MÉRCORES DE CINZA
CHAMAMENTO Á ORACIÓN POR UCRAÍNA
DO PAPA FRANCISCO
Teño unha gran dor no corazón polo empeoramento da situación en Ucraína. A pesar dos esforzos diplomáticos das últimas semanas están a abrirse escenarios cada vez máis alarmantes.
Do mesmo xeito que eu, moita xente en todo o mundo está a sentir angustia e preocupación. Unha vez máis a paz de todos está ameazada polos intereses das partes.
Quero facer un chamamento aos que teñen responsabilidades políticas, para que fagan un serio exame de conciencia diante de Deus, que é Deus da paz e non da guerra; que é Pai de todos, non só dalgúns, que nos quere irmáns e non inimigos.
Pido a todas as partes implicadas que se absteñan de toda acción que provoque aínda máis sufrimento ás poboacións, desestabilizando a convivencia entre as nacións e desacreditando o dereito internacional.
E quero facer un chamamento a todos, crentes e non crentes. Xesús ensinounos que á insensatez diabólica da violencia se responde coas armas de Deus, coa oración e o xaxún.
Convido a todos a facer do próximo 2 de marzo, Mércores de Cinza, unha Xornada de xaxún pola paz. Animo de forma especial aos crentes para que nese día se dediquen intensamente á oración e ao xaxún. Que a Raíña da paz preserve ao mundo da tolemia da guerra.
Comentarios
Publicar un comentario