Domingo 13º do Tpo. Ordinario - ciclo A

   Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox



LECTIO:

DOR E FELICIDADE. 

Domingo XIII Ordinario-28 xuño 2026         

 

         No comentario sobre o texto de Mateo vou inspirarme nunescrito sobre o mesmo texto do coñecido teólogo e gran coñecedor da Biblia, José Antonio Pagola. Pola miña parte, identifícome moito coas súas ideas sobre a persoa de Xesús, que están moi en consonancia co modo xeral de sentir e de percibir das xentes do noso tempo.Pois ben, no texto de Mateo atopámonos cunha serie de afirmacións, máis ben esquemáticas, que Mateo pon en boca de Xesús e que nos poden resultar un tanto duras ou difíciles de interpretar no contexto doutras manifestacións -máis básicas ou centrais- dos evanxeos. Dísenos por exemplo neste texto de Mateo: “Quen ama o seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min”; “quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min” etc.

         A verdade é que na mensaxe de Xesús hai que procurar atender sempre, da mellor maneira posíbel, á súa estrutura xeral ou fundamental. Esta non debería endexamais ser descoidada ou esquecida. Refírome sobre todo ao anuncio básico de que todos somos queridos en Xesús polo pai Deus e que en consecuencia debemos comportarnos sempre como irmáns. Coa alegría e a mutua satisfacción que todo isto leva esencialmente consigo. A linguaxe de Xesús sobre as nosas renuncias ou sobre as cruces que nos tocará levar na vida ha ser entendida, xa que logo, como algo que de feito acompañará o noso seguimento de Xesús; mais non como algo que se derivase directamente da mensaxe mesma cristiá, algo así coma se esta mensaxe en canto tal esixise dores e sufrimentos como condición intrinsecamente necesaria para un auténtico ser cristián. De feito, así semella que se entenderon, en parte alomenos, determinadas prácticas penitenciais que os máis maiores de entre nós temos aínda nalgún grao vivido.

         Neste sentido comenta con razón o aludido experto o seguinte:Xesús non quería ver ninguén sufrir. O sufrimento é malo. Xesús endexamais o buscou nin para si mesmo ni para os demais. Ao contrario, toda a súa vida consistiu en loitar contra o sufrimento e o mal que tanto dano fan ás persoas. As fontes preséntano sempre combatendo o sufrimento que se esconde na enfermidade, nas inxustizas, na soidade, na desesperanza ou na culpabilidade. Así foi Xesús: un home dedicado a eliminar o sufrimento, a suprimir inxustizas e a contaxiar forza para vivir”.

         Antes de volvermos ao comentario de Pagola, cómpre que nos decatemos de que Xesús non era un simple e abstracto teórico das relixións sen contacto coa realidade histórica concreta, senón que estaba moi implicado na vida real e sufrinte da xente do seu tempo. Sabía dos intereses e das tensións existentes no seo dunha sociedade conflitiva, tal como era a do seu tempo e como aínda segue a ser tamén a nosa. Xesús non era neste sentido un inxenuo idealista. A unión filial co seu Pai Deus e o contacto coa xente do seu tempo aprendéronlle a ver con xusteza a realidade tal como ela é. Neste sentido continúa a comentar o teólogo guipuscoano:Xesús sabía por experiencia que buscar o ben e a felicidade para todos trae consigo moitos problemas. Non se pode estar cos que sofren e buscar o ben dos últimos sen provocar o rexeitamento e a hostilidade daqueles aos que non lles interesa cambio algún. É imposíbel estar cos crucificados e non verse un día ‘crucificado’. Xesús non llelo ocultou nunca aos seus seguidores”.

         É neste momento cando no seu comentario alude Pagola ás palabras que xa vos citei máis arriba e que Mateo pon en boca de Xesús: “Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”. Pois ben, tras lembrarnos estas palabras do texto do evanxeo dinos el: Non podía ter elixido unha linguaxe máis gráfica (‘Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min’). Todos coñecían a imaxe terríbel do condenado que, espido e indefenso, era obrigado a levar sobre as súas costas o madeiro horizontal da cruz ata o lugar da execución onde esperaba o madeiro vertical fincado en terra. ‘Levar a cruz’ era parte do ritual da crucifixión. O seu obxectivo era que o condenado aparecese ante a sociedade como culpábel, un home indigno de seguir vivindo entre os seus. Todos descansarían véndoo morto. Os discípulos trataban de entendelo. Xesús víñalles dicir máis ou menos o seguinte: ‘Se me seguides, tendes que estar dispostos a serdes rexeitados. Pasaravos o mesmo ca a min. Aos ollos de moitos, pareceredes culpábeis. Condenaranvos. Buscarán que non molestedes. Teredes que levar a vosa cruz. Parecerédesvos entón máis a min. Seredes dignos seguidores meus. Compartiredes a sorte dos crucificados. Con eles entraredes un día no reino de Deus’”.E remata o seu comentario da seguinte maneira: “Levar a cruz non é buscar ‘cruces’, senón aceptar a ‘crucifixión’ que nos chegará se seguimos os pasos de Xesús. Así de claro”.

         Quero só engadir aquí unha breve reflexión, para concluír. Está en relación con esta outra frase do texto do evanxeo que Mateo pon tamén en boca de Xesús a continuación das anteriores: “Quen encontre a súa vida, perderaa; mais quen a perda por min, encontraraa”. É así tan sorprendente e paradoxal o seguimento de Xesús, pois é precisamente alí onde todo semellaba ter rematado nun absoluto fracaso onde vai xurdir a vitoria derradeira e definitiva. O “misterio absoluto”, que Deus é e será para sempre, instálase así definitivamente no acontecemento de Xesús e nas nosas propias vidas. A nosa vida, a nosa morte e a nosa resurrección son un gran misterio, pois todo iso ocorre á beira e no seo mesmo do misterio de Deus.

 

Manuel Cabada Castro

 

 

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).       Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/13-tempo-ordinario-a-mateu-1037-42-3/



FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3 / FICHA 4


Comentarios

Publicacións populares