DOMINGO 3 DE PASCUA - CICLO C
Oracional Galego en Spotify + Enlace en Ivoox
LECTIO:
Domingo III de Pascua-C
4 maio 2025
O
relato de Xoán (centrado na tarefa da pesca no lago de Tiberíades) non debería
ser considerado coma un relato estritamente histórico ou case fotográfico do
ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó nos falaren da pesca milagrosa,
colocan a escena antes da morte de Xesús, mentres que Xoán a sitúa despois da
súa resurrección. Unha vez máis, o que a Xoán lle interesa é profundar na
continuidade real, máis alá da crucifixión, entre o Xesús co que conviviran
durante a súa vida e o resucitado que os seus discípulos senten e experimentan
como vivo de moi diversas maneiras.
É
un relato moi fermoso e emotivo polo que se refire ás preguntas que lle fai
Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus primeiros discípulos.
Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é a escena que se nos
refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna. Estaban cansados, frustrados e
faltos de humor cando empeza a romper o día e na barca non había un rabo de
peixe. Cómpre ter en conta que a pesca non era para eles, como o pode ser hoxe
para os simplemente afeccionados a ela, un deporte ou unha evasión. Para eles
era o seu traballo, a súa profesión, temporal polo menos. E dese traballo
dependía que puidesen comer ou quizais comerciar con outros para o que
precisasen. O seco “Non”, co que responden ao descoñecido que deambula tan cedo
á beira do lago, reflicte ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para
latricar con el.
Aínda
que ese descoñecido se vaia converter de súpeto en coñecido para quen o ama.
Son as intuicións que sobre si mesmas teñen as persoas que se queren. Calquera
pequeno detalle é sempre revelador. Isto foi o que lle pasou a Xoán por moito
que estivese cansado de toda unha noite traballando e sen poder pegar ollo.O
pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa.Ver cos propios ollos, non só
imaxinados senón reais, moitos grandes e fermosos peixes pescados grazas á
simple indicación dun descoñecido e poder contalos amodiño un tras outro, iso
si que é un acontecemento que non é doado esquecer. Xoán, un dos afortunados
pescadores, dinos que contaron exactamente 153 peixes grandes. Endexamais esquecerían
Xoán e mailos seus compañeiros o preciso e concreto número de peixes pescados:
153.
Foi
ese exceso de éxito, absolutamente inesperado, o que fixo que Xoán vise ou
intuíse que quen andaba pola praia non podía ser outro máis có Mestre. Primeira
lección: o amor ten poder para aguzar a vista. Mais o amor de Xoán a Xesús é
sempre posterior, consecuencia, do amor que
Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos que recibir antes o
impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes por outro, en
último (e primeiro) termo polo Deuscreador e amador de canto hai. Cando Xoán
coloca a escena da pesca no contexto do Xesús resucitado está a dicirnos que é
a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente e a fondo, os
acontecementos da nosa vida, dos nosos traballos, fracasos ou éxitos.
A
outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar
segunda lección do Resucitado. É a seguinte: se Deus non fose esencialmente
Amor non habería resurrección: nin a de Xesús nin a nosa. Só podemos vivir sen
deixar endexamais de continuar a vivir se hai Alguén que -á parte de ter poder
para tal cousa-tanto nos quere que non permite que a morte sexa a nosa fin. Pois
ben, o Xesús resucitado non nos garante só a vida, a resurrección, trala nosa
morte individual, senón tamén unha vida plena terreal. Pois é acaso vida unha
vida vivida sen amor? Unha vida así, sen amor, vén sendo algo así como estar
morto. Por isoo Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección
a Pedro, dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Saberá
así se Pedro,a pesar dos seus fallos e fracasos, corresponde con amor ó amor
que el lle ten.
As
reiteradas preguntas que Xesús lle fai a Pedro sobre o seu amor a el fannos lembrar
quizais o fermoso dito do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: “Á tarde
examinarante no amor”.Si. O Xesús resucitado compórtase
con Pedro de maneira semellante a unha nai que preguntara ó seu fillo pequeno
se a quere. O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle
responder. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais Pedro é unha
persoa adulta e ó final non sabe case como responder, limitándose a lle dicir:
“Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero”. Unha resposta que ten máis
de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus que de estrita contestación.
Para
rematar. Como por unha parte Deus non é só Pai senón tamén Nai -tal comose
expresou unha vez o papa Xoán Paulo I- e, por outra parte, no primeiro domingo
de maio adoita celebrarse tamén o Día da Nai, lancemos entón un quente biquiño
de amor e agradecemento a tódalas nais do mundo, que fixeron e fan presente ós
seus fillos o amor de Deus, Pai-Nai de todos.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/3-pascua-c-xoan-211-19-3/
Comentarios
Publicar un comentario