DOMINGO 2 DE CORESMA C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DA MISA


LECTIO:

DOMINGO II CORESMA-C

16 marzo 2025

            Estamos en tempo coresmal e os textos litúrxicos teñen que ver con este tomarmos conciencia da persoa de Xesús nuns momentos moi especiais da súa vida.A escena descrita hoxe por Lucas sobre a transfiguración de Xesús maniféstanos dunha maneira clara e concisa esta visión conxunta de vida, morte e resurrección.

            Vexámolo algo máis amodo. Xesús camiña monte arriba, unha vez máis cos tres apóstolos máis proximamente achegados a el e, unha vez máis tamén, para orar. Na escena do bautismo de Xesús aparecía xa a voz de Deus Pai amosando a súa compracencia co seu Fillo benquerido. É unha amizade fonda, moi íntima, infinitamente meirande cá que poden ter nais e pais cos seus fillos pequenos. Xesús pasábao moi ben falando de noite ou de día con quen o quería infinitamente; e el, Xesús, queríao tamén pola súa parte infinitamente. Para el orar non estaba mesturado, como nos pode ocorrer a nós, cun certo modo de obriga moral, senón que era infinito pracer e felicidade.

            Lucas refírese bastantes veces á oración de Xesús. Así o fai tamén hoxe. Dinos que foi precisamente “mentres estaba orando” cando el se transfigurou: “cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes”. Esta descrición, típica da literatura apocalíptica, é a que nos fai enxergar dalgunha maneira o incriblemente transformado que se volvía Xesús cando contactaba co seu Pai Deus. Algo así como unha lámpada se ilumina de súpeto marabillosamente cando se conecta á unha rede eléctrica. Se el podía dicir sobre si mesmo que era a “luz do mundo”, iso só era posíbel pola súa inimaxinábel unión coa fonte infinita de luz que é Deus mesmo. Aparece así feliz e resplandecente, transfigurado. Como o poden estar, aínda que en moito menor grao, unha nai co seu fillo ou filla, a noiva co seu noivo ou, en xeral, alí onde se encontren dúas persoas que se queren moito. Todo queda iluminado: as persoas, as cousas, o ceo e maila terra, o pasado e o futuro. O amor transfórmao todo.

            En Lucas o tempo pasado amósase nas figuras de Moisés e de Elías como representantes da lei e dos profetas do Antigo Testamento. Aparecen nela “falando” con Xesús, que vén sendo o cumprimento definitivo do antes anunciado por medio da lei e dos profetas, aínda que superándoos definitivamente. Pois Moisés e Elías e todo canto eles representan pertencen agora ó pasado. Por iso o único que queda ó final, despois de apareceren na escena Moisés e Elías durante algún tempo, é Xesús, ó que a “voz” do Pai se referirá ó proclamar: “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo”. “Cando a voz acabou –dinos Lucas- Xesús apareceu só”. Coa vinda de Xesús xa non queda pegada ningunha de leis, preceptos, normas ou vellos ritos. Agora está só Xesúse con el a “boa nova” de que hai só un Deus que no seu fillo Xesús nos quere a todos por igual..

            A frase “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo” está moi en liña con aquela outra coa que fomos introducidos no tempo coresmal: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, dirixe a túa vista e o teu corazón cara a aquel que é o Fillo de Deus e escóitao, porque el é o escollido por Deus-Pai. Hai en Lucasunha pequena variación respecto dos textos de Mateo ou Marcos, pois estes dous fálannos do Fillo “benquerido” polo Pai, mentres que Lucas nos di que Xesús é o “elixido” polo Pai. Mais esta variación non fai senón reforzar a mensaxe do Pai de que El ten posto nel o seu corazón.Na escena que se nos presenta na Transfiguración alúdese non só á Resurrección de Xesús que enche alí de felicidade os tres apóstolos, senón tamén á súa paixón emorte. Este éxustamente o tema da conversa de Xesús con Moisés e mais Elías. “Falaban –dinos Lucas- do seu éxodo que remataría en Xerusalén”. É dicir, falaban da paixón e morte de Xesús.

            De modo que hai tamén na escena algo así como unha síntese do rumbo e significado da nosa vida. Algo así como se formula no dito latino tradicional “percrucemad lucem”, “pola cruz á luz”, pola paixón á resurrección a través das escuridades da vida cara á luz e á transfiguración prometidas. Todo ten o seu tempo. De xeito que aquí non vale, como pretendía o impetuoso Pedro, queimar etapas ó el propoñer montar e afincar ben as tres tendas naqueles felices momentos que estaba a vivir. A vida é un proceso, sempre sorprendente e de non doada realización. Non podemos estar para sempre no monte. Hai que baixar ó val para anunciarmos a boa nova, porque son moitos os que precisan escoitala.No monte,lugar axeitado para a oración, só podemos oír a voz, limpa e persoal, de Deus. Mais, unha vez escoitada e asumida, temos que baixala monte abaixo para oírmos esa mesma voz de Deus a través da voz dos nosos irmáns, mulleres e homes do mundo enteiro. Ou, como leo nun escrito en relación con isto: “No Tabor falou a Palabra de Deus Pai: ‘Este é o meu predilecto, escoitádeo’. Agora, despois de baixar do monte, a mesma voz dinos, referíndose a tódolos irmáns de Xesús do mundo enteiro: ‘Estes son os meus fillos queridos. Escoitádeos’. Son os pobres e os pequenos, os excluídos, os esquecidos, os afectados por tódalas crises e calamidades. Subirmos ó monte, si, mais para escoitarmos a Deus que convida a baixar ós infernos da sufrimento e da inxustiza humana, para liberarmos a xente de toda clase de escravitude”.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-coresma-c-lucas-928-36-2/

FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3







Comentarios

Publicacións populares