DOMINGO 5 DE PASCUA - CICLO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace orixinal Oracional iVoox
LECTIO:
DOMINGO V DE PASCUA.
Derradeira vontade
Curto é o texto do evanxeo de Xoán
que hoxe se nos ofrece para a nosa consideración e para profundarmos nel. Tal
como ocorría no anterior domingo. Breve en palabras, pero moi denso e amplo na
súa transcendencia. Por apuntar a algo decididamente central na mensaxe do
evanxeo: o amor. Xesús atópase en momentos de íntima confidencia cos seus
discípulos. Quédanlle poucas horas de vida e de conversa con eles. Momentos
dramáticos tamén porque un dos seus decidira xa entregalo ás autoridades
relixiosas e políticas para que acabasen con el.
En momentos coma estes é cando se
comunican e transmiten as recomendacións máis esenciais. Os que permanecen
vivos, os herdeiros coma quen di, non poderán esquecelas.A derradeira e, polo
tanto, a máis importante recomendación de Xesús é moi emotiva e tan doada de
entender como difícil de levar á práctica. Acabámola de escoitar: “Meus fillos:
só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos uns a
outros. Como eu vos amei, amádevos tamén entre vós”.
Sen dúbida. Trátase dunha verdadeira
síntese de todo o evanxeo: da ensinanza e da práctica continua de Xesús ata
este intre e nas próximas e poucas horas que lle restan de vida. No fondo, el
non ensinou nin practicou outra cousa máis ca iso: o amor, a entrega sen
reserva ós demais ata dar el mesmo a súa vida por todos.Agoraben, trátase
verdadeiramente dun mandamento novo? Entre as normas do Antigo Testamento,
concretamente no libro do Levítico, hai unha que, segundo o Levítico, Deus lle
dá a Moisés en relación co modo de se comportaren as persoas que Moisés ten ó
seu cargo. É esta: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás
nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”
(Lev 19, 18). De feito, Xesús recorre moitas veces a este mandado (“Amarás o
teu próximo coma a ti mesmo”) sobre todo nas súas discusións cos doutos do
xudaísmo do seu tempo. A xente entendía bastante ben que se Deus é bo con
todos, non podemos pola nosa parte ser malos uns cos outros. No Antigo Testamento tíñase, pois, clara conciencia, da bondade e
da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso
de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis.
Mais Xesús quere ir alén destes bos
sentimentos do Antigo Testamento. Sabemos da pregunta que lle fai unha vez un
letrado a Xesús sobre cal é o “primeiro” mandamento da lei. Xesús responderalle
utilizando as mesmas palabras do libro do Deuteronomio (6, 4-5): “O primeiro é:
Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus,
con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a
túa forza”. Con isto a pregunta quedaba perfectamente respondida. Mais Xesús
vai engadir a isto(e sen que o letrado llo preguntara) algo decisivo ó colocar
dalgunha maneira o chamado segundo mandamento ó mesmo nivel có primeiro.
Velaquí o que el engade: “O segundo é este: Amarás o teu próximo como a ti
mesmo. Non hai mandamento máis importante ca estes”.
Xesús tiña boas razóns para engadir
iso, porque no Antigo Testamento estes dous mandamentos estaban en certo modo
pouco relacionados entre si. Do primeiro falábase no Deuteronomio e do segundo
no Levítico (19, 18). Coa súa resposta ó letrado dálle ó segundo mandamento, é
dicir, ó amor ó próximo unha dignidade en certo modo divina. De modo que amar o
próximo vén sendo así para el practicamente o mesmo que amar a Deus.Agora ben,
o que fai Xesús nestes derradeiros momentos de intimidade cos seus discípulosé
subir aínda máis o listón da importancia e da esixencia do amor ó próximo. Así
poderá indicar que o seu mandamento do amor ó próximo é verdadeiramente “novo”.
Por que? A razón e sinxela. A medida do amor ó próximo no Antigo Testamento era
“un mesmo”: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. A medida do amor que
anuncia agora el é moito máis esixente e, polo tanto, decididamente “nova”:
Amarás o teu próximo “como eu vos
amei”. E como amou Xesús? Ben o sabemos, polo menos teoricamente. Amou os
demais máis ca a si mesmo. Amou totalmente, entregando a súa vida, é dicir,
entregándose a si mesmo, pola salvación e liberación de todos. A medida do seu
amor non é polo tanto el mesmo (“como a ti mesmo”) porque se esa fose a medida
do seu amor, non poría en xogo a súa vida e non a daría polos demais.
Deste modo, asúa actitude ten unha
certa semellanza coa das boas e xenerosas persoas que se lanzan de súpeto a un
mar embravecido para libraren da morte unha persoa en perigo de afogarse. E iso
practicándoo non unha ou dúas veces e case sen pensar, senón ó longo de toda
unha vida e de maneira consciente e consecuente ata a propia morte. Esta é,
pois, a medida á que el nos convida e que fará que xurdan ese “ceo” e
“terra” tamén “novos” dos que nos fala o
libro da Apocalipse da 2ª Lectura. Hai
ademais unha importante advertencia. Non nos enganemos. Só se procedemos así,
seremos considerados verdadeiros discípulos de Xesús. Ese ha ser, pois, o noso
sinal distintivo.Para así termos capacidade de atraer outras persoas ó camiño
de Xesús. “Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes
amor uns a outros”. Os cristiáns non podemos, en consecuencia, contentármonos
con dicir simplemente que o somos, é dicir, que somos cristiáns. Pois se o amor
-e un amor coma o de Xesús- non se converte en motor das nosas vidas e da nosa
relación con todos non o seremos de verdade.Tarefa, como vedes, nada doada,
mais que nos salvará e liberará non só a nós, senón tamén a cantos nas nosas
vidas se atopen connosco.
https://www.gruposdejesus.com/5-pascua-c-xoan-1331-33a-34-35-3/
Comentarios
Publicar un comentario