Manifesto de Igrexa polo Traballo Decente con motivo do 8 de marzo - HOAC
Coincidindo co Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo, a Irmandade Obreira de Acción Católica da diocese de Tui-Vigo súmase ao manifesto «Pola dignidade das mulleres. Traballo decente, dereito, non privilexio», que publicou a iniciativa «Igrexa polo Traballo Decente». Nesta ocasión, a organización subliña que «a economía mergullada perpetúa a vulnerabilidade de millóns de traballadoras, negándolles dereitos fundamentais e condicións dignas de vida».
A iniciativa «Igrexa polo Traballo Decente» está conformada por entidades e organizacións de inspiración cristiá: Cáritas, Conferencia Española de Relixiosos (CONFER), Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC), Xustiza e Paz, Mocidade Estudante Católica (MEC) e Mocidade Obreira Cristiá (MOC). O obxectivo é favorecer dinámicas para sensibilizar, visibilizar e denunciar sobre o traballo humano o traballo humano e anunciar o concepto de traballo decente «cara ao interior das nosas organizacións, cara á Igrexa en xeral e cara á sociedade».
Pola dignidade das mulleres. Traballo decente, dereito, non privilexio.
Desde a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente denunciamos a desigualdade, explotación e precariedade que afectan especialmente ás mulleres no ámbito laboral. A economía somerxida perpetúa a vulnerabilidade de millóns de traballadoras, negándolles dereitos fundamentais e condicións dignas de vida.
Un berro pola xustiza laboral e igualdade
O traballo é clave para a dignidade humana. A economía somerxida nega este dereito ao privar ás mulleres de empregos xustos e equitativos. Urxe que esta problemática sexa priorizada nas axendas políticas e sociais. “O traballo é un dereito fundamental e un ben para o home: un ben útil, digno, que corresponde á súa dignidade, que expresa e acrecenta a dignidade humana” (Compendio da Doutrina Social da Igrexa, 287)
As mulleres na economía somerxida: Unha realidade invisible
Tanto en Galicia coma no conxunto do Estado español calcúlase que a economía somerxida supón en torno ao 16% do PIB. É moi difícil calcular cal é a participación exacta da muller nesa porcentaxe, sen embargo, todos os estudos coinciden en que é maioritaria en todos os casos. Moitas empregadas do fogar, xornaleiras, coidadoras e limpadoras traballan sen contratos nin protección social, enfrontando xornadas extensas, salarios baixos e despedimentos arbitrarios. A situación é aínda máis grave para as mulleres migrantes, quen, debido a barreiras administrativas, racismo e xenofobia, vense obrigadas a aceptar empregos informais. Ademais, moitas enfrontan riscos de trata e explotación sexual.
Propostas para un cambio transformador
Desde Igrexa polo Traballo Decente propoñemos accións concretas para combater a economía somerxida e mellorar a vida das traballadoras:
- Regularización laboral: Formalizar empregos en sectores como o doméstico, agrícola e de servizos, eliminando barreiras administrativas e protexendo os dereitos laborais.
- Inspección e cumprimento de leis: Fortalecer os mecanismos de inspección laboral e sancionar a quen exploten ás traballadoras e traballadores, acompañados de campañas informativas sobre dereitos laborais.
- Regularización de migrantes: Garantir permisos de residencia e traballo xustos para as persoas migrantes, contribuíndo a unha economía máis equitativa.
- Educación e capacitación: Implementar programas formativos para que as mulleres accedan a empregos de calidade, fomentando tamén a súa organización e liderado.
- Acompañamento pastoral e social: A Igrexa debe continuar apoiando ás traballadoras que sofren vulneracións de dereitos laborais, escoitándoas, acompañándoas e denunciando inxustizas, reflectindo o compromiso evanxélico coas persoas vulnerables.
- Conciliación e corresponsabilidade: Promover políticas que equilibren a vida laboral e familiar, como permisos parentais igualitarios e servizos de coidado accesibles e de calidade.
Un chamamento á esperanza.
O 8 de marzo é unha oportunidade para renovar o noso compromiso coa xustiza social. Como seguidores e seguidoras de Xesús, debemos enfrontar estruturas de exclusión e pobreza como a economía somerxida, con valentía e esperanza. Tal como expresou o Papa Francisco ao convocar o Xubileo 2025 baixo a lema “Peregrinos de esperanza”, estamos chamados a redescubrir a forza transformadora da fe e a esperanza.
É posible transformar un mundo onde as mulleres vivan con dignidade e o traballo sexa unha fonte de vida plena. Sigamos loitando por un traballo decente para todas e todos, e por unha sociedade na que ninguén sexa invisible.
Traballo decente, dereito, non privilexio
https://www.diocesetuivigo.org/gl/manifesto-da-hoac-con-motivo-do-dia-internacional-da-muller/
Comentarios
Publicar un comentario