FICHA E LECTIO: DOMINGO 3 DE CORESMA C

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Unha relixión do espírito e da verdade

 (20. III. 2022)

            O tempo de Coresma vai avanzando e nós deberiamos irnos renovando interiormente ó seu ritmo. Hoxe ofrécesenos a posibilidade de escollermos na liturxia as Lecturas  do Ciclo A (o de hai dous anos) en vez das do Ciclo C no que propiamente estamos. Non quixen desaproveitar a ocasión que se nos brinda, porque a lectura do encontro de Xesús coa muller samaritana, descrito por Xoán, é unha verdadeira preciosidade pola súa sinxeleza ou espontaneidade e mais pola fondura do seu contido.

            Sérvenos ademais pra irmos afondando, cada vez máis decididamente, na grandeza e orixinalidade da mensaxe de Xesús. Pois, se no comezo da Coresma se nos pediu que “nos convertésemos e crésemos no Evanxeo”, é dicir na “boa nova”, teriamos que estar atentos ás novidades fundamentais que nos trae Xesús e que se distinguen netamente de anteriores manifestacións de Deus na historia humana.

            E estas novidades de Xesús –estou diso moi convencido- seguen sendo verdadeiramente novas nos tempos de hoxe e seguirano a ser nos vindeiros, porque o acontecemento da aparición e presenza de Xesús onda nós veu romper tódolos moldes, incluso os relixiosos da época. Isto é así pola mesma razón pola que Deus, o Deus infindo e inabarcábel, rompe por si mesmo con tódalas pequenas ideas e conceptos nos que nos gustaría apresalo. Pois Xesús non é, nin máis nin menos, có anunciador elixido polo Deus misterioso e inabarcábel para nos comunicar quen é e como é ese Deus.

            En Xesús ofrécenos Deus, o Deus creador de todo, a doada e gratificante posibilidade de achegármonos a El, ó Deus infindo e misterioso, sen utilizarmos vellos ritos ou transitando por vías digamos oficiais, venerábeis ou tradicionalmente admitidas polas diversas culturas. Se isto que digo vos puidera parecer esaxerado ou estraño, escoitade unha vez máis o que lle comenta Xesús, cansado e sedento, a esa muller samaritana, á que todos lle debemos agradecer moito ter sido tan oportuna como para se lle ocorrer ir a por auga ó pozo cando alí estaba a acougar Xesús.

            Polo relato de Xoán sabemos que a muller cambiou de terzo na súa conversa cando Xesús lle fixo referencia ós cinco maridos que tivera. Xesús non a condena nin a despreza por iso. Quen sabe se aquela era unha muller consciente de si mesma, con suficiente sentido da súa dignidade e liberdade para non se deixar someter ós autoritarismos e desprezos respecto dela por parte dos sucesivos maridos! Non esquezamos que naquela cultura e naquel tempo a muller era aínda máis discriminada ca en tempos posteriores.

            Esta benévola e comprensiva actitude de Xesús con ela é a que lle fai de súpeto intuír que a persoa que está alí a falar con ela é alguén que non se parece en nada ós homes que coñecera. Coa intuición propia dunha muller intelixente e coñecedora da vida humana, a samaritana decátase axiña, así pois, de que alí diante dela está un home de Deus ou, como ela se expresa, un “profeta”.

            É para ela, polo tanto, o momento axeitado para lle formular unha pregunta digamos directamente “relixiosa”. A pregunta que lle fai a Xesús é sobre o lugar no que está Deus, sobre cal é a relixión “verdadeira”, a del, é dicir, a do xudeu Xesús, ou a dela, a dos samaritanos. Unha pregunta que moitos nos podemos facer tamén hoxe en día ante a presenza ó noso lado de crenzas ou confesións relixiosas tan diversas. Se ve que a intelixente muller non era tampouco unha “dogmática” respecto da súa propia relixión, senón que tiña dúbidas sobre a lexitimidade do seu modo concreto de se vincular a uns determinados ritos ou lugares de culto.

            Xesús naturalmente non a vai defraudar. Porque se a muller samaritana, polo que se ve, era unha muller amante da liberdade e da verdade, Xesús serao aínda moito máis ca ela. Pois el é o fillo “benquerido” do Pai Deus, que é a mesma liberdade e o amor absoluto presente en calquera tempo e lugar. En consecuencia, Xesús vai encher o corazón da muller cun espírito de liberdade e verdade, que a converterá en anunciadora ante os seus veciños da gran mensaxe recibida.

            Porque Xesús vai liberar (unha vez máis Xesús como “liberador”!), vai descargar esta muller, aberta á verdade e á liberdade, das angustias e atrancos ós que estaba sometida na concreta sociedade en que estaba a vivir.

            Coido que a resposta que lle deu Xesús a esta muller hai vinte séculos non está aínda suficientemente asimilada nos nosos tempos, incluso entre os que nos chamamos cristiáns e seguidores del. É unha resposta absolutamente sorprendente, mais totalmente coherente coa experiencia fonda e íntima que el tiña de seu Pai Deus.

            Velaquí a súa resposta á muller, tendo presente aquel mandado do Pai: “Este é meu fillo benquerido, o elixido. ESCOITÁDEO”. É unha resposta case incríbel: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai... Chega a hora –e velaí- en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o adoren en espírito e verdade”.

            Con estas palabras púxolle Xesús definitivamente no seu interior á samaritana aquela auga, mellor dito, aquela –nas súas palabras- “fonte que salta ata a vida eterna”, que ela en realidade estaba sempre no fondo a buscar.

            En tal sentido, un cristián éo de verdade cando, ó se achegar á súa igrexa habitual para escoitar a mensaxe de Xesús e se alimentar da súa doutrina e da súa persoa, é perfectamente consciente de que a nosa “adoración” do Deus de Xesús non se restrinxe ou limita a un concreto lugar, senón que ocorre e pode ocorrer en calquera lugar do mundo, sexa ou non considerado como sagrado. Por que? Porque o Deus de Xesús non é só o Deus dalgúns, senón o Deus de todos. A súa Palabra, é dicir, Xesús, diríxese sempre a tódalas conciencias en calquera tempo ou lugar e no seo de calquera cultura ou relixión.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares