FICHA E LECTIO: Domingo XXVIII de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Felicidades que non cotizan
en bolsa
(10.X.21)
Xesús
está sempre á beira das vidas humanas coas que se atopa. Está alí para
acompañalas, para animalas, para erguelas a novos e insospeitados niveis de
realización. Porque todos levamos dentro xermes de autosuperación, de novas
posibilidades de realizármonos. Pois o noso interior, os nosos desexos e
horizontes máis íntimos son sempre meirandes cós que inmediatamente percibimos.
Todos, dunha ou doutra forma, queremos ir sempre alén dos nosos horizontes
acostumados. Queremos ser sempre o que somos, pero tamén máis do que somos e
selo ademais sen que esa nova e desexada situación remate nalgún intre.
O
que nos ocorre a nós pasáballe tamén a esa persoa da que se nos di no texto do evanxeo
que se axeonllou ante Xesús. Para el era el símbolo e resumo de toda a bondade
a grandeza que se podía atopar no mundo. Dísenos explicitamente alí que se
trataba dun home adulto, ben asentado xa na vida. Posuía bens e fortuna. Fálase
da súa “mocidade” como dunha etapa pola que xa pasara. Mais ¡claro! esta persoa,
como nos ocorre dalgunha maneira a todos, non é totalmente feliz, non se
encontra totalmente satisfeita consigo mesma. Non deixa de albiscar que algo
lle debe faltar aínda para realizar plenamente a súa vida. Vive, si, e vive
ademais con fidelidade ás normas tradicionais da súa relixión xudía. Digamos
que se trata dun crente cabal do xudaísmo. Garda os mandamentos etc.
Mais
o que a el lle preocupa é a curtidade da vida e o pouco que en definitiva a
vida lle satisfai. De que lle vale vivir ben e ser tamén un bo xudeu
practicante se resulta que despois de todo a súa vida non é “eterna”? Porque
ter vida “eterna” non é só tela despois, é dicir, a que chamamos a vida trala morte.
Vida “eterna”, ou sexa, plena, e tela tamén nesta vida presente. É dicir,
sentirse –tal como adoitamos dicir- plenamente realizados e felices co que
estamos a facer na vida, por máis que poidamos ter se cadra horas baixas
(segundo adoitamos dicir).
No
contexto destas consideracións, quizais se poida entender algo da importancia e
da paixón coas que esta persoa lle formularía a súa pregunta a Xesús: “Mestre
bo, ¿que teño que facer para acadar a vida eterna?”.
A
esta persoa non lle satisfacía, como digo, a súa normal e correcta vida
relixiosa. Un certo baleiro se abría no seu interior, que demandaba nova luz e
novas augas de vida. E Xesús, ese mestre de vida que Deus Pai ofrece de maneira
plena e definitiva ó mundo –a toda a humanidade-, vaille ofrecer o verdadeiro
camiño de realización. É un vieiro dificultoso, á primeira vista case imposíbel
de realizar, mais gratificante, plenificante, fornecedor de verdadeira “vida
eterna”, daquilo xustamente sobre o que esta persoa demanda información, porque
a preocupa e atrae.
Xesús
sabe do dificultoso e pedregoso deste camiño. Un camiño que en definitiva é el
mesmo. Pois xa sabemos que el se presenta ante nós como “o camiño, a verdade e
a vida”. Por iso nos di o evanxelista Marcos que Xesús -seguramente pra lle dar
ánimos a quen lle preguntaba sobre o modo de “acadar a vida eterna”- “o fitou
cunha mirada chea de agarimo”. Aínda así, non acadou vencer as resistencias que
o feito de ter “moitos bens” lle impedían a esa persoa empezar a andar polo
verdadeiro camiño de “acadar a vida eterna”.
O
resto da mensaxe de Xesús é ben coñecido, aínda que non por iso suficientemente
asumido nas nosas vidas. É unha linguaxe explícita e sen contemplacións contra acugular
riquezas que non se poñen ó servizo dos demais, dos máis pobres e necesitados.
Esas riquezas agáchannos a visión da realidade e non nos deixan ver as
necesidades dos demais. Así non é posíbel construír a fraternidade á que estamos
chamados. Por algo o papa Francisco comentaba nalgún momento aquilo de “cómo me
gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!”. El tomou precisamente o nome de
Francisco pola admiración e devoción que lle ten ó santo de Asís. E ben sabemos
que San Francisco de Asís levou na súa vida a mensaxe de Xesús sobre a pobreza
ata as últimas consecuencias. A súa festividade foi este pasado luns, o día 4
deste mes de outubro en que estamos.
En principio e falando algo abstractamente, podería pensarse incluso como algo estraño tal medo á pobreza dado que Xesús lles asegura ós que se desprenden dos seus bens que acadarán felicidade non só na “outra” vida senón tamén nesta. Certamente, o evanxeo dá sempre que pensar ó ofrecer ou presentar camiños para a felicidade humana que pouco teñen en común coa xeral propaganda comercial ou cos usuais receitarios pra acadala.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/28-tempo-ordinario-b-marcos-1017-30-3/
Comentarios
Publicar un comentario