DOMINGO VIII DO TPO. ORDINARIO C
LECTIO:
DOMINGO VIII T. O -C
Estamos
hoxe a celebrar o último domingo do tempo litúrxico chamado “Tempo Ordinario” e
facémolo continuando co texto do evanxeo de Lucas do domingo anterior. Lucas
alentábanos nel a amármonos e perdoármonos sempre, aínda que os outros sexan
inimigos. Mais para iso precisamos unha transformación do corazón: nacermos de
novo á experiencia de sentírmonos fillos dun mesmo Pai e vivirmos fondamente e
na práctica diaria esa misteriosa realidade. Cara a iso concorren as
consideracións e incitacións das ensinanzas de Xesús, tal e como nolas presenta
Lucas. Temos que aprender así a abrirmos os ollos á fonda e escondida realidade
que ten a súa raíz na vinda de Xesús onda nós coma o Deus que se encarna na
nosa natureza humana facéndose así irmán de todos. En caso contrario,
manterémonos coma “cegos” que intentan “guiar outros cegos” polo camiño.
Precisamos, xa que logo, abrírmonos coa graza de Deus a esa luz que ilumina os
nosos ollos e lles dá capacidade de ver. “¿Acaso poderá un cego –dísenos no
texto de Lucas- guiar outro cego?”.
A
pasaxe que segue a esta reflexión é moi gráfico e non precisa comentarios:
“¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da
trabe que está no teu propio ollo? Como lle poderás dicir a teu irmán: ‘Irmán,
deixa que che quite o lixo que tes no ollo’, sen reparares na trabe que tes no
teu?”.A trabe non vos é un lixo calquera. E se non, ide a una aldea galega e pedídelle
ó dono da casa que vos acompañe ó faiado e vos amose unha viga de carballo ou
castiñeiro que seguramente haberá alí sostendo sen problemas o teito enteiro da
casa. A trabe que nos impide ver correctamente os irmáns e irmás do noso mundo
é a nosa pobre ou escasa acomodación visual á realidade que a vinda onda nós de
Xesús veu transformar desde os seus alicerces. A nova realidade é a de sermos
irmás e irmáns de verdade, en canto fillos e fillas de Deus, ó que podemos
chamar de verdade e pola graza del “noso
Pai”, noso Paiciño.
Ese
novo modo de “ver” a realidade procederá do máis fondo e íntimo de nós. Non é
unha aprendizaxe baseada nunha mera repetición mecánica ou exterior, derivada
dun esforzo persoal. O noso comportamento fraternal cristián procede de
secretas raíces ou, se queredes, de internos condicionamentos divinos (aquilo
que chamamos graza de Deus) que fan posíbel sentírmonos irmáns e irmás dos
demais. Da mesma maneira que os figos ou as uvas só proceden do interior modo
de ser desas plantacións que chamamos figueiras ou vides e non doutras árbores.
En palabras de Lucas: “Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin
tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos
seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman
uvas”.
En
definitiva, dese bo ou malo interior noso proceden os nosos bos ou malos
froitos. E o que importa é adquirirmos unha interioridade boa, bondadosa,
fraternal ou sororal. Saberedes que a palabra “sororal” procede do “soror”
latino, que significa “irmá”. Así está correctamente recollida no noso
Dicionario da Real Academia Galega como equivalente a fraternal (do “frater”
latino, que significa “irmán”).
Agora
ben, Lucas denomina “corazón” esa interioridade (ben sexa “boa” ou “mala”). E
así pon el en boca de Xesús estas palabras: “do que reborda o corazón fala a
boca”. Corazón e fala, fala e interioridade están tan unidas entre si como a
auga e a fonte da que abrolla. Así o supón tamén o noso refraneiro galego: “Non
di máis a lingua có que sente o corazón”, “Tal palabra che din, tal corazón che
poñen”, “Cada un fala como quen é”...Coidemos, pois, como cristiáns o falar,
porque do seu correcto, fraternal e sororal, uso depende o ben ouo mal que lles
poidamos causar ás nosas irmás e irmáns. Neste sentido léovos para rematar, por
se o lestes ou o oístes poucas veces, un texto que coido que vén ben a conto
por estar directamente relacionado co tema do noso falar cristián e é ademais
moi expresivo. Está tomado da Carta de Santiago, capítulo 3:
“Meus irmáns, [...] se hai alguén que non falte no
falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro. Ollade: ós
cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlamos o
seu corpo. E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por
ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere
levar. Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, mais
pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: cunha fogueiriña cantas fragas poden
arder! E a lingua é un lume [...] Calquera caste de bestas ou paxaros ou
cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; a lingua, en
troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte.
Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos as persoas, creadas
semellantes a Deus. Dos mesmos beizos saen a bendición e mais a maldición. E
isto, irmáns, non debía ser así. ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote
auga doce e auga amarga? Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou
figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce [...] Se
tedes o corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e
non andedes mentindo contra a verdade [...] Pola contra, a sabedoría que vén do
ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de
misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza
seméntano coa paz os que van facendo a paz”.
Manuel Cabada
Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/8-tempo-ordinario-c-lucas-639-45-2/
Comentarios
Publicar un comentario