DOMINGO II DE PASCUA - ciclo A

  Oracional Galego en Spotify 

+ Enlace orixinal Oracional iVoox






LECTIO:

Domingo II Pascua

Apálpame ben-12 abril 2026


O episodio relacionado con Tomé cóntao só Xoán entre os evanxelistas. Dinos o mesmo Xoán que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado e que el non nos conta. De modo que eses moitos signos, que para un xornalista de hoxe serían de interese excepcional, a Xoán non lle doe non contalos un por un. En realidade,  tanto el como os demais apóstolos e discípulos de Xesús saben ben que o importante é o encontro co seu Mestre, co de antes e co de despois da resurrección. E para encontrármonos con el e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas. Eles non son xornalistas. Son transmisores de fondas e inesquecíbeis experiencias que tiveron con Xesús.   Por iso Xoán, pensando seguramente nos que non participaron ou non participarían directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé co Resucitado. Tomé lémbrame a min a parábola sobre o fillo pródigo (ou, como adoito dicir, do “Pai misericordioso”). Nela fálasenos sobre a bondade a toda proba de Deus. Cando o seu fillo volve despois de moito esperalo, o seu pai apértao con agarimo sen lle botar en cara a súa mala conduta. Na escena de hoxe é o propio Xesús quen se comporta amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera sobre a mesa para crer: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el era a mesma persoa coa que convivira e non unha pantasma.

            De modo que os encontros con Deus están sempre cheos de paz, alegría, perdón xeneroso e xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán crea no relato da aparición de Xesús no medio e medio dos seus apóstolos cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.O seu primeiro saúdo quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos apóstolos. “Paz convosco”. Tamén no encontro posterior, oito días despois, con Tomé xa entre eles, repetirá o mesmo saúdo: “Paz convosco”.  Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida. Dálles, ademais, o mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, o mesmo có seu Mestre alén da súa concreta experiencia humana, histórica e corporal. Foi así como se foi formando a Igrexa ata nós, aínda que a través de non poucas deficiencias históricas.

            Que lle ocorreu a Tomé para pasar tan aceleradamente dunha actitude de autodefensa fronte ós seus compañeiros á outra na que se derruba ante o seu Mestre,permitíndolle a Tomé que realice con el as probas que considere pertinentes? A resposta a isto é importante, porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas veces entre a nosa crenza a as dúbidas que á nosa propia crenza se lle presentan.Canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinábeis. Deus é sempre o absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio da materia, da vida, do noso interior e de mil outras realidades que nos abraian. Misterioso é nacer, vivir, morrer e, desde logo, tamén resucitar.Tomé fixo, pois, a experiencia do Xesús resucitado e con ela fixo tamén a experiencia de que el, Tomé, vai poder tamén resucitar. Isto éncheoa el de ledicia, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que el tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza dun Xesús poderoso e bondadoso,que se lle presenta directamente diante del. Poderoso porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningún outro do que el se houbera de ocupar. Fica claro así que Tomé non podía dicir máis có que dixo: “¡Meu Señor e meu Deus!”.

            Engado só finalmente que a bondade e o amor fan milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Verdadeiramente o amor non morre. E se Deus (o Deus Pai de Xesús e Pai tamén noso) é Amor, tal como se nos di na primeira carta de Xoán, entón temos aí o segredo ou a clave de por que Xesús resucitou e de por que tamén nós resucitaremos.


Manuel Cabada Castro

 


[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais.Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)]

 






Comentarios

Publicacións populares