FICHA E LECTIO: DOMINGO XXXI ORDINARIO B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Un
só mandamento
(31. X. 21)
Tentarei
ser algo máis breve do normal, dado que mañá esperamos vérmonos de novo aquí
por mor da festividade de “Tódolos Santos” coa que comeza o mes de novembro,
tamén chamado entre nós “mes de santos”.
É
breve e concreto tamén o texto do discurso de Xesús que hoxe nos refire, unha
vez máis, Marcos. El mesmo é, en certo modo, a mesma “concreción” de Deus-Pai
no mundo, ou –dito doutra maneira- o Deus
visíbel e tanxíbel.
Cómpre
non deixar de lado que o diálogo de hoxe co letrado ocorre no día seguinte da
coñecida escena do templo na que Xesús botara sen contemplacións fóra do templo
os que andaban a facer os seus negocios vendendo ou mercando determinados
animais para os sacrificios que alí se realizaban. Algo que obviamente non
debeu de ser do agrado dos administradores relixiosos de tales actos de culto:
os sacerdotes do templo e mailos escribas.
Con
isto estaba el a realizar un xesto importante e significativo. E xa sabemos que
un xesto vale máis ca mil palabras. Dalgún xeito viña el amosarnos así que a
nosa relación con Deus Pai debería ir alén do cumprimento dunhas determinadas
normas ou da realización duns concretos ritos cultuais: aqueles que tiñan lugar
de maneira centralizada no templo de Xerusalén.
Xesús
quere baixar en certo modo a Deus do ceo á terra. Porque, á fin e ó cabo, ¿que
é el senón a presenza viva e concreta de Deus no mundo? ¿E que deberiamos ser,
en consecuencia, os seres humanos senón presenzas, vivas e palpitantes tamén,
do Xesús, Fillo de Deus e irmán maior noso, neste mundo? Con isto o “Deus que
está no ceo” non desaparece, senón que amosa a súa verdadeira face en Xesús (no
Emmanuel de Deus, é dicir, no “Deus connosco”) e en tódolos rostros da
humanidade enteira.
É,
pois, xustamente neste contexto cando un dos letrados lle vai preguntar a el
(como digo, no día seguinte da escena do templo) cal é o “primeiro” mandamento
da lei. Para comprobar, coa resposta que lle dea Xesús, se este respecta de
verdade as xerarquías morais e relixiosas do xudaísmo. Non lle vai fallar ó
letrado, porque non fará senón botar man das mesmas palabras do libro do
Deuteronomio (6, 4-5), respondéndolle: “O primeiro é: Escoita, Israel: O Señor,
noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón,
con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”.
Con
isto semellaría en principio que a pregunta quedaba respondida. Mais, tendo en
conta a escena do día anterior, vai el engadir algo decisivo, porque este algo
vén ser en realidade o centro mesmo da súa mensaxe e da súa mesma persoa. Pois
el vai colocar, efectivamente, dalgunha maneira ó mesmo nivel có primeiro
mandamento o chamado segundo, cando seguidamente lle di ó letrado (sen que
este, pola súa parte, lle tivese preguntado por este segundo mandamento): “O
segundo é este: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Non hai mandamento máis
importante ca estes”.
Hai
que ter en conta que no Antigo Testamento estes dous mandamentos se atopaban en
certo modo mutuamente desvencellados. Do primeiro fálase no Deuteronomio e do
segundo no Levítico (19, 18), mesturado aquí este mandamento entre outras moi
diversas normas morais e cultuais. Xesús, en cambio, une directamente ámbolos
dous mandamentos, considerándoos como semellantes e mutuamente inclusivos e
indicando expresamente que non hai ningún outro mandamento que os supere en
importancia. Cousa que o seu interlocutor, o letrado, aceptará, co agrado de
Xesús, ó comentar tamén o mesmo letrado que eses mandamentos son “máis importantes
ca tódolos holocaustos e sacrificios”.
Ben
se pode ver, pois, por que estas declaracións de Xesús veñen colocar o centro
da nosa fe cristiá non no “templo”, senón nas persoas humanas. Esas persoas
coas que, por aquí e por alá, nos atopamos día tras día. Nelas, en nós, habita
o Deus Pai que nos quere. Pola graza de Deus Pai estamos así convertidos
dalgunha maneira en verdadeiros templos da divindade. En consecuencia, non nos
será xa posible endexamais separar o noso culto a Deus do noso servizo e entrega
a tódolos irmáns do mundo enteiro.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario