DOMINGO 1 DE CORESMA C
LECTIO:
DOMINGO I DE CORESMA
9 marzo 2025
Hai
só catro días, no mércores de cinza, empezabamos o tempo
da Coresma, un nome que ten que ver (“coresma” – “corenta”) cos “corenta” días
de xaxún que, segundo o texto do evanxeo, pasou Xesús no deserto tras ser
bautizado por Xoán Bautista. Sabemos que o dos “corenta” días non hai que
entendelo literalmente, pois trátase dun número simbólico de “plenitude”,
segundo nos din os entendidos. Vén significar algo así coma se dixésemos:
“Xesús foi tentado sempre”. Como
sempre somos tentados tamén nós. Ás veces imaxinamos Xesús tan “divino” que nos
pode resultar case incomprensíbel que puidese ser “tentado”. Mais el era tamén
un ser humano. Só que moito máis humano e por iso precisamente moito máis
divino tamén. Tan divino que era o fillo benquerido de Deus.
Nos
ciclos todos da liturxia coresmal fálasenos no primeiro domingo (o de hoxe)
sobre as tentacións de Xesús. Na súa íntima relación co seu Pai Deus no
deserto, veuse el tentado, pese a todo, polo espírito malo, polo Satán do que
nos fala Lucas. Todo ser humano, todos e cada un de nós, somos un misterio para
nós mesmos. Atráennos o poder, o prestixio, a fama. Queremos ser máis cós
demais. E a estes pásalles outro tanto. E sabemos que se nos deixamos levar por
todo iso, sofren a irmandade, a fraternidade, a igualdade. Xesús debeulle de
dar moitas voltas a este duro conflito que se produce no interior de todos nós,
tamén no seu propio interior. Mais
no deserto, na soidade consigo mesmo, en íntima compaña co Pai Deus, chegou
Xesús á irrevogábel conclusión de que a vontade do seu Pai era a de instaurar
no mundo un reino de amor e fraternidade. Por isoo deserto de Xesús será (a
diferenza do deserto de Xoán Bautista) unha etapa pasaxeira que o levaría axiña
a traballar directamente xunto cos seus apóstolos e discípulos a prol da
instauración dese reino. Esa é a “boa nova” de Xesús.
Os
que nos describen a peripecia de Xesús no deserto, en loita entre o falaz
convite de Satán ó poder e á fama e a chamada do Pai á instauración dun reino
de fraternidade, fálannos do importante papel que nesa loita xoga o “Espírito
Santo”. É ese Espírito divino quen empuxa, forza, leva Xesús ó deserto, algo
así como unha poderosa onda dun mar impetuoso nos leva cara a onde ela quere. É
ese Espírito forte de Deus quenlle clarifica as ideas a Xesús e lle dá forzas
pra resistir as tentacións do mal espírito, do tentador, do Satán.
Será
ese mesmo Espírito de Deus que o levou ó deserto quen o encamiñará tamén, fóra xa
do deserto, cara ó encontro coas persoas do seu tempo. Coa xente normal e
corrente que sofre as penurias que lles impoñen cantos se deixan levar polo
espírito de Satán, é dicir, polos poderosos en cargos, diñeiro, prestixio
social ou político. A tódolos marxinados ou desprezados polos de arriba vailles
anunciar Xesús unha “boa nova”, unha “alegre noticia”, que ten como centro a
experiencia de se sentiren irmáns entre si e fillos queridos de Deus Pai.
A
Coresma tivo noutros tempos un sentido algo tristeiro. De renuncia a certas
cousas no comer ou de realización de determinadas prácticas penitenciais. De aí
o contraste popular entre o Entroido destes festivos días pasados e a austera
Coresma na que agora estamos xa. Unha Coresma que liturxicamente empezaba
ademais con ese convite, na antiga fórmula da imposición da cinza, a
lembrármonos de que “somos po e que en po nos imos converter”. Pola contra, a
mensaxe da fórmula de imposición da cinza do mércores pasado é agora moito máis
alegre e, tamén moito máis cristiá por concordar mellor coa mensaxe de Xesús. Agora
é esta: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, vólvete cara á grande e alegre
noticia de Xesús. E ben sabemos cal é esa boa nova. Nada máis e nada menos que
a boa nova de Xesús mesmo, de que Deus está connosco, de que El nos quere como
fillas e fillos del que somos e de que todos estamos destinados a formar parte
dun reino sororal e fraternal de xustiza, de amor e de paz.
Compráceme
por iso a expresión tradicional galega “Antroido” (ou “Entroido”) máis cá de
“Carnaval”. Porque “Entroido” se refire directamente á “entrada”, á entrada na Coresma. Non hai xa
que logo un “corte” entre o Entroido e a Coresma, tal como se vén representado
popularmente nas troulas e festas do Entroido en contraste co austero rito do
antigo comezo da Coresma aludindo a que non somos máis ca po. O Entroido é así só
a porta de entrada, alegre e festeira, á ledicia, que nos trae Xesús, cando no
novo rito se nos pide que nos convertamos ó “Evanxeo”, é dicir, á alegre nova
de Xesús.
Precisamente
por ser esta “boa nova” unha boa nova para todos e non só para algúns, a nosa
alegría ha ser inclusiva e non “exclusiva”.Esa é a fermosa tarefa que temos
diante nosa neste tempo coresmal que acabamos de comezar. Pidámoslle ó Espírito
Santo, ó Espírito de Deus, que nos empuxe con forza, tal e como o fixo con
Xesús, ó “deserto” da nosa conversión a Deus Pai para así sermos quen de chegar
a considerar tódalas persoas como irmáns e irmás.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/1-coresma-c-lucas-41-13-3/
Comentarios
Publicar un comentario