Domingo 12º do Tpo. Ordinario - ciclo A

  Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

AFOUTEZA NA PALABRA 

Domingo XII Ordinario-21 xuño 2026

(Xer 20, 10-13; Rm 5, 12-15; Mt 10, 26-33)

                                     

         Comentamos hoxe un textode Mateo que nos quere insuflar alento aos cristiáns no noso estar no mundo. Un cristián non debería comportarse coma un ser tímido, encollido, fuxido do mundo en que vive, refuxiadoen si mesmo nun suposto comportamento inmaculado, alleo ao encontro coas ameazas e desafíos dos demais. Se a mensaxe principal de Xesús é a da nosa fraternidade e sororidade universais en canto fillas e fillos dun mesmo Deus Pai e Nai, isto quere dicir que a tal anuncio non se responde como é debido algo así como anunciándoo nun taboleiro para que a xente o lea, se ben lle parece. Polo contrario, o mundo ou “reino” novo que Xesús quere instaurar é algo que deberá ser construído co noso entusiasmo e a nosa actuación, impulsados polo espírito de Deus. En canto cristiáns non podemos intentar comportarnos como células independentes unhas doutras. Formamos entre todos un só corpo, con membros diversos que exercen cadansúa función para ben de todos. Un corpo cunha única cabeza, Xesús Cristo, que nos une a todas e todos con Deus Pai.

         A nosa fe neste Xesús que nos dirixe, fortalece e nos concede a súa graza convértese así en antídoto contra toda clase de medos e inseguridades. É só desde esta gratuíta e agradecida seguridade como pode Mateo poñer en boca de Xesús palabras como as seguintes: “Non lles teñades medo á xente..., aos que matan o corpo, mais non poden matar a alma... Non teñades medo, vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos”.Na construción do reino, debemos ser, pois, animosos e valentes. En palabras de Xesús: “O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo desde as azoteas".     Algo disto presenciamos (de preto ou de lonxe) no anuncio do papa León XIV nestes días. Este comportamento animoso, sinxelo e firme baséase en que cremos e sabemos que Deus nos quere ben en Xesús como fillos ben queridos de Deus Pai e irmás e irmáns tamén xa que logo de Xesús. “Mesmo os cabelos da vosa cabeza están todos contados”, dísenos no texto de Mateo. Se somos así, pois, fieis co Fillo de Deus que nos coida e que nos quere, máis fiel será aínda el connosco, pois en fidelidade non se deixará el superar por nós: “Todo o que volva por min diante dos homes, tamén eu hei volver por el diante do meu Pai que está nos ceos”.

         Este acendido alento co que Xesús convida os seus apóstolos a anunciaren ao mundo a súa Boa Nova está en relación co que el nos di sobre si mesmo: “Eu son a luz do mundo”. Xesús vesea si mesmocomo quen coa máxima xenerosidade e sen exclusivismos de ningún tipo coma a luz ilumina, orienta e ofrece sentido a toda realidade e a toda persoa en tódolos tempos. Coma o sol que, desde que a terra empezou a ser ela, alumou, aluma e alumará de maneira pública e dadivosa cantos nela habitamos (desde o máis humilde vexetal ou animal ata onde exista o máis pobre ser humano).

         Se no texto de Mateo se nos presenta Xesús animándonos a pregoar a boa nova de Xesús, iso mesmo vén sendo o que escribe Paulo de maneira semellante na súa Carta aos Efesios (5, 8-9) ao lles comunicar aos seus destinatarios que son eles, os Efesios, “luz no Señor”, “fillos da luz”. Ao el se expresar así, faise eco evidentemente dunha pasaxe do evanxeo do propio Mateo (5, 14-15) na que se nos di: “Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa”.De xeito que non só Xesús, tamén todos e cada un de nós somos, debemos ser, “luz do mundo”. E a luz ten que se deixar ver porque, se se agacha, interrompe ou suspende polo mesmo a súa función doadora de vida, de liberdade e de salvación.

         Sermos “luz do mundo” -como nos pide Xesús que procuremos selo todos- leva consigo, pois, entusiasmo e alegría. Temos, pois, que distanciarnos de calquera tipo de actitude temerosa, cautelosa ou encollida ante os demais. Tanto o papa Francisco na súa encíclica“A alegría do evanxeo” como actual papa León nestes díasexerceron ou exercen esta necesaria típica actitude cristiá. A encíclica de Francisco comezaba así:

         “A alegría do evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría”. Por iso, se queremos (en canto “luz do mundo”) ofrecer á xente a alegría que provén do evanxeo, entón teremos que ter en conta –dinos pola súa parte Francisco que “un evanxelizador non debería ter permanentemente cara de funeral”, pois o que queremos é “compartir” con todos a “alegría” que nos trae a boa nova de Xesús. “O soño dun discípulo de Xesús –continuaba a dicir Francisco non é encherse de inimigos, senón que a Palabra [de Deus] sexa acollida e manifeste o seu poder liberador”. Deus quérenos, pois, “libres” e non “escravos”. Deberiamos, pois, segundo o papa Francisco ser “facilitadores da graza de Deus” e non “controladores” dela, comportándonos así-continúa a comentar el mesmo- coma se fósemos empregados dunha “aduana”. En tal sentido dicíalles el ós sacerdotes literalmente que “o confesionario non debe ser unha sala de torturas”.

         Sabemos, por outra parte, que moitos cristiáns (como tamén outras persoas pertencentes a outras relixións) sofren hoxe en día persecución en diversas partes do mundo por razón da súa fe. Mais é precisamente esta fe a que lles proporciona consolo e incluso fonda alegría ao se saberen perseguidos por se manteren fieis ao mandado do Señor de seren “luz do mundo”. Que así sexa!Manuel Cabada Castro

 

 

[Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).       Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/12-tempo-ordinario-a-mateu-1026-33-3/



FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3


Comentarios

Publicacións populares