Santísimo Corpo e Sangue de Cristo
7 xuño 2026
O domingo pasado celebrabamos a festa da Santísima
Trindade e tomabamos conciencia do seu significado como manifestación de Deus a
nós do que El mesmo é: un Deus que desde sempre é un Deus que na súa unidade é
en si mesmo diferente. Comentabamos tamén que é un Deus quere comunicarse a
todos e facer de nós, en comuñón con el, algo semellante ó que El mesmo é:
sermos todos con Deuse en Deus unha soa e incomparable familia, na que esteamos
todos unidos entre nós e con El polo amor, manténdonos porén todos e cada un
autónomos e libres, é dicir, diferentes.
Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de
Cristo, non podemos esquecer este contexto grandioso do que é Deus en si mesmo
e desta súa marabillosa relación connosco. El quere unirse connosco e así xustamente
darnos vida propia.Como sabemos, a meirande expresión da amigábel relación de
Deus connosco é o feito mesmo de que El se fixo un de nós en Xesús, o seu Fillo
encarnado, cun corpo tamén igual ó noso. Con este Xesús visible, audible e
tanxible estiveron en contacto directo os seus apóstolos e discípulos. Tamén
despois da súa Resurrección. Por iso son eles para nós as súas verdadeiras
testemuñas. Porén, cantos vivimos e
existimos despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos dunha
maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo.
Esta é a fonda mensaxe da festividade de hoxe.Porque na Eucaristía entramos en
contacto especialísimo con Deus.
Esta relación ou o contacto con Deus ocorre
liturxicamente de dúas maneiras fundamentais. A
primeira sería cando lemos ou escoitamos comunitariamente a palabra de Deus.
Ben sabemos o ben que nos fai cando alguén nos dirixe a súa palabra. E tamén
como nos doe cando alguén coñecido pasa á nosa beira sen dicirnos ren. Medramos
e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais, mais
achicámonos ou esmorecemos tamén cando alguén nos despreza ou simplemente non nos
dirixe a palabra. Deus, polo contrario, fala connosco de xeitos moi diversos. A
través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos dos outros, mais tamén e de
maneira especial a través da súa palabra que se nos fai presente nos evanxeos.
Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira
comida. Porque nos dá azos e nos ofrece un sentido para vivir. E ben sabemos
que para vivirmos, para querermos vivir, non abonda co alimento material, por
importante e imprescindíbel que este sexa. A primeira Lectura lémbranos isto
cando, por boca de Moisés, se nos di que non vivimos “só de pan, senón de toda
palabra que sae da boca do Señor”.A segunda maneira de entrarmos en contacto
con Deus nos nosos encontros comunitarios é a comuñón. Cando recibimos o Cristo
vivo nas nosas eucaristías, somos conscientes de que non realizamos un rito
baleiro. Pola palabra de Deus na que cremos sabemos que na comuñón do “corpo de
Cristo” recibimos un incríbel impulso sobrenatural.
É
moi rechamante a repetida presenza da expresión “vida” no evanxeo de Xoán desta
festividade cando nel se nos describe un Xesús que nos fala do poder
vivificador do comermos o seu corpo ou do bebermos o seu sangue, aínda que, en
realidade, non podía ser doutro xeito desde que sabemos que Xesús se definiu a
si mesmo en diversas ocasións como “Vida”: “Eu son o camiño, a verdade e A
VIDA”. Por iso, se el se entendeu a si mesmo así, non pode el ser nin actuar
senón como tal cando participamos na eucaristía. Dísenos así no texto de
Xoán: “Eu son o pan VIVO”.“Se alguén
come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é... para a VIDA do
mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten VIDA ETERNA E EU
RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”. E dirásenos
en consecuencia tamén que, no caso de non procedemos así, “non teremos VIDA en
nós mesmos”.
Neste
contexto podemos preguntarmos: É que hai alguén que non queira vivir? Vivir,
ademais, de maneira plena. Deus fíxonos precisamente con moitas, con infinitas ganas de vivir,
xustamente porque El, o absolutamente infinito, quere comunicársenos plenamente.
E como El é VIDA eterna e infinita, fíxonos tamén con desexos infinitos de
vivir sempre. Do contrario, non sería viábel a súa comunicación connosco.Por
iso, a festa do Corpo e Sangue de Cristo tería que ser para nós unha nova e
especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus
que se deixa comer por nós para así podermos participar da súa forza e da súa
vida.
Os
nutricionistas e os medios de comunicación instrúennos abondosamente moito hoxe
en día sobre os alimentos que deberiamos consumir ou deixar de facelo para
mantérmonos en forma e así alongar o máis posible a nosa vida ou, tal como se
di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos ben tamén
que por moito caso que lles fagamos a estas recomendacións, o problema
principal, é dicir, o de vivirmos sempre,
non nolo resolven.
Pois
ben, en canto cristiáns, teriamostamén que saber proclamar e ofrecer -para
dicilo dalgunha maneira- os nosos propios produtos e a nosa propia dietética. Consistirían,
en definitiva, en anunciarmos e vivirmos o Cristo “Vida”, o Cristo dador de
vida. Dunha vida que se estenderá indefinidamente por toda unha eternidade.Unha
forte crenza na vida, por outra parte, que se debería amosar no noso interese
polos vida de todos, de maneira especial daqueles cos que convivimos e que máis
precisan da nosa axuda.
Por
iso esta festa eucarística non é só unha festa íntima ou devota, senón tamén comunitaria
e social. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de
nós, así tamén deamos nós algo polo menos da nosa, daquilo que somos ou temos,
ós demais. Compréndese ben así que esta festa estea tradicionalmente asociada ó
Día ou Colecta da Caridade, tal e como ocorre efectivamente hoxe neste noso
encontro eucarístico.
Queiramos,
pois, os demais como Deus nos quere a todos.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa
nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres
tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).



Comentarios
Publicar un comentario