25 de xullo 2026 - Día do Apóstolo e de Galicia
Santo
fillo do trono-25 xullo 2026
Co
gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza é
case obrigado que lembremos algunhas ideas sobre a importancia de que todos
cantos na Galiza nos consideramos cristiáns saibamos incardinarnos na terra e
no país no que, pola graza de Deus, nacemos ou estamos a vivir.Nesta
incardinación pode haber deficiencias e hainas de feito. Mais o máis importante
é que deberiamos aprender a ver esta incardinación en continuidade e como
consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus Pai fixo de si no mundo,
facendo que o seu fillo Xesús nacese e vivise nun país, nunha cultura e nun
ámbito lingüístico concretos. Aincardinación da Igrexa na cultura e na lingua da
Galiza habería que vela, xa que logo, como unha esixencia desa mesma fe nun
Deus que en Xesús se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu
paso humano-divino por este mundo Xesús non se asemella en absoluto a un
suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para
desaparecer ó final nun ceo etéreo sen antes aterrar neste mundo. Polo
contrario -tal como se nos di en Xoán- Xesús, a palabra absoluta e definitiva de
Deus, afincou a súa tenda entre nós.
Non
é nada esaxerado dicir que a Igrexa non só tardou moito en empezar a se
incardinar na Galiza senón que lle queda aínda moito para aterrar de verdade
nela. Sabedes ben que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou
oficialmente en Santiago de Compostela hai só pouco máis de medio século. Con
moitísimo atraso se temos en conta que a lingua galega é a lingua propia de
Galicia e que nela se expresaron
xeracións e xeracións de persoas dende hai séculos. Foi o último concilio
ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu por fin a porta á utilización
na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo
político ou falso prestixio social non tivesen aínda a categoría de oficiais.
Aínda así, a nosa lingua tivo que esperar varios anos ata a súa introdución no
uso litúrxico da Igrexa. Houbo daquela moitas protestas por esta inxustificada
demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de
1969 foi aprobado en Roma o uso litúrxico da lingua de noso tras moitos
esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.
Chovía
-tal e como dicimos- en certo modo sobre mollado. Xa a mediados do século XVI,
o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa continuase a se dicir en
latín, se debería nela dar cabida ás linguas chamadas vulgares para lles
explicar ós asistentes o que alí se estaba a facer. Mais tamén daquela nesta
sufrida terra nosa se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua de
Galicia era o castelán. Por iso -e sorprendentemente- os galegos, diferenciándose
nisto de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai relativamente pouco tempo
de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os catecismos imprimíanse en
castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán,
contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.
Despois
do Concilio Vaticano II, celebrouse na Galiza durante a década dos anos 70 o
chamado Concilio Pastoral da Galiza. As disposicións concretas deste Concilio
Pastoral galego partían do suposto básico da necesidade de identificarse coa
propia cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto “boa
nova”. Dise alí, por exemplo: “Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns da
Galiza que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da rexión e que,
xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa
personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de
colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus
niveis e a decidir o seu destino”. Engádese incluso alí: “O Concilio Pastoral da
Galiza pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da
cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios
para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa
lingua”. Por iso -e isto tócanos xa
directamente a nós- dise aínda nun destes textos conciliares: “O Concilio
Pastoral da Galiza pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén
segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega,
por ser un valor humano que está asociado coa liberación das xentes galegas e,
por tanto, coa evanxelización”.
Este Concilio pídenos xa que logo a
tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis “encarnación”. Á maneira de como
Deus mesmo se quixo encarnar no Xesús da historia. Teremos, pois, que lle pregar hoxe ó noso
Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e
relixioso para facermos da Galiza unha realidade xusta e libre, conforme ó
espírito que recibimos do evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia
historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente ás culturas e linguas
do mundo enteiro, de maneira especial ás máis próximas a nós.
Quero
aproveitar esta importante data anual do 25 de xullo para aludir ó que eu mesmo
particularmente celebro anualmente neste día con agradecemento a Deus. Pois foi
xustamente nesta data do 25 de xullo, aínda que do ano 1963, hai polo tanto sesenta
e tres anos, fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas
nacionalidades (ademais doutros tres relixiosos: un bieito, outro franciscano e
outro cisterciense) polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Un dos
xesuítas que comigo recibiron a ordenación era o valisoletano e excelente amigo
Segundo Montes que foi fusilado en Centroamérica pola ditadura militar non hai
aínda moitos anos xunto co máis coñecido Ignacio Ellacuría, compañeiro meu
tamén daquela en Innsbruck. Eramos normalmente ordenados presbíteros no día de
Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era daquela a festividade
de santa Ana, padroeira de Innsbruck (capital do Tirol onde vivín durante catro
anos). Celebrábanse neste día tradicionalmente as misas novas dos ordenados no
día anterior. Tirolesas e tiroleses viñan en masa participar nestas misas
novas, pois tíñanlles moita devoción. Como vedes, a data acostumada da
ordenación sacerdotal non tiña nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo
na Galiza, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana.
Só
andando o tempo e sen eu daquela sequera sospeitalo, dinme conta do ben que
cadrou para min esta data (a da festividade do Apóstolo Santiago) ó ela estar
tan directamente relacionada entre nós coa necesaria encarnación na propia
terra, cultura e lingua. En seguimento das esixencias da
encarnación cristiá.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos
novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025).
SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
https://xanostesaqui.blogspot.com/2015/07/santiago-apostolo-25-de-xullo.html
+ Marcha procesional do Apóstolo para gaita, encantoume:


Comentarios
Publicar un comentario