaches á xente sinxela’. O profesor fixo un longo silencio. Despois,
díxonos moi amodo: ‘Non esquezan nunca estas palabras. Todo o demais pódeno
esquecer’. Foi probablemente a mellor lección de exexese que recibín na miña
vida. Despois, ó longo dos anos, puiden ver que é así. Sempre que tiven a
impresión de estar xunto a unha persoa achegada a Deus, foi alguén de corazón
sinxelo. Ás veces, unha persoa sen grandes coñecementos, outras alguén de
notábel cultura, mais sempre un home ou unha muller de alma humilde e limpa”.
Xesús
está, pois, a orar, a conversar co seu Pai e noso Pai Deus, diante mesmo dos
seus oíntes. E ora dando grazas (“Douche grazas, Pai”). Algo semellante ó que
moi correctamente intentamos facer nas nosas “eucaristías”, pois en principio todas
elas queren ser tamén, antes ca nada, acción de grazas por tanta boa cousa coa
que Deus nos agasalla. Xesús dá, pois, grazas porque ámbolos dous (o Pai e mailo
Fillo benquerido) coinciden nas súas querenzas e simpatías. Ámbolos dous
téñenlles moi boa lei ós pobres, ós cativos, ós sinxelos, ós nenos, ás
mulleres, é dicir, a todos aqueles ós que os poderosos deste mundo pouca
importancia lles daban naqueles tempos e incluso non llela dan tampouco agora.
A
simpatía de Deus Pai e mais do seu Fillo coa “xente sinxela” non é máis cá
continuación mesma do amor do Pai a un seu Fillo, que é así tamén cativo, pobre
e sinxelo. Entre os fermosos textos de Mateo lemos esta conmovedora confesión
que fai o seu Mestre sobre si mesmo perante as persoas que o escoitan: “Eu son
bo e humilde de corazón”.
Que
as persoas que o seguían dun sitio para outro e que o escoitaban dixesen sobre
el algo semellante ó que el dicía sobre si mesmo é doado de entender. Mais que el
se tivese detido a afirmalo sobre si mesmo é moita cousa. Moi ben el sabe que
nos convén moito que o saibamos e que tal manifestación sobre si mesmo teña
saído da súa boca e do seu corazón. Só así pode medrar efectivamente a nosa
confianza nel, na súa bondade, na súa sinxeleza e humildade. Os cristiáns
atopámonos así na nosa vida, non diante dunha xigantesca rocha ou parede
acugulada de normas para as cumprirmos (coma no Antigo Testamento), senón
diante dunha persoa que é esencialmente boa, sinxela e humilde e que se coloca
á miña beira a título de amigo e irmán.
O
grande e insospeitado para nós é que non é só el quen é así, senón tamén o
mesmo Deus omnipotente que fixo o ceo e maila terra e que en Xesús quixo amosársenos
tal e como é. Pois entre Pai e Fillo nada hai que sexa descoñecido: “Ninguén
coñece o Fillo agás o Pai, nin coñece o Pai ninguén agás o Fillo”.
Ofrécese
así Xesús a aliviarnos nas nosas canseiras, fastíos, abatementos e desazos:
“Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos
aliviarei”. Pois a súa mensaxe é levadeira. É sempre “alegre nova”, como o papa
Francisco non deixa de repetir no seu escrito “A alegría do evanxeo”. Ceibo ó ar
algúns anacos dos seus comentarios por se se queren pousar mansamente nalgún de
vós:
“Os
que se deixan salvar por Xesús son liberados do pecado, da tristura, do baleiro
interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría [...] O
gran risco do mundo actual, coa súa múltiple e abafadora oferta de consumo, é
unha tristura individualista que xorde do corazón cómodo e avaro, da busca
morbosa de praceres superficiais, da conciencia illada [...] Os crentes corren tamén
este risco [...] Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos,
sen vida [...] Non fuxamos da resurrección de Xesús, nunca nos declaremos
mortos, pase o que pase [...]. Todos teñen o dereito de recibir o evanxeo. Os
cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír ninguén, non coma quen impón
unha nova obriga, senón coma quen comparte unha alegría, sinala un belo
horizonte, ofrece un banquete desexábel. A Igrexa non medra por proselitismo
senón por atracción”.
E
remato aludindo aínda a un par de pensamentos do mesmo papa Francisco nesta súa
encíclica, que tan ben se poden aliñar coa temática do texto de Mateo:
“Non
nos deixemos roubar a alegría evanxelizadora! Non ó pesimismo estéril! A alegría do evanxeo é esa que nada nin
ninguén nos poderá quitar [...] A tarefa evanxelizadora implica e esixe unha
promoción integral de cada ser humano. Xa non se pode dicir que a relixión debe
recluírse no ámbito privado e que está só para preparar as almas para o ceo.
Sabemos que Deus quere a felicidade dos seus fillos tamén nesta terra, aínda
que estean chamados á plenitude eterna, porque el creou tódalas cousas ‘para
que gocemos delas’, para que todos
poidan gozar delas”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/14-tempo-ordinario-a-mateu-1125-30-2/
Comentarios
Publicar un comentario