FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 3 DE PASCUA A

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Deus faise encontradizo no camiñar

(23 abril 2023)

            A extraordinaria nova da resurrección de Xesús é loxicamente algo sobre o que a liturxia, as lecturas e as diversas aclamacións volven unha e outra vez. Os textos fálannos de que foron moitos os xeitos de se facer presente o Xesús resucitado.

            En todas estas experiencias, cargadas de alegría e de esperanza, dáse algo que vén sendo o común denominador de todas. Son experiencias fondas e transformadoras que conmoven os que particularmente as experimentan, pero que teñen, alén diso, carácter comunitario e universal. Quero dicir que teñen unha finalidade non só individual, senón xeral. Realízanse en función do pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos despois, concretamente nós e cantos viñeren ó mundo despois de nós.

            A resurrección de Xesús é así algo que afecta toda a humanidade, porque en Xesús resucitado Deus Pai decidiu dar vida para sempre a toda a humanidade. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo desta esperanza.

            Iso é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren persoalmente a experiencia do resucitado. E, antes xa deles, as mulleres que foran moi cedo ó sepulcro do Señor. Volven axiña pra lles anunciaren ós apóstolos a resurrección. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as experiencias, do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova.

            Por iso todos nós temos que anunciala, coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en día non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso.

            Ós discípulos de Emaús, que facían camiño de volta, abatidos e desconsolados, cara á súa aldea de procedencia para volveren alí á súa acostumada vida anterior, ocórrelles algo semellante. Despois de teren experimentado o Xesús resucitado, non o pensan dúas veces. No canto de se deitar e descansar tranquilamente da camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles mesmos ó seu misterioso acompañante (pois era xa de noite ou entre lusco e fusco), o que eles fan é -en palabras de Lucas- “levantarse axiña e volver a Xerusalén”. Para que? Pois para llelo comunicaren o máis cedo posíbel ós demais apóstolos e discípulos. As experiencias de Xesús non se poden gardar ou agachar no propio interior. Cómpre comunicalas para que todos poidan participar da felicidade que se deriva de novas tan incríbeis.

            Tal como se continúa a dicir no texto de Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”. O que a ámbolos dous lles pasara polo camiño en conversa con Xesús: “Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?”.

            O Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio acendido liturxicamente na noite pascual, é coma lume que se quere comunicar acendendo outros lumes. Nos discípulos de Emaús prendera ben este lume. E eles comunícano axiña ós seus compañeiros e coñecidos, para que así tamén eles dispoñan de luz e calor. Para que eles teñan tamén orientación, plenitude e felicidade no seu camiñar.

            Na Congregación Xeral XXV dos xesuítas no ano 2008 dicíasenos que teriamos que ser “lumes que acenden outros lumes”. Isto é valido para calquera cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume que nos vén do Resucitado e intentar que acenda outros lumes que se multipliquen en cantos entren en contacto connosco. Pois unha candea non perde nada do seu lume cando outra se acende con ela.

            Non podemos pasar por alto que foi precisamente nesa especie de pequena eucaristía familiar que Xesús celebrou na casa dos discípulos de Emaús onde o lume, o “ardor”, que eles levaban xa no corazón, se converteu de súpeto en luz que os iluminou e lles fixo coñecer a identidade dese inesperado acompañante que alí estaba sentado á mesa con eles. “Mentres estaban na mesa –dísenos no texto de Lucas-, colleu o pan, bendiciuno, partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono”.

            Son estas case as mesmas palabras que pronuncia o sacerdote no intre da consagración eucarística. Por iso ás eucaristías non deberiamos vir movidos por calquera tipo de obriga legal, senón pola necesidade que temos todos de cargar as pilas contactando co Señor crucificado e resucitado que se debería facer presente de maneira especial nestas nosas reunións eucarísticas comunitarias. Con elas ben recargadas seremos quen de nos converter en luz e calor para cantos conviven ou de calquera xeito se relacionan connosco. E estaremos ó tempo en condicións de sermos testemuñas, coma o foron os apóstolos, da gran nova: a de Cristo Resucitado.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/3-pascua-a-lucas-2413-35-4/




Comentarios

Publicacións populares