DOMINGO III DE PASCUA - ciclo A
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Homilía domingo III
Pascua-19.IV.26
A extraordinaria nova da resurrección de Xesús é
loxicamente algo sobre o que a liturxia, as lecturas e as diversas aclamacións
volven unha e outra vez. Os mesmos textos do evanxeo fálannos de que foron
moitos e diversos os xeitos de se facer presente o Xesús resucitado ós
apóstolos e discípulos.En todas estas experiencias, cargadas de alegría e de
esperanza para os seguidores de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse
algo que vén sendo o común denominador de todas. Son experiencias fondas e
transformadoras que conmoven e afectan os que particularmente as experimentan, mais
que teñen, alén diso, carácter comunitario e universal. Quero dicir que teñen
unha finalidade non só individual ou particular, senón universal. Realízanse en
función do pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos despois.
A resurrección de Xesús é neste sentido un tema que
afecta toda a humanidade, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu
dar vida para sempre, alén da morte, á humanidade toda. Os cristiáns estamos
así chamados a encher o mundo da esperanza de vida que nos vén de Xesús.Iso é o
que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do resucitado. E, antes
ca eles, as mulleres que foran moi cedo ó sepulcro do Señor. Elas retornan
axiña para lles anunciaren ós apóstolos a resurrección. Algo similar realizan despois
os apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as apariciónsdo Señor
resucitado que van sucesivamente ocorrendo.Ólongo dos tempos e dos séculos
recibimos tamén nós esta grande e boa nova.Por iso todos nós temos que
anunciala, coa palabra e cos feitos, no noso tempo e alí onde vivamos, a cantos
non saben dela ou non son quen de creren nela quizais mesmo por ser tal nova
algo tan incríbel e marabilloso.
Ós discípulos de Emaús, que facían camiño de volta,
abatidos e desconsolados, cara á súa aldea de procedencia para continuaren alí
coa súa vida anterior, ocórrelles algo semellante. Tras teren experimentado o
Xesús resucitado, non o pensan dúas veces. No canto de se deitar e acougar
tranquilamente da camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles
mesmos ó seu misterioso acompañante (pois sería xa de noite ou alomenos entre
lusco e fusco), o que eles fan -en palabras de Lucas- é “levantarse axiña e
volver a Xerusalén”. Para que? Para llelo comunicaren o máis cedo posíbel ós
demais apóstolos e discípulos. Pois tan fondas experiencias hai que comunicalas
para que todos poidan participar da felicidade que de novas tan incríbeis se
deriva. Tal e como se di no texto de Lucas, “eles contaron ós once apóstolos o
que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”.O que a
ámbolos dous lles pasara é o que eles comentaban: “Non ardía o noso corazón
cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?”.
O Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio
acendido na noite pascual, é coma un lume que se quere comunicar acendendo
outros lumes. Nos discípulos de Emaús prendera ben polo camiño este lume. E
eles, pola súa parte, o que axiña fan é comunicarlles o lume recibido ós seus
compañeiros e coñecidos, para que poidan eles tamén dispor de luz e calor. Nunha
Congregación Xeral dicíasenos ós xesuítas hai xa agora unha vintena de anos que
teriamos que ser “lumes que acenden outros lumes”. Isto é valido tamén para
calquera cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume que nos
vén do Cristo crucificado e resucitado e intentar que ese lume acenda outros
lumes, que pola súa parte continúen a multiplicalo en cantos entren en contacto
connosco. Pois unha candea non perde nada de simesma cando con ela se acende
outra.
Non podemos pasar por alto que foi xustamente nesa
especie de pequena eucaristía familiar que Xesús celebrou cas dos seus
discípulos de Emaús onde o lume, o “ardor”, que eles xa levaban no corazón
cando camiñaban, se converteu de súpeto en luz que os iluminou e lles fixo
coñecer a identidade dese inesperado acompañante que alí sentou á mesa con
eles. “Mentres estaban na mesa –dinosLucas-, colleu o pan, bendiciuno, partiuno
e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono”.
Son estas case as mesmas palabras que pronuncia o
sacerdote no intre da consagración eucarística. Por iso ás eucaristías dos
domingos non deberiamos ir movidos por calquera tipo de obriga legal, senón
pola necesidade que temos todos de cargar as nosas pilas (as nosas candeas) contactando
co Señor. Con elas ben recargadas seremos quen de nos converter en luz e calor
para cantos conviven ou de calquera outra forma se relacionen connosco. Seremos
así ante eles testemuñas da grande nova de Cristo Resucitado.
Manuel Cabada Castro
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025).SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)]


Comentarios
Publicar un comentario