DOMINGO XV ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Is 55, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A chuvia fai xerminar a terra
Así fala o Señor:
Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 64, 10abcd. 10e-11. 12-13. 14
R/. (Lc 8, 8): A semente caeu en boa terra e deu froito.
Ti coidas e regas a terra,
enchóupala de bens;
as canles de Deus van cheas de auga.
Ti fas agromar a seara,
regas os sucos, achanzas os terróns,
amolécela coas chuvias,
e bendís as súas sementes.
Ti coroas a anada cos teus favores,
as túas pegadas zumegan abundancia.
Destilan os pastos do deserto
e vístense de xúbilo os outeiros.
Cóbrense de rabaños os campos
e enmantélanse de espigas os vales,
cheos de ecos e de cantos.
Segunda Lectura Rm 8, 18-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus
Irmáns:
Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós.
Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ao fracaso: non por propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores coma de parto.
Máis aínda, nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA
Se no se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
A semente é a palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.
Evanxeo Mt 13, 1-23 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O sementador saíu a sementar
Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
‑ O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
Quen teña oídos, que escoite!
E achegándose os discípulos dixéronlle:
‑ Por que lles falas en parábolas?
El respondeulles:
‑ Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes.
Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure.
Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oí-lo que vos oídes, e non o oíron.
Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e arrepáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño.
O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona.
O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito.
Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou: 1-9 (máis breve):
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
‑ O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
Quen teña oídos, que escoite!
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario