25 de xullo - Día do apóstolo e Día de Galicia
No
día de Galicia
(25
de xullo de 2020)
Co
gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza é
case obrigado lembrarmos algunhas ideas sobre a importancia de que cantos en
Galicia nos consideramos cristiáns saibamos incardinarnos ben na terra e no
país no que, pola graza de Deus, nacemos ou estamos a vivir.
Nesta
incardinación pode haber deficiencias, hóuboas e continúa de feito a habelas.
Mais coido que o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta necesaria
incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou
encarnación que Deus mesmo fixo de si no mundo, facendo que o seu fillo Xesús
nacese e vivise nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos.
Polo tanto, a encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia habería que
vela como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que en Xesús se encarnou tamén
nunha cultura e nun país concretos. No seu paso por este mundo, Xesús non se
parece en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de
Palestina para desaparecer ó final nun ceo etéreo sen se decidir a aterrar
antes en ningún momento. Polo contrario -tal como nos di Xoán- Xesús, a
benquerida e bendita palabra de Deus, si que afincou ben a súa tenda entre nós.
Coido
que non pode resultar esaxerado dicir que a Igrexa non só tardou moito en
empezar a se incardinar en Galicia senón que aínda lle queda moito para aterrar
de verdade nela. Sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se
celebrou oficialmente en Santiago hai só pouco máis de medio século. Con
moitísimo atraso se temos en conta que a nosas lingua galega é a lingua propia
de Galicia e nela se expresou e expresa a maioría da poboación dende hai moitos
séculos.
Foi o último concilio ecuménico da
Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización na liturxia
das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso
prestixio social non se lles concedera ata entón a categoría de oficiais. Aínda
así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos tralo remate dese
Concilio para a súa introdución no uso litúrxico na nosa terra. Houbo daquela
moitas protestas por esta inxustificada demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma
o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos esforzos individuais e colectivos
a prol do seu uso.
Chovía
en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento
acordara que, aínda que a misa se seguise dicindo en latín, se lles dese cabida
nela ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí se
estaba a facer. Mais tamén daquela nesta sufrida terra nosa se decidiu, contra
toda lóxica e evidencia, que a lingua de Galicia era o castelán. Por iso, e
sorprendentemente, os galegos, a diferencia por exemplo de vascos ou cataláns,
non puidemos dispoñer ata hai moi pouco de oracións ou catecismos escritos na
nosa lingua. Os nosos catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas
oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio
de Trento pedira.
Así
pois, despois do Concilio Vaticano II, celebrouse en Galicia durante toda a
década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral de Galicia. As disposicións
concretas deste Concilio Pastoral galego partían do suposto básico da
necesidade de identificarse coa propia cultura dos destinatarios da mensaxe
liberadora do evanxeo en canto “boa nova”. Dise alí, por exemplo: “Este
Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns de Galicia que a súa acción se encarne
nos valores naturais, humanos e
culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando
son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a
rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima
liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino”. E incluso se
engade alí: “O Concilio Pastoral de Galicia pide que a autoridade pública,
lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de
oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural
propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua”.
Por iso, e isto tócanos xa
directamente a nós, dise aínda nun dos textos conciliares: “O Concilio Pastoral de Galicia pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e
Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción
da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do
home galego e, por tanto, coa evanxelización”.
Polo tanto, O Concilio Pastoral de Galicia pídenos a tódolos cristiáns, clara e
simplemente, máis “encarnación”. Do mesmo modo que Deus se quixo encarnar no
concreto Xesús da historia.
Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso
Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e
relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó
espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia
historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente ás culturas e linguas
do mundo enteiro, de maneira especial as máis próximas a nós.
Quero aproveitar tamén esta
importante data anual do 25 de xullo para aludir ó que particularmente celebro
anualmente neste día con agradecemento a Deus. Pois xustamente nesta data do 25
de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto xa 57 anos, fun ordenado
sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades (ademais
doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e outro cisterciense)
polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos xesuítas que comigo
recibiu a ordenación neste mesmo día era o valisoletano e bo amigo Segundo
Montes Mozo, que foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai
aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría, meu compañeiro tamén
daquela en Innsbruck. Fomos casualmente ordenados no día de Santiago Apóstolo
porque no día seguinte, o día 26, era a festividade de santa Ana, padroeira de
Innsbruck (capital do Tirol onde vivín durante catro anos), e neste día se
celebraban tradicionalmente as primeiras misas ou misas novas dos ordenados no
día anterior. Tirolesas e tiroleses viñan en masa participar nestas misas
novas, pois tíñanlles moita devoción. Polo tanto a data acostumada da
ordenación sacerdotal non tiña nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo
dese día, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana.
Andando o tempo e sen eu daquela
sequera sospeitalo, dinme conta do ben que cadrou para min esta data (a da
festividade do Apóstolo Santiago) ó ela estar de feito tan directamente relacionada
con Galicia e coa necesaria encarnación na nosa terra, cultura e lingua. Por
todo iso quero humildemente darlle hoxe grazas a Deus.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario