FICHA E LECTIO: Domingo 14 de Ordinario A
Aristocracia da xente
sinxela
(5 de xullo de 2020)
Atopámonos
hoxe na lectura do texto do evanxeo cunhas palabras que Mateo pon en boca de
Xesús e que están cheas dunha conmovedora confianza del connosco, presentes nós
dalgún modo nos seus apóstolos, discípulos e mais na xente sinxela e pobre que
o arrodeaba. A primeira das frases é a seguinte: “Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches
estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela”.
Probablemente foron poucos (ou quizais ningún) dos “sabios e entendidos” os que
escoitaron estas ou parecidas palabras directamente da boca de Xesús e
seguramente, en cambio, habería alí moitos (ou ben deles) dos que Xesús
denomina aquí “pequenos” ou “xente sinxela”, é dicir, humildes, pobres e xente de
bo corazón que escoitaban Xesús con devoción e íntimo consenso.
Coido
que vén xustamente moi a conto aquí o que lin hai xa ben de anos que lle
ocorrera a un relevante especialista en estudos bíblicos que estudaba por entón
estas materias na chamada “Escola Bíblica de Xerusalén”. Cóntao el así: “Un
mestre de exexese bíblica iniciábanos na difícil arte de desentrañar o evanxeo
de Mateo. Todo semellaba pouco para captar o sentido último do texto: crítica
textual, análise literaria, estrutura da pasaxe. Un día, chegamos a eses
versículos nos que Xesús exclama: ‘Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da
terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas
revelaches á xente sinxela’. O profesor fixo un longo silencio. Despois,
díxonos moi amodo: ‘Non esquezan nunca estas palabras. Todo o demais pódeno
esquecer’. Foi probablemente a mellor lección de exexese que recibín na miña
vida. Despois, ó longo dos anos, puiden ver que é así. Sempre que tiven a impresión
de estar xunto a unha persoa achegada a Deus, foi alguén de corazón sinxelo. Ás
veces, unha persoa sen grandes coñecementos, outras alguén de notábel cultura, mais
sempre un home ou unha muller de alma humilde e limpa”.
Xesús
está, pois, orando, conversando co seu Pai e noso Pai Deus, diante mesmo dos
seus oíntes. E ora dando grazas (“Douche grazas, Pai”). Algo semellante ó que moi
correctamente intentamos facer nas nosas “eucaristías”, pois en principio queren
ser elas tamén, antes ca nada, acción de grazas por tanta boa cousa coa que
Deus nos agasalla. E Xesús dá grazas porque ámbolos dous (o Pai e mailo Fillo
benquerido) coinciden nas súas querenzas e simpatías. Pois ámbolos dous
téñenlles moi boa lei ós pobres, ós cativos, ós sinxelos, ós nenos, ás
mulleres, é dicir, a todos aqueles ós que os poderosos deste mundo pouca
importancia lles daban naqueles tempos ou incluso non llela dan tampouco agora.
A
simpatía de Deus Pai e mais de Xesús coa “xente sinxela” non é máis cá
continuación mesma do amor do Pai a un seu Fillo, que é así tamén: cativo,
pobre e sinxelo. Entre os fermosos textos de Mateo lemos esta conmovedora
confesión que fai Xesús sobre si mesmo perante as persoas que o escoitan: “Eu
son bo e humilde de corazón”.
Que
as persoas que o seguían dun sitio para outro e que o escoitaban dixesen sobre
el algo semellante ó que o propio Xesús dicía sobre si mesmo, é doado
entendelo. Mais que Xesús se tivese detido a afirmar iso sobre si mesmo é moita
cousa. Sabe el moi ben que nos convén moito que o saibamos e que tal
manifestación sobre si mesmo teña saído da súa boca e do seu corazón. Só así
pode medrar efectivamente a nosa confianza nel, na súa bondade, na súa
sinxeleza e humildade. Os cristiáns atopámonos así na nosa vida, non diante
dunha xigantesca rocha ou parede acugulada de normas para as cumprirmos (coma
nos tempos do Antigo Testamento), senón diante dunha persoa que é esencialmente
boa, sinxela e humilde e que se coloca á miña beira a título de amigo e irmán.
O
grande e insospeitado para nós é que non é só Xesús quen é así, senón tamén o
mesmo Deus omnipotente que fixo o ceo e maila terra e que quixo en Xesús
amosársenos tal e como é. Pois entre Pai e Fillo non hai nada que sexa secreto
ou descoñecido: “Ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin coñece o Pai ninguén
agás o Fillo”.
Ofrécese
así Xesús a aliviarnos nas nosas canseiras, fastíos, abatementos e desazos: “Achegádevos
a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei”. Pois a súa
mensaxe é levadeira e, en definitiva, é sempre “alegre nova”, tal e como o papa
Francisco non deixa de repetir unha e outra vez no seu escrito “A alegría do
evanxeo”. Céibovos ó aire algúns anacos dos seus comentarios por se se queren
pousar mansamente nalgún de vós:
“Os
que se deixan salvar por Xesús son liberados do pecado, da tristura, do baleiro
interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría [...] O
gran risco do mundo actual, coa súa múltiple e abafadora oferta de consumo, é
unha tristura individualista que xorde do corazón cómodo e avaro, da busca
morbosa de praceres superficiais, da conciencia illada [...] Os crentes corren
tamén este risco [...] Moitos caen nel e convértense en seres resentidos,
queixosos, sen vida [...] Non fuxamos da resurrección de Xesús, nunca nos
declaremos mortos, pase o que pase [...] Todos teñen o dereito de recibir o
evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír ninguén, non coma
quen impón unha nova obriga, senón coma quen comparte unha alegría, sinala un
belo horizonte, ofrece un banquete desexábel. A Igrexa non medra por
proselitismo senón por atracción”.
E
remato aludindo aínda a un par de pensamentos máis do papa Francisco nesta
encíclica súa, que tan ben se poden aliñar coa temática do texto do evanxeo de
Mateo:
“Non
nos deixemos roubar a alegría evanxelizadora! Non ó pesimismo estéril! A alegría do evanxeo é esa que nada nin
ninguén nos poderá quitar [...] A tarefa evanxelizadora implica e esixe unha
promoción integral de cada ser humano. Xa non se pode dicir que a relixión debe
recluírse no ámbito privado e que está só para preparar as almas para o ceo.
Sabemos que Deus quere a felicidade dos seus fillos tamén nesta terra, aínda
que estean chamados á plenitude eterna, porque el creou tódalas cousas ‘para
que gocemos delas’, para que todos
poidan gozar delas”.
Ollo!
Non son eu, pobre de min, quen así fala. Évos o papa Francisco quen así nos fala.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
http://www.oscotos.eu
Comentarios
Publicar un comentario