DOMINGO XXIX ORDINARIO - ciclo B

 

Primeira Lectura   Is 53, 10-11

Se entrega a súa vida en expiación, verá unha descendencia lonxeva

LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS


            O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento.


            Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.

Pero el verá descendencia, alongará os seus días

e por medio del cumprirase a salvación do Señor.


            Polos traballos da súa vida verá a luz,

alcanzará a sabedoría.


            O Xusto volverá xusto o seu Servo

para o ben de moitos

e as iniquidades destes el soportará.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL   Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22

R.: (22)Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.


A palabra do Señor é recta

e todas as súas obras son leais;

el ama o dereito e a xustiza,

a súa misericordia enche a terra.


Os ollos do Señor están postos nos que o temen,

nos que esperan na súa misericordia,

para librar as súas vidas da morte,

para os manter no tempo da miseria.


Nós agardamos o Señor;

El é o noso socorro, o noso escudo.

Veña a nós, Señor, a túa misericordia,

como de ti o esperamos.


 


Segunda Lectura   Heb 4, 14-16

Acheguémonos con confianzaao trono da graza

LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS


            Irmáns:


            Xa que temos un Sumo Sacerdote grande que penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.

            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.

            Acheguémonos pois, con liberdade,ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




ALELUIA   Mc 10, 45

Se non se canta, pódese omitir


Aleluia, aleluia.

O Fillo do Home veu para servir

e para dar a súa vida en redención por moitos.

Aleluia.



Evanxeo   Mc 10, 35-45 (longa)

O Fillo do Home veu para dar a súa vida en redención por moitos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo—Santiago e mais Xoán—, dixéronlle:

            — Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.


            El preguntou:

            — E logo, que é o que queredes que vos faga?


            Contestáronlle:

            — Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.


            Respondeulles Xesús:

            — Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber e de recibir o bautismo que eu teño que recibir?


            Respondéronlle:

            — Somos.


            Xesús replicou:

            — O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.


            Ao escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón, Xesús chamounos e díxolles:

            — Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante que sirva os outros e quen queira ser o primeiro que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar asúa vida en rescate por todos.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo


______________________________________________________________________


Ou:42-45 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, chamando Xesús aos Doce, díxolles:

            — Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante que sirva os outros e quen queira ser o primeiro que sexa o máis servizal.


            Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar asúa vida en rescate por todos.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo


Comentarios

Publicacións populares