FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO DE RESURRECCIÓN A

 FICHAS ANTERIORES



LECTIO:

Domingos pra resucitar 

(9 abril 2023)

            Nestes días pasados viviamos os padecementos e a morte de Xesús. Mais sabiamos que tras este aparente fracaso absoluto da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Xoán cóntanos que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender simbolicamente. Ela e todos nós camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos inquedas bolboretas voando cara á luz na noite escura.

            Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e no alén da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou, converténdose en “Señor” de todo.

            Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el estamos todos destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre. Por iso os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”. E “aleluia” quere dicir: “loado sexa Deus”.

            “Loado sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida son en definitiva moi pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.

            Por iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que pola súa gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”.

            A alegría debería ser, pois, estábel sentimento na vivencia desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir o día do “Señor”(en latín “Señor” dise “Dominus”), é dicir, o día de quen “domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse así o Crucificado en “Señor” de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.

            Nel ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é noso irmán. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”.       Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza no Resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Mais trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos vivido aquela forte experiencia dos seus discípulos, podemos en cambio sentir a ledicia das palabras que dalgunha maneira están dirixidas a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.

            Cómpre, ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista, que cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Era, polo contrario, unha alegría compartida, que ía máis alá dos propios intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe: a de sermos todos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.

            Todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque no Resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida para sempre, alén da morte, a todos. Estamos así convocados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén do Crucificado e Resucitado.

            Isto é o que fan os apóstolos e discípulos e, antes ca eles, as mulleres, que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor. Volveran axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as experiencias do Resucitado.

            A través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa nova. Por iso temos que anunciala coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel e marabilloso.

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:








Comentarios

Publicacións populares