DOMINGO IV DE PASCUA CICLO A


Primeira Lectura      Feit 2, 14a. 36-41

LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Deus constituíuno Señor e Cristo


            O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e dixo:

            - Saiba con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.

            Ó sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e aos outros apóstolos:

            ‑Irmáns, que debemos facer?

            Pedro respondeulles:

            ‑Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor, noso Deus.

            Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:

            ‑Salvádevos desta xeración ruín.

            Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.



Palabra do Señor                     R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

Ou: Aleluia.


O Señor é o meu pastor, nada me falta:

En pastos verdecentes faime repousar.

El lévame a beber en augas tranquilas

e repón as miñas forzas;


Guíame por vereas rectas,

por mor do seu nome.

Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,

ningún mal temería, pois ti vas comigo:

o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.


Ti pos para min a mesa,

á cara dos meus inimigos;

únxesme con perfume a cabeza,

e a miña copa reborda.


O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo

tódolos días da miña vida.

Eu habitarei na casa do Señor

por días prolongados sen fin.




Segunda Lectura    1Pe 2, 20b-25

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO

Convertéstesvos ao pastor das vosas almas


            Benqueridos irmáns:


            Se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos,

isto é precioso aos ollos de Deus.

            De feito chamouvos Deus para isto,

porque tamén Cristo sufriu por vós,

deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.

            El, que non fixo pecado,

nin engano se atopou na súa boca,

cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes;

mentres sufría, non ameazaba,

senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.

            No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz,

para que nós, mortos ao pecado, vivamos para a xustiza:

curáronnos as súas chagas.

            Erades coma ovellas extraviadas,

pero agora volvéstesvos ao voso pegureiro e pastor.



Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


 


ALELUIA     Xn 10, 14

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Eu son o bo pastor, di o Señor;

coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.

Aleluia.



Evanxeo     Xn 10, 1-10

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Eu son a porta das ovellas


            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:

            ‑Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido.

            En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado a todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz.

            Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.

            Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender.

            Entón díxolles de novo:

            ‑ Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto.

            O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.


Palabra do Señor          R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares