FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 4 DE PASCUA A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Boas pastoras,
bos pastores
30 abril 2023
As lecturas litúrxicas teñen desta vez un ton
marcadamente bucólico, aínda que esixente. Oímos nelas falar de pastores e
pegureiros, do bo pastor, do curral das ovellas, das ovellas extraviadas. Fálasenos
de que Xesús é o bo pastor, de que coñece as súas ovellas e de que elas o
coñecen a el. Nos tempos de Xesús era unha estampa habitual da súa terra e da cultura
popular.
Tamén nos meus tempos de rapaz as ovellas facían aínda acto
de presenza na miña aldea natal, no interior da provincia de Pontevedra, cando
as botabamos pola mañá para pastar e volvían a casa á tardiña.
No evanxeo fálasenos de que Xesús é o bo pastor: “Eu son
o bo pastor. Coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min”. A comparanza non
ten nada que ver con submisións ou calquera xénero de sometemento servil das
ovellas ó seu pastor. Hai nesta relación, máis ben, unha corrente igualitaria
de coñecemento e mutua confianza. Por iso o pastor coñece as súas ovellas e as
ovellas coñéceno a el. Podemos dicir que o
rabaño e o seu pastor forman un todo de mutuo entendemento, onde non
resulta imaxinábel rabaño sen pastor nin este sen o rabaño. Entre as ovellas e
o seu pastor flúe así en certo modo un mesmo vivir.
Por iso fálasenos de que Xesús non só é o bo pastor, senón
que é incluso a porta mesma pola que entran e saen do curral as ovellas. “Eu son
o camiño”, dinos el. E, ó dicir isto, vén el indicarnos que nas nosas relacións
tanto con Deus Pai coma cos demais non hai salvación fóra do amor, fóra do
coñecemento e aprecio mutuos, fóra da estima e da defensa da vida.
Os cristiáns estamos, pois chamados a sermos persoas que
nos esforzamos na defensa da vida de todos. Coma aquel bo pastor que quere as
súas ovellas e que sempre as defenderá contra calquera inimigo que intente
roubalas ou matalas. Coma aquel bo pastor que non se aproveita das ovellas para
o seu propio interese e que é quen de correr calquera risco a prol delas. Que non
é violento, aínda que o sexan con el.
Na carta de Pedro dísenos, en tal sentido, como debería
ser o bo pastor: “Cristo –dinos el- deixounos un exemplo para que sigamos os
seu pasos. El, que non fixo pecado, nin engano se atopou na súa boca, cando o
aldraxaban non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se
puña nas mans do que xulga con xustiza”.
Manténdonos nesta comparanza do rabaño e do pastor, dísenos
que os “matóns” se opoñen ós defensores da vida. “O ladrón non entra senón para
roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan abonda”.
Para que teñan vida e abonda!!
Estamos en tempo litúrxico de lembranza e conmemoración da Resurrección de
Xesús. É o Resucitado o que nos dá vida aquí e tamén alén da nosa morte temporal.
É bo pastor nesta vida e tamén o será na outra.
Como cristiáns temos, pois, que especializarnos en sermos favorecedores da
vida e radicalmente contrarios a toda mentalidade que dunha ou doutra forma
conduza á morte ou ó asoballamento dos demais. Veñen ben aquí aquelas palabras
do papa Francisco na súa encíclica “A alegría do evanxeo”, que tanto teñen que
ver coa imaxe do “bo pastor”. “A comunidade evanxelizadora –dinos el- métese con
obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica distancias, abáixase ata a humillación
se é necesario e asume a vida humana, tocando a carne sufrinte de Cristo no
pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor a ovella’ e estas escoitan a súa voz”.
Para Francisco “olor a ovella” vén ser o mesmo có que el
chama “olor a evanxeo”. Neste sentido advírtenos aínda: “Prefiro unha Igrexa
accidentada, ferida e manchada por saír á rúa ca unha Igrexa enferma por se
encerrar en si mesma e pola comodidade de se aferrar ás propias seguridades”.
Sermos, pois, “bos pastores” ou “boas pastoras”. Tal é o encargo
de Xesús.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario