4º DOMINGO DE CORESMA - CICLO C

 

Primeira Lectura    Xos 5, 9a. 10-12

O Pobo de Deus celebra a Pascua ao entrar na terra prometida

LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ


            Naqueles días, díxolle o Señor a Xosué:

            ‑ "Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto".


            Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Iericó.

            No día seguinte á Pascua, comeron dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día.

            E, ao día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán.


                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


SALMO RESPONSORIAL     Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7

R/. (9a): Probade e vede o bo que é o Señor.


Bendigo o Señor en todo instante,

teño sempre na boca a súa loanza.

Eu gloríome no Señor:

que escoiten os humildes e se alegren.


Exaltade comigo o Señor,

loemos xuntos o seu nome.

Eu busquei o Señor, El respondeume,

libroume de todos os temores.


Contempládeo, e quedaredes radiantes,

os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.

Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,

librouno de todos os apuros.


 


Segunda Lectura    2 Cor 5, 17-21

Deus reconciliounos consigo por medio de Cristo

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:

            Quen estea en Cristo é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Velaí unha realidade nova.

            E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación.

            Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. Somos, logo, embaixadores de Cristo, coma se Deus vos exhortase por medio noso.

            Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós nos volvésemos nel xustiza de Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


 


VERSÍCULO    Lc 15, 18

Levantareime e irei onda meu pai e direille:

meu pai, pequei contra o ceo e contra ti.


 


Evanxeo     Lc 15, 1-3. 11-32

Este teu irmán estaba morto e reviviu

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


            Naquel tempo, os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:

            ‑ Este acolle os pecadores e come con eles.


            Entón Xesús contoulles esta parábola:

            ‑ Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.

            Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.

            Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".

            Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".

            Pero o pai díxolles aos seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés.

            Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.

            Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mailo baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba.

            O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.

            Pero o pai, saíndo, intentouno convencer. El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

            O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares