DOMINGO XXXI ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura Dt 6, 2-6
Escoita, Israel, amarás o Señor de todo corazón
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
— Respecta o Señor, o teu Deus, gardando todos os seus preceptos e os seus mandamentos, os que eu che prescribo hoxe, ti e o teu fillo e mais o teu neto, todos os días da túa vida, para que se alonguen os teus días.
Escoita, Israel, e ten coidado de obedecer para que sexas feliz e te multipliques moito, pois tal como cho falou o Señor, Deus dos teus pais, aquela é unha terra que deita leite e mel.
Escoita, Israel: “O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con toda a túa forza. As palabras estas, que eu che prescribo hoxe, quedarán gravadas no teu corazón”.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
R.: (2)Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.
Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.
Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.
Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá ao rei grandes vitorias
e mostra misericordia ao seu unxido.
Segunda Lectura Heb 7, 23-28
Ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Irmáns:
Foron moitísimos os sacerdotes do primeiro Testamento porque a morte non os deixaba ser duradeiros, pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre.
Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre aos que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
Pois era xustamente deste xeito o sacerdote que nos cumpría: santo, sen ruindade e sen pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta ca o mesmo ceo.
Non necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do pobo, como os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez para sempre, ofrecéndose a si mesmo.
En síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote o Fillo que logrou a salvación plena para sempre.
Palabra do Señor R.: Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.
Evanxeo Mc 12, 28b-34
Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Naquel tempo, acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
— Cal é o primeiro de todos os mandamentos?
Respondeu Xesús:
— O primeiro é: “Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. O segundo é este: “Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamento máis importante ca este.
O letrado replicou:
— Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza e amar o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.
Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
— Non estás lonxe do Reino de Deus.
E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.
Palabra do Señor R.: Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario