2º DOMINGO DE CORESMA - CICLO C
Primeira Lectura Xen 15, 5-12. 17-18
Deus establece alianza co fiel Abrahán
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Naqueles días, Deus levou fóra a Abrahán e prometeulle:
‑ "Olla cara ao ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes". Abrahán creu ao Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.
Despois díxolle o Señor:
‑ "Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".
Abrahán preguntou:
‑ "Señor e dono meu, como saberei que será miña?"
O Señor respondeu:
‑ "Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".
Abrahán trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. Os voitres descendían á carnada, e Abrahán espantábaos.
Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abrahán un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.
Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abrahán viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume.
Aquel día fixo o Señor con Abrahán esta alianza:
‑ "Ós teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates,
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 26, 1. 7-8. 9abc. 13-14
R/. (1a): O Señor é a miña luz e salvación.
O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?
Escoita, Señor, a miña voz, que estou clamando,
ten misericordia de min, respóndeme.
O meu corazón dixo de ti:
"Buscade o meu rostro".
O teu rostro eu busco, Señor.
Non afastes de min o teu rostro.
Non rexeites con ira o teu servo,
Ti es a miña axuda.
Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.
Segunda Lectura Flp 3, 17 -- 4, 1 (longa)
Cristo hanos configurar co seu corpo glorioso
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns:
Seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. É que moitos ‑ dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar ‑ pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o seu bandullo; a súa gabanza está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais.
Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou máis breve: 3, 20 -- 4, 1
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Irmáns:
A nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO
Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.
Evanxeo Lc 9, 28b-36
Transfigurouse o seu rostro mentres oraba
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, Xesús colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes.
De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
‑ Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ao entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube:
‑ Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.
Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario