FICHA E LECTIO: DOMINGO 2 CORESMA C

  FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

O profeta definitivo dos novos tempos

(13. III. 2022)

            Estamos en tempo coresmal. E, en consecuencia, os textos litúrxicos teñen que ver con este tomarmos conciencia da persoa de Xesús nuns momentos moi especiais da súa vida. E a vida de Xesús non se pode entender sen a súa morte e sen a súa resurrección.

            A escena descrita no evanxeo de hoxe por Lucas sobre a transfiguración de Xesús maniféstanos dunha maneira moi clara e concisa esta visión conxunta de vida, morte e resurrección de Xesús, tan intimamente relacionadas entre si.

            Vexámolo algo máis amodo. Xesús camiña monte arriba, unha vez máis cos tres apóstolos máis proximamente achegados a el e, unha vez máis tamén, para orar. É dicir, para se poñer en contacto, dunha maneira formal e explícita, con seu Pai, co seu Paiciño querido. Xa na escena do bautismo que recibira Xesús de Xoán aparecía a voz de Deus Pai amosando a súa compracencia co seu Fillo benquerido. Trátase dunha amizade fonda, única, moi íntima, infinitamente meirande cá que poden ter entre nós os pais cos seus fillos pequenos. Xesús pasábao moi ben falando de noite ou de día con quen o quería infinitamente; e el, Xesús, queríao tamén pola súa parte infinitamente. Para Xesús orar non estaba mesturado, como nos podería ocorrer a nós, cun certo modo de obriga moral, senón que era un infinito pracer que o enchía de felicidade.

            Lucas acostuma referirse bastantes veces á oración de Xesús. Tamén o fai hoxe. E dinos que foi precisamente “mentres estaba orando” cando Xesús se transfigurou: “cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes”. Esta descrición, típica da literatura apocalíptica, é a que nos fai enxergar dalgunha maneira o incriblemente transformado que se volvía Xesús cando contactaba co seu Pai Deus. Algo así como unha fermosa lámpada se ilumina de súpeto marabillosamente cando se conecta á rede eléctrica. Se Xesús podía dicir sobre si mesmo que era a “luz do mundo”, iso só era posíbel pola súa inimaxinábel unión con esa fonte infinita de luz que é Deus mesmo. Xesús aparece así feliz e resplandecente, transfigurado. Como o poden estar, aínda que en moito menor grao, unha nai co seu fillo ou filla, a noiva co seu noivo ou, en xeral, alí onde se encontren dúas persoas que se queren moito. Todo queda iluminado: as persoas e as cousas, o ceo e maila terra, o pasado e o futuro. O amor transfórmao todo.

            Na escena descrita por Lucas o tempo pasado móstrase nas figuras de Moisés e de Elías en canto representantes da lei e dos profetas do Antigo Testamento. Aparecen nela conversando, “falando” con Xesús, que vén sendo o cumprimento definitivo do anunciado antes por medio da lei e dos profetas, aínda que superándoos totalmente. Pois, en calquera caso, Moisés e Elías e todo o que eles representan pertencen ó pasado. Por iso, o único que queda ó final, despois de apareceren Moisés e Elías durante algún tempo na escena, é Xesús, ó que a “voz” do Pai se referirá cando proclama: “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo”. “Cando a voz acabou –comenta Lucas- Xesús apareceu só”. Pois coa vinda de Xesús, xa non queda pegada algunha de leis, preceptos, normas ou ritos pasados. Agora só temos Xesús, e con el a “boa nova” de que temos un Pai-Deus que no seu fillo Xesús nos quere a todos como irmáns seus.

            Como é doado decatarse, a frase “Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo” está moi en liña con aquela outra coa que fomos introducidos, o mércores de Cinza, no tempo coresmal: “Convértete e cre no Evanxeo”. É dicir, dirixe a túa vista e o teu corazón cara a aquel que é o Fillo de Deus e escóitao, porque el é o escollido polo Pai, por Deus-Pai. Hai aquí, no texto de Lucas, unha pequena variación respecto dos textos de Mateo ou Marcos, pois estes últimos fálannos do Fillo “benquerido” polo Pai, mentres que Lucas nos di que Xesús é o “elixido” polo Pai. Mais esta variación non fai senón reforzar a mensaxe do Pai de que El ten posto o seu corazón en Xesús.

            Na escena integradora da vida de Xesús que se nos presenta na súa Transfiguración, estando el no monte en oración, alúdese non só á Resurrección de Xesús que enche alí de felicidade os seus tres apóstolos, senón tamén á súa paixón e á súa morte. Ese vén sendo precisamente o tema da conversa entre Xesús e os seus predecesores Moisés e Elías, tal como nolo refire Lucas. “Falaban –dinos Lucas- do seu éxodo que remataría en Xerusalén”. É dicir, falaban da paixón e da morte de Xesús, coas que remata o tempo de Coresma na chamada “Semana Santa”.

            De modo que hai tamén na escena de hoxe algo así como unha síntese do rumbo e significado da nosa vida. O rumbo formulado en latín concisamente naquel dito tradicional “per crucem ad lucem”, “pola cruz á luz”, pola paixón á resurrección a través das escuridades da vida cara á luz e á transfiguración que temos prometidas. Todo ten o seu tempo e o seu momento. De modo que aquí non vale, como parece que pretendía o bo e impetuoso Pedro, queimar prematuramente etapas ó el propoñer montar e afincar ben as tres tendas naqueles felices momentos que estaba a vivir. A vida é un proceso, sempre sorprendente e de non doada realización. Non se pode un quedar para sempre no monte. Hai que baixar ó val para se ocupar tamén de anunciar a boa nova, porque son moitos os que precisan escoitar tal nova, esa palabra de felicidade e liberación que Deus ofrece ó mundo en Xesús.

            No monte, o lugar axeitado para a oración, só podemos oír a voz, limpa e persoal, de Deus. Mais, unha vez escoitada e asumida, hemos de baixala monte abaixo para oírmos tamén esa mesma voz de Deus a través da voz dos nosos irmáns, mulleres e homes do mundo enteiro. Ou, como leo, transformándoo un chisco, nun escrito que chegou hai algún tempo ás miñas mans: “No Tabor falou a Palabra de Deus Pai: ‘Este é o meu predilecto, escoitádeo’. Agora, despois de baixar do monte, a mesma voz dinos, referíndose a tódolos irmáns de Xesús do mundo enteiro: ‘Estes son os meus fillos queridos. Escoitádeos’. Son os pobres e os pequenos, os excluídos, os esquecidos, os afectados por tódalas crises e calamidades. Subirmos ó monte, si, mais para escoitarmos a Deus que convida a baixar ós infernos da sufrimento e da inxustiza humana, para liberarmos a xente de toda clase de escravitude”.

            Unha tarefa á que estamos convidados non só no tempo coresmal, senón ó longo de toda a nosa vida.

 

Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/2-coresma-c-lucas-928b-36/


Comentarios

Publicacións populares