Domingo 11º do Tpo. Ordinario - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
Domingo XI Ordinario-14 xuño 2026
GRANDE É A SEARA,
MAIS POUCOS OS TRABALLADORES
(Éx 19, 2-6a; Rm 5, 6-11; Mt 9, 36-10,8)
En non poucas das nosas sociedades
occidentais falta traballo, é dicir, non son moitas as posibilidades de
traballar mentres que abonda o número de aspirantes a un traballo digno. Loita
moita xente moza de países en pobreza ou acosados polas guerras, desastres
naturais ou inclemencias de todo tipo por accederen a países máis seguros.
Sabemos ben, por outra parte, como tamén
desde instancias eclesiásticas se denunciaron máis dunha vez as
traxedias de miles de migrantes no Mediterráneo, convertido este –segundo se nos comenta– nun “enorme
cemiterio”, provocado polo “fanatismo da indiferenza” de países e persoas que
se senten máis seguros e non queren perder a súas propias cotas de seguridade.
Sabemos, en calquera caso, pola
historia do xudaísmo no que se asentan os fundamentos
do propio cristianismo que foron tamén os xudeus un pobo oprimido que acadou,
pese a todo, a súa liberación da escravitude.
A mesma teoloxía cristiá da
liberación non deixou tampouco de botar man destas bases ou raiceiras do seu propio
entenderse a si mesma. De feito, na propia liturxia cristiá, de modo especial
na chamada “Primeira Lectura”, adoita facerse referencia a estas bases
precristiás, que Xesús ben coñecía desde rapaz e ás que el alude de maneira
explicita ou implícita en moi diversos momentos da súa vida pública.
Neste contexto, permitídeme aludir, en
relación coa mencionada teoloxía da liberación, que eu mesmo puiden ter a dita
de convivir amigabelmente e durante varios anos,nos nosos comúns estudos de
teoloxía na cidade austríaca de Innsbruck, con persoas como Ignacio Ellacuría
ou Segundo Montes, vilmente masacrados simultaneamente,xunto cuns poucos máis,
aínda non hai moitos anos por levaren á práctica a teoloxía da liberación en
terras centroamericanas.
Pois ben, na primeira Lectura faisereferencia
hoxe mesmo, por exemplo, ao libro do Éxodo onde se pon en boca do mesmo Deus
estas palabras exultantes e animadoras dirixidas ao pobo israelita: “Vistes
como tratei os exipcios, como vos levantei sobre ás de aguia e vos acheguei a
min. Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña
propiedade escolleita entre tódolos pobos, pois a terra é toda miña. Vós
seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado”.
Como vedes, os seres humanos
somos para Deus algo moi importante e apreciado. Tanto que el mesmo nos deu –como nos di Paulo na súa
Carta aos Romanos da segunda lectura– o seu propio
Fillo como irmán. “Deus demostrounos –dísenos alí– o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo
morreu por nós”.
Agora ben, para podermos ter ese espírito liberador
do que facía gala Xesús na súa relación coas “multitudes” do seu tempo, temos
que revestirnos daquela “fonda compaixón” respecto delas que Xesús sentía –tal e como nos di Mateo no texto do evanxeo–, pois “estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen
pastor”.
“Multitude” dos
“derreados e esmorecidos” quere dicir “moitos”. E para unha tal tarefa –segundo o que pon Mateo en boca de Xesús– “os traballadores son poucos”. A consecuencia é o imperativo de
Xesús que soa así: “rogádelle ao dono da seara que mande traballadores á súa
seara”.Fomos testemuñas nestes días de como o papa León XIV, bo pastor da
igrexa universal, se preocupou nestes días pola situación dos emigrantes nas
Illas Canarias.
Así pois, se
persoalmente non acadamos ter folgos para traballarmos directamente na seara,
pidámoslle alomenos ao dono dela que mande persoas afoutas e animosas para un
tal traballo.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025).SEPT(editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
VER TAMÉN:



Comentarios
Publicar un comentario