DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN
+ Enlace orixinal Oracional iVoox

Domingo de Pascua - Vida infinda
5 abril
2026
Nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os
padecementos e a morte de Xesús, mais sabiamos tamén que tras este aparente
fracaso absoluto da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía
acontecer o rexurdimento. Un amencer do Resucitado que en adiante non morrerá endexamais,
converténdose así nun sol radiante que non terá máis solpores. Xoán cóntanos que
a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Algo que poderiamos
entender simbolicamente. Ela e con ela todas e todos camiñamos ou corremos cara á luz do
Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Bolboretas inquedas somos que
voamos cara á luz na noite escura.Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a
vida. E isto sempre e para sempre. Foi Deus mesmo quen nos puxo esta querenza
no máis fondo do corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso esta
fonda querenza nosa atopa o que busca.Este é o significado da Resurrección.
Xesús. Con el a humanidade toda estamos destinados, alén das nosas particulares
mortes biográficas, a sermos inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos
experimentar xa nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo
dun novo e definitivo vivir para sempre.
Por iso os primeiros cristiáns loaban a Deus ó celebraren
a Resurrección dicindo e cantando “aleluia”. E “aleluia” quere dicir: “loado
sexa Deus”.Por iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a
alegría debería rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di-, que pola súa
gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida
nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso brincades de alegría, aínda que
agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes
probas”.A alegría debería ser, pois, o sentimento normal e estábel na vivencia
dunha nosa feque ten os seus alicerces no acontecemento da Resurrección do
Señor. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos domingos
do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”(en latín “Señor”
dise “Dominus”), é dicir, de quen o “domina” todo. Coa súa resurrección
converteuse así o Crucificado en “Señor” de toda a creación e do tempopasado,
presente e vindeiro. Tal e como repite a liturxia pascual: “Este é o día que
fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”.
Agora ben, se os primeiros crentes creron porque “viron”,
a nosa crenza no Resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa
“visión”. Mais trátase dunha fe baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa
que nace con eles. Pola nosa parte podemos dicir tamén que, como compensación de
non termos vivido aquela forte experiencia dos seus discípulos, podemos en
cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira están dirixidas a
todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre, ademais, ter presente que a alegría que sentiron
os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou
particular, que cadaquén en certo modo gardaría para si mesmo, é dicir, para o
seu propio consolo. Era, polo contrario, unha alegría comunitaria, compartida,
que ía alén dos propios intereses e preocupacións. Do mesmo xeito que Xesús non
se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, os
seus discípulos non podían proceder doutro xeito.Todo isto ten aplicación non
só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns, senón á humanidade toda,
porque no Resucitado quixo e decidiu Deus Pai ofrecer vida para sempre a todos.
Os cristiáns estamos así
convocados a encher o mundo enteiro, con humildade e agradecemento, da
esperanza de vida eterna que nos vén do Resucitado.Isto fano os apóstolos e
discípulos e, antes ca eles, as mulleres que foran moi cedo visitar o sepulcro.
Volveron axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor.
E algo similar realizarán os diversos apóstolos e
discípulos comunicándose mutuamente as aparicións ou experiencias do Señor
resucitado que van sucesivamente ocorrendo. Foi así como a través dos tempos e
dos séculos recibimos nós tamén por medio do anuncio do evanxeo esta grande e
boa nova da resurrección. Por iso cantos a recibimos temos que anunciala coa
nosa palabra e os nosos feitos, no tempo e lugar onde vivimos, a cantos ou non
saben dela ou non son quen de crer nela incluso quizais por ser tal nova algo
tan incríbel e marabilloso.




Comentarios
Publicar un comentario